Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alcumes colectivos

jueves, 22 de enero de 2015
Foi alá polo ano 1998 cando Camilo José Cela fixo público o primeiro e único tomo dun seu ambicioso proxecto (tiña previsto que fosen 19) denominado Diccionario geográfico popular de España, un proxecto que o iriense iniciou no xa remoto 1971 enviando ás xefaturas de correos máis de 25000 enquisas solicitando a boa disposición dos funcionarios para que lle achegasen topónimos, xentilicios, pseudoxentilicios (alcumes colectivos), refráns, cantigas e calquera outra curiosidade que puidese obrar a prol da identidade do lugar. No que toca a Galiza, ademais da colaboración dos carteiros, tivo o de Iria Flavia a do chairego castrexo Xosé Trapero Pardo, por aqueles anos director do diario El Progreso. Logo do falecemento do Nobel, a Fundación que leva o seu nome depositou a súa confianza para o crecemento da obra no Instituto da Lingua Galega, que a puxo na rede co nome de Portal de Ditados Tópicos Galegos e que ten grande cantidade de datos expostos á curiosidade de xente coma min.

Teño sobre todo unha grande afección polos xentilicios non derivados do topónimo, ou sexa, os que unha poboación adquire polas súas actividades, os seus costumes ou calquera outra razón máis ou menos peculiar. Así, pois, púxenme a mirar como lles chamaban ás xentes das nosas aldeas, vilas e cidades e se ben recoñecín algúns sabidos de hai moito tempo- “nabeiros” os de Lugo, ”pataqueiros” os de Burela, “carneiros” os de Laxe, “papeiros” os de Corme, “corvos” os de Muxía, “repoleiros” os de Betanzos, “cascarilleiros” os d’A Coruña, etc. -, teño que recoñecer que houbo achados que non esperaba, como que aos de Rábade lles chamasen “comenencias” ou “mosquitos” aos de Portomarín. E sabendo dende neno que aos de Celeiro lles chaman en anglogalego “chilindríns”, confeso a miña vergoña de non saber ata agora que aos de Viveiro lles chaman “fúfaros” e aínda teño máis vergoña por non saber o que significa a palabra. Curioso tamén me pareceu o alcume colectivo de “xupiterenses” para referirse aos de Xove, aos que tamén lles seguen “xovencos” e lembrei que aos de Mondoñedo lles din “os da Paula” pola gran campá que teñen con ese nome, mentres que souben por primeira vez que aos de Tui lles chaman “os do cabazo”, “moinantes” aos de Carballo, “lagartos” aos de Cabanas e “parrocheiros” ou “vilanchos” ou “pixís” aos de Pontedeume, mentres que os de Monforte adoitan moverse entre dous conceptos tan pouco afíns como “fidalgos” e “rabudos”.

Así e todo, ou non souben mirar ou non atopei alcuños colectivos de poboacións flotantes, que tamén existen en Galiza e son de uso sobre todo na época vacacional. O máis popular quizais sexa o de “fodechinchos” alcuño que se lle aplica ao colectivo de veraneantes de orixe mesetaria que se asentan na parte sur do litoral de Galiza nos meses de xullo e agosto. Dise que a palabra tivo a súa orixe en Cangas do Morrazo e a razón é que cando esa poboación flotante se instalaba, debido ao incremento na demanda, ata o prezo do humilde xureliño se disparaba.

Pero sendo ese o máis popular, por dicir outro simpático do sur da nosa terra e de interior, cómpre citar o de “verderolos” que é así como lles chaman os nativos da vila balnearia de Cuntis aos que van alí a tomar as augas. E xa na nosa Mariña, se un é de Lugo capital e veranea en Barreiros, é doado que o convertan irremisibelmente en “lugoslavo”. De todas as maneiras, o alcuño colectivo á poboación estival que máis me fixo escachar co riso foi o que nos apegaron os de Miño (ceboleiros, por certo) aos veraneantes weekend lugueses que, dada a proximidade, adoitamos invadir masivamente a súa vila e as súas praias. O alcuño naceu cando as matrículas dos coches levaban en letra o código provincial. Os miñenses, logo de ver na súa terra tan repetida a matrícula LU, decidiron denominarnos “lulús”, cal se foramos canciños pomeranos ou réplicas do personaxe de Marjorie Henderson.

Eses alcuños de colectivos flotantes e quizais algún outro, si están en cambio rexistrados na sección PALABRAS CON MEMORIA da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que xa anda polas mil duascentas cincuenta entradas.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES