Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na Casa das Palabras de Vigo

jueves, 26 de febrero de 2015
Os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, acompañados polo noso coordinador Luís Ángel Rodríguez Patiño, e o noso profesor Felipe Senén López, viaxamos á cidade de Vigo, para visitar o VERBUM ou CASA DAS PALABRAS.
Na Casa das Palabras de Vigo
Como fai habitualmente, Felipe foinos comentando detalles interesantes nos que nos debíamos fixar durante o recorrido. Chegando á cidade de Pontevedra, os malos olores da celulosa, a contaminación da ría a causa dos vertidos... Como viaxamos pola costa, chegando a Marín, o colexio de Placeres, o complexo de Lourizán, coa casona de Montero Ríos, a Base Naval, obra de Antonio Cominges... Logo, a praia de Portocelo e a de Mogor. Aquí, fixemos unha parada para observar os famosos petróglifos, incluído o labirinto, que nace dunha cruz, unha importantísima obra da arte rupestre, que foi motivo de varios libros e congresos. E tamén a fermosa paisaxe que desde aquí se observa, coa illa de Ons ao fondo.

Seguidamente, a praia de Aguete, o Seixo, onde, ademais da igrexa católica, hai outra protestante bastante importante. Atravesamos a ría pola ponte de Rande, debaixo da cal aínda permanecen os famosos galeóns, dos que fala Julio Verne na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarino”. Á esquerda, a illa de San Simón, antigo lazareto; logo, durísima prisión durante a guerra civil e, posteriormente, orfanato.

Continuando cara a Vigo, á dereita, a virxe da Guía, deseñada por un arquitecto discípulo de Antonio Palacios. Xa na cidade, entramos polo barrio de Teis. Logo, o Berbés, o barrio máis antigo da cidade. O porto, a antiga Estación Marítima, desde onde partiron tantas persoas cara América. Construída en 1.959, e diante da cal hai un monumento ao emigrante e tamén á familia que o despedía. Hoxe en día, lugar de chegada e partida de grandes cruceiros turísticos. Un fermoso cruceiro do escultor Faílde. A nova estación marítima, co seu centro de visitantes, lugar de chegada e partida dos pequenos barcos que fan a liña a Cangas, Moaña, ás Cíes... O club Náutico, o antigo hotel Bahía, unha orixinal escultura de Paco Leiro, “O esnafrado”. Un moderno centro comercial.

Deixamos o Berbés e entramos en Bouzas, onde están as grandes consignatarias. A lonxa, cos grandes camións frigoríficos preparados para a distribución do peixe. O porto pesqueiro, o porto industrial. Os estaleiros de Barreras. Seguimos cara a Samil. Á dereita, o museo do Mar, situado na parroquia de Alcabre, onde se atopaban os antigos matadoiros de Vigo. A marabillosa paisaxe da ría de Vigo, coas illas Cíes ao fondo.
Na Casa das Palabras de Vigo
Chegamos ao VERBUM, motivo principal da nosa viaxe, aínda que non o único. E D.Felipe explicounos que se trata dun moderno edificio, exemplo da arquitectura contemporánea, deseñado por César Portela. É un cubo, construído con ferro, vidro, pedra e mesmo algúns materiais de importación. Nace no ano 2003. Atópase ao lado de praia de Samil. No centro, contén un lucernario, a través do cal a luz do sol ilumina a estancia de diferentes formas ao longo do día.

O Verbum é un museo interactivo. No seu interior, hai unha serie de cubos de madeira. Cada cubo asóciase cunha letra. Xuntos abarcan todos os aspectos relacionados coa palabra: como falamos, como escoitamos. Diferentes tipos de comunicación. As máis importantes linguas do mundo, cos seus diferentes alfabetos. A súa orixe. A linguaxe corporal. Como xurdiu a escritura, desde os petróglifos, os ideogramas, ata chegar ás letras. As táboas, pergameos, o papel, os libros manuscritos, coa importancia dos Mosteiros na súa confección. Logo, a invención da imprenta, no século XV, co que isto supuxo para a expansión da cultura. Os primeiros libros das diferentes culturas e relixións. A Biblia, o Corán, o libro do xudaísmo, do hinduísmo...

A árbore xenealóxica das linguas. A familia indoeuropea. Xogos de palabras. As siglas. Adiviñas. Trabalinguas. A importancia das palabras no mundo da publicidade, cun determinado tipo de letras. Algunhas palabras constitúen formas de código universal, como STOP, por exemplo. Os diferentes elementos para escribir: a plumilla, o encerado, o lapis, o bolígrafo, disquetes, discos, microchips... Todo isto ata os nosos días, coa revolución das comunicacións. O cambio da linguaxe. Como se abrevian as palabras. Os ordenadores, os móbiles, as táblets. O alfabeto Braille...

En conclusión que o falar e escribir, a comunicación en xeral, foi un fenómeno evolutivo de miles de anos.

Finalmente, para saír da cidade, pasamos pola polémica rotonda de Coia, onde o señor Alcalde de Vigo se empeñou en instalar un barco, gastando un montón de diñeiro, que lle cadraría moi ben para solucionar os moitos problemas de emerxencia social que están padecendo gran cantidade de veciños. O barco estaba ben no porto ou no museo do Mar.

Como sempre, fixemos unha viaxe interesantísima e estamos moi agradecidos a todos os que nos proporcionan estas experiencias.

Lourdes Pérez Freire é alumna da Uned Senior de Xestoso.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES