Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O P. Seixas e inculturación da Igrexa galega

miércoles, 28 de enero de 2015
Comezaremos presentando a Editorial SEPT, unha editora un pouco atípica, á que Seixas estivo moi ligado e coa que colaborou activamente nos traballos pola inculturación da nosa Igrexa galega. Constitúese ante notario na cidade de Santiago de Compostela, o día 15 de Nadal de 1966.

Nos seus primeiros tempos SEPT centrou os seus esforzos en gañar a batalla da oficialización do galego na liturxia. Todo estaba por facer.

Andando o tempo abordou publicacións en galego de pensamento cristián e de teoloxía, e nesa tarefa segue comprometida. Tamén promoveu a tradución e publicación da Biblia ao galego desde as linguas orixinais, que logo serviu de base para os textos da liturxia en galego.

Seixas asesor relixioso de SEPT ao regreso da República Dominicana

Seixas regresa da República Dominicana, onde estivo de misioneiro, en xuño de 1965. Decontado Seixas toma contacto coa xente de SEPT. A súa vocación misioneira é a que o fai optar por quedar en Galicia, que considera país de misión, para levar a termo labores de promoción cultural, social, relixiosa. Nesto coincide plenamente co ideario de SEPT e esta sintonía fai que entre a formar parte de SEPT como asesor relixioso, baixo a recomendación do Cardeal Quiroga Palacios.

A batalla pola oficialización do galego na liturxia

Cando os ventos do Concilio Vaticano II abriron as portas ao emprego das linguas vernáculas na liturxia, os bispos galegos deixaron fóra o galego. O P. Seixas participa activamente nas xestións e actuacións que culminarían coa concesión ao galego do rango oficial que lle correspondía na liturxia como lingua propia de Galicia o 7 de xaneiro de 1969.

As misas en galego e a Comunidade de Vida Cristiá

Seixas celebra en galego no ano 1965 a misa por Rosalía de Castro, o 25 de xullo, en San Domingos de Bonaval. A misa fora promovida no ano 1932 e despois da guerra civil converteuse nun símbolo de resistencia das esencias galegas e a ela acudían personalidades destacadas do galeguismo. Cando rematou a misa, Ramón Otero Pedrayo achegouse a Seixas e deulle unha grande aperta: ”Estaba agardando que chegase este día e chegou, xa podo morrer contento”.

Cando se aproba o galego como lingua litúrxica oficial, un dos problemas máis importantes para a súa implantación era a carencia de textos tanto para a misa como para as lecturas. Créase a Comisión Interdiocesana para a Liturxia en Lingua Galega, na que traballa na elaboración dos materiais litúrxicos.

Antes da aprobación oficial do galego o P, Seixas comeza en Vigo unha misa en galego na capela do Asilo de Vigo. Andando o tempo implántanse a das Trinitarias e a da igrexa dos Apóstolos, levadas da súa man co apoio da Comunidade de Vida Cristiá “Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo”, promovida por el, cuxa sección litúrxica se ocupaba de manter os gastos do coro Ondas do Mar de Vigo, que canta nas misas, e de pagar os envíos postais das homilías en galego, confeccionadas en Vigo, que chegan a toda Galicia.

A Biblia en galego traducida das linguas orixinais

Seixas tiña un despacho alugado pola Compañía de Xesús no 2º andar do número 11 da rúa Castelar de Vigo para as reunións cos distintos grupos da Comunidade de Vida Cristiá que el asesoraba. Alí nunha reunión de SEPT, no ano 1972, coa presenza e participación de Seixas, debateuse por primeira vez a idea. Esta tradución había de ser adoptada como base para os textos da liturxia na nosa lingua.

400 nomes galegos

Dispoñer dun instrumento para poñer nomes galegos ás nenas e nenos no bautismo era unha necesidade. Seixas conseguiu recompilar unha manchea de nomes e así nace o libro 400 Nomes galegos para homes e mulleres. O libro tivo un éxito espectacular. Resultou ser un bestseller dos libros en galego, chegando a editarse arredor de 65.000 exemplares.

Colofón

Hoxe Galicia segue a ser, como nos tempos de Seixas, país de misión polo moito que queda por facer para que a nosa Igrexa estea encarnada na nosa cultura e nos nosos problemas. É un feito real que a liturxia en galego ten retrocedido na súa práctica, facendo caso omiso das recomendacións do Concilio Pastoral de Galicia, concluído en 1979.

(Resume da intervención do autor no Encontro "INAUGURANDO O CENTENARIO DO NACEMENTO DO P. SEIXAS NA CORUÑA", celebrado no Centro Fonseca o pasado 15 de xaneiro de 2015).
O P. Seixas e inculturación da Igrexa galega
Domínguez Martínez, Francisco
Domínguez Martínez, Francisco


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES