Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paz e reconciliación

lunes, 20 de marzo de 2006
Ou reconciliación para a paz. Obxectivo imprescindíbel no noso camiñar cara á Pascua. Comezar por reconciliármonos con nosoutros mesmos (¡aceptándonos e queréndonos!) para, dese xeito, poder colaborar cos que comparten connosco a mesma vida/mundo. Obxectivo común de toda persoa humana por enriba das súas crenzas e relixións.

O panorama do mundo é aberrante. Volve a guerra “preventiva” ao Iraq. Igual ca no comezo. Máis cinismo e hipocrisía. Cheira a corrupción e a podremia o ar que se respira no mundo da política, da economía e mesmo da degradación das grandes relixións. A maridaxe Deus/Poder, Deus/Diñeiro, Templo/Mercado segue a estar presente. Como nos tempos de Xesús, reina a ambición, a mentira, a manipulación, a profanación.

O talante pacífico de Xesús estalou ante a repugnante profanación do Templo. “Facendo un vergallo, botounos fóra; guindou cos cartos e virou as mesas; e aos que traficaban, díxolles: Arredádeme de aquí estas cousas: non fagades da Casa do meu Pai unha cova de ladróns” (Xoán, 2,13-25) Esta historia adiantou a morte violenta de Xesús.

No camiño dunha revisión seria, é bo que nos preguntemos: ¿que imaxe teño de Deus?: ¿como son as miñas/nosas relacións con El?; ¿que faría Xesús ante o que acontece nos templos católicos, como Xerusalén, Roma, Santiago e noutros!?; ¿que acontece nas amplas mezquitas dos árabes e nas sinagogas dos xudeus? O Papa (antonte) mándanos outro aviso: “cristiáns, xudeus e mahometanos deben cooperar á paz”. ¿Que opinamos dos ampulosos santuarios nos que se reparten as riquezas os amos da Banca, da Bolsa e das Multinacionais que están a afogar aos pobres/famentos do Mundo?.

Non é doado atopar a Deus (encontrármonos con El) nos nosos templos, ritos e actos de culto, coa mestura dos cartos polo medio. Estase a favorecer a práctica relixiosa evasiva no canto do culto que Deus quere: servir aos irmáns, os verdadeiros templos onde está  Deus. Traficar coa relixión é un insulto a Deus. O Deus Amor/Gratuidade non casa co diñeiro. “Hai que erguer “ o novo templo” da xustiza e da irmandade, a mesa do pan compartido, como “novo e verdadeiro culto” ao Deus da misericordia e da liberación”.

Promover “a paz e a reconciliación” entre as persoas é o obxectivo que ven de fixar o Papa para a Radio Vaticana, nos 75 anos de “servizo á concordia”. ¿Non lles parece que “este obxectivo” debería ser asumido polas emisoras (sobre todo da Igrexa e do Estado) e polos políticos/parlamentarios!? Están a darnos mal exemplo ao esnaquizaren as máis elementais normas éticas e morais para unha normalizada convivencia humana. Sería o mellor aval para facer crible a nova proposta da “educación para a cidadanía”.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES