Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lingua Nai

lunes, 27 de marzo de 2006
Aloumiños. Bicos. Agarimo. Gargalladas. Sorrisos. Engaiolar. Namorar. Cavilar. Maxín. Lembrar. Esquecer. Veludo. Arrecendo. ¿Como renunciar á fala do galego con palabras tan fermosas? No pasado día da lingua materna, o galego merecíame o regalo dunhas palabras, sentidas dende dentro, moi dentro, alá no fondo do que demos en chamar alma. Xustifícanse porque o idioma é realmente o instrumento que nos representa e tamén porque co emprego libre da nosa lingua temos a oportunide de exercermos o papel de ser galegos. Así de sinxelo.
Cómpre parar a cavilar por un intre e reflexionar sobre a situación actual da lingua nai, esa na que nos educaron no calor do fogar, na que se manifestan os nosos soños, na que creamos as distintas construcións sintácticas para falar coa xente ou comunicarnos coa escrita, na que tamén escoitamos os primeiros contos. ¿E que non lle debemos un respeto e unha homenaxe? Digo eu que a mellor maneira de honrala é falala, uníndonos aos galegos como sinal de identidade.
Quen fale en galego co amor á lingua nai sentirá o latexar de Galicia no peito, escoitando ao lonxe as cantigas medievais da tradición galego- portuguesa, os Cantares Gallegos de Rosalía, e a Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, como tamén os poemas de Manuel Antonio en De catro a catro. Toda a literatura galega é o doce arrecendo que guía aos amantes desta lingua polo estudo e pola súa defensa, ás veces máis fóra das fronteiras galegas, aparecendo traducións de libros ao galego en lugares recónditos e lonxe das catro provincias. Como lamentable é que habendo autores notables en galego, e boas obras, se impoñan como lecturas obrigatorias en parte dos centros de secundaria libros que chegan ao mercado galego como traducións de obras inglesas, etc. Reivindiquemos o autóctono e non fagamos logo homenaxes póstumas.
Cada 17 de maio Galicia dispón dun día de defensa da nosa escrita, grazas ao rexurdir do galego con Rosalía de Castro, Curros e Pondal, entre outros. E cada 25 de xullo, co patrón de Galicia, patrocinamos de novo unha lingua e cultura propias. Hoxe coa celebración do Día da Lingua Materna o mesmo, loitamos coa fala pola defensa do que é máis noso, do que aos nosos antepasados lles arrabetaron en diferentes períodos da historia. Así, nos últimos anos, con iniciativas coma o Correlingua, que naceu como proposta lúdico- educativa, co fin de que os centros de ensino participaran nunha carreira en prol do idioma galego, buscouse outro camiño para o seu fomento.
Hai quen di que cando un ancián morre se perde unha biblioteca, algo que a miúdo acontece co patrimonio oral e intanxible, que é necesario salvagardar para o futuro. Os oficios de vello e as xergas propias, como dos afiadores é o barallete, a cultura agromarítima, a lingua e a literatura son tesouros dun patrimonio que se perde co paso do tempo, cando se esvaecen os contos populares e se esquecen as cantigas do pasado, sendo conscientes de que gran parte desa riqueza do floklore xa se foi coas xentes. Sábese que existen centos de lendas e cantigas que se perderon, pero quedan outras moitas por recuperar e fixar, moito camiño por andar, en definitiva, moito patrimonio que apreixar como legado para as futuras xeracións.
Temos na man a invitación para empregar a lingua materna con naturalidade, no seo da familia e tamén en calquera outro eido. Podemos usar o galego en todos os ámbitos, tan válido coma calquera lingua, e con grande riqueza léxica. E aínda así a realidade amosa sectores estancados que non mudan os seus hábitos lingüísticos. Como teño dito noutras ocasións, só queda desexar que os usos cambien e que o galego teña cada vez máis adeptos, máis seguidores do único xornal en galego. Queda, en definitiva, soñar con que, como fillos, agromen cada vez máis libros en galego, con versos na lingua nai e contos co folklore galego.
E como aconsellaba Sarmiento, comecemos por empregar o galego na escola, como verdadeiro compromiso para que as novas xeracións leven esa riqueza lingüística correndo polas veas. Todo porque a lingua e a cultura lugar onde nacemos é o patrimonio que debemos conservar para o futuro, sen deixar que a nosa esencia de ser galegos de perda contribuíndo á predicción dada pola Unesco hai uns anos de que a lingua galega estaría condenada a desaparecer no futuro se non se poñía remedio. É necsaria a loita da palabra, sen armas, coa fala, movendo o músculo da boca.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES