Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Padre Seixas: progresista, galeguista e universalista

martes, 27 de enero de 2015
A idea de progresismo que atopamos nos escritos e na actividade do Padre Seixas é a daquel que está no cerne do progreso humano, que está orientado a un futuro de xustiza e liberdade para todas as persoas e pobos sen excepción. Seixas non mide o progreso con datos de produción ou consumo, con índices bolsistas ou de crecemento do PIB, faino dende dous elementos tan esenciais como son a liberdade e a xustiza. Sen eles non hai progreso humano.

Dende unha perspectiva biográfica, el mesmo considera que son as experiencias de Bordeos (de 1950 a 1953) e da República Dominicana (de 1961 a 1965) as que o levaron a ancorarse e persistir, de maneira teimuda, no territorio físico e emocional dos traballadores e das persoas máis oprimidas. O progresismo de Seixas faise realidade na súa dobre vocación misioneira e obreira. El quere unha igrexa que se identifique cos pobres, cos traballadores, cos pobos asoballados e quere, abertamente, unha igrexa independente do poder político.

O seu galeguismo non é circunstancial ou un esnobismo oportunista, é parte esencial da súa natureza. Porque é galego ten que ser e sentirse galeguista. Asume a vivencia da identidade galega dende a infancia na súa propia familia. Lembra que de neno o seu avó materno Jaume Subirá, mallorquín de nacemento e profesor en Santiago, lle di : "Aprende ben o galego que é a lingua máis fermosa que existe". Para Seixas o seu galeguismo forma parte da súa maneira de vivir a fe, "porque é unha maneira de amor ao próximo, e o máis próximo para o cristián galego son os propios galegos ...

Ademais o amor cristián sempre ten preferencia polos máis necesitados, polos oprimidos, e o pobo galego leva séculos de opresión, de asoballamento, de pobreza, o que xustifica terlle un especial amor. E Galicia, aínda hoxe, segue sendo un país asoballado, ao que non lle dan o dereito de vivir como pobo e de chamarse nación".

O universalismo de Seixas non se formula dende unha vaga cosmopolita, ou dende o coñecemento global da realidade ou do control absoluto das persoas, senón que está motivado pola fraternidade; unha vivencia que nos lembra aos irmáns universais de Charles de Foucauld. E abrangue todos os aspectos das persoas, sexan sociais, económicos, culturais ou relixiosos e aínda os intencionadamente non relixiosos. Así remata a famosa homilía da Misa de Rosalía do ano 1965: “Xuntemos, pois, as nosas pregarias coas do Apóstolo, pedíndolle ao Noso Señor Xesucristo que abenzoe neste día arnelo a todos os homes do mundo: de todas as razas, de todas as linguas, de todos os países, de todas as relixións; e tamén a aqueles que non teñen ou non queren ter relixión ningunha; e de xeito particular, a aqueles que sofren persecución racial, lingüística, nacional ou relixiosa; para que todos xuntos coma irmáns na mutua xustiza e na irmandade do amor poidamos no derradeiro día dos tempos louvar a Deus por toda a eternidade”.

(Este texto corresponde á intervención do autor no Encontro "INAUGURANDO O CENTENARIO DO NACEMENTO DO P. SEIXAS NA CORUÑA" no Centro Fonseca o pasado 15 de xaneiro de 2015)
O Padre Seixas: progresista, galeguista e universalista
Gómez Xurxo, Silvestre
Gómez Xurxo, Silvestre


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES