Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Século XXI, mediados da segunda década!

viernes, 16 de enero de 2015
Debo empezar por recoñecer que xa son abondo vello para xulgar con certeza contextual algúns acontecementos sociais. Tal vez isto fai que, cando vexo unha cabeza dun “homo sapiens” adornada de tantos aros, motívase o meu subconsciente e tráeme lembranzas atávicas. Claro, estou marcado pola miña época, e teño que esforzarme para percibir, en algúns ámbitos da vida humana actual, o PROGRESO.

Hai eventos que me parecen moi difícil de explicar, e cando intentan facelo os que, segundo parece, entenden diso, ese meu subconsciente déixame vía libre para que adquira conciencia de que son vítima dunha situación utópica, porque xa non me encontro en ningures.

Fálolles deste estado meu psicolóxico, para que se dean conta do atordado que quedei cando tiven información do atentado yihadista en París. Primeiro concibino como un desgraciado acontecemento, ao que xa empezamos a estar habituados os europeos, como supoño que mesmo igual que os americanos, os africanos e os asiáticos. É dicir, que parece que fuxiron todos os refuxios tranquilos do Mundo, e que a xentes andan un tanto desnortadas.

Pero cando intentei situar o acaecido nunha estrutura cognitiva para entendelo,
comprendín (e menos mal!) que estaba ante unha realidade extremadamente desconcertante, ante un fenómeno de máxima complexidade, e intentei aplicar criterios analóxicos, algo así como se estivera ante a presenza “dun viño novo nun tonel vello”, cando menos para saír do paso.

Mais concluín que isto desbordaba os límites da miña competencia, porque antollóuseme que ía ser moi difícil que calquera resposta fora posible loxicamente, nin aceptada, para explicar unha realidade articulada nun armazón socio-político-cultural-relixioso de difícil concepción unitaria.

Pensei como concordar elementos con matices tan heteroxéneos como os seguintes (entre outros):

-A existencia, neste noso século XXI, de individuos (reparen que non quero chamarlles persoas) impulsados a utilizar, deliberada e sistematicamente, a forza para impoñer a lei islámica, sen reparos políticos nin morais, optando incluso por suicidarse se fose preciso, como é o caso dos yihadistas.

-A pretensión ideolóxica do “salafismo”, que tamén anda polo medio, de reinstaurar gobernos islámicos en todo o mundo árabe e musulmán, recorrendo á violencia.

-A consideración dos efectos propagandísticos que pretenden acadar os terroristas co seu “modus operandi” encamiñado a cumprir taxas de letalidade altas, que produzan efectos convulsivos nos pobos. Aínda que isto non sexa compartido por todos os estudosos, como veremos máis abaixo.

-A reflexión, creo que necesaria, acerca de ata onde os yihadistas utilizan o termo “martirio”, para designar o suicidio, que da a medida da entrega psicolóxica entusiasta dos individuos captados en varios países do mundo para levar a cabo as ameazas terroristas.

-Ata onde son operativos os móbiles non relixiosos, que, segundo algúns estudos, poden ser de tipo persoal, nacionalista, económico, psicolóxico e sociolóxico.

-Como se activa a dinámica de captación nos cárceres e como se chega a esa posibilidade. Quen propicia este proceso?.

-Hai realmente establecidos estudios acerca do perfil da personalidade que favorece a incorporación a grupos terroristas?. Sería un aporte para controlar os catalizadores coñecidos que coadxuvan a desencadear esas condutas.

-Ata onde se contribuíu e favoreceu a formación de actitudes contrarias a Occidente, precisamente en canto se senten vítimas de certas explotacións económicas?. Como pode corrixirse?.

-Ata onde determinadas prácticas partidistas, por obcecación nacionalista e atavismo ideolóxico, están contribuíndo a abrir espazos oportunos aos terroristas, é dicir, propiciando socializacións catalizadoras?.

-Ata onde a lóxica ideolóxica de todas estas redes está ocultando o alcance de poderosas organizacións internacionais con obxectivos moi particulares pertencentes a outros grupos de intereses?. Acaso non son evidentes certas tensións internas que o confirman?.

(Como afirmou o profesor da Escola de Dereito da Universidade De Paul de Chicago, Mahmoud Cherif Bassiouni, “no terrorismo, o impacto psicolóxico é máis significativo que o mesmo acto de violencia cometido e tal impacto débese máis á difusión dada polos medios de comunicación que ó mesmo impacto (...): quérese atraer a atención dos medios e asegurar a difusión do acto, da mensaxe dos autores e, con iso, do efecto inspirador do medo” ).
http://pendentedemigracion.ucm.es/info/emp/Numer_07/7-5-Inve/7-5-06.htm
Como se ve a manifestación de París a esta luz?.

Despois de todo isto, que aporto por se resulta de utilidade para que o lector adquira conciencia da complexidade do fenómeno que trato de abordar, quixera tamén deixar subliñado o feito de que estamos ante unha socialización da violencia, posto que hai redes sociais e familiares que axudan a canalizar o odio, e no caso concreto da yihad existe unha lexitimación de certos postulados extremistas, argumentados coa propaganda de agravios imaxinarios, uns, e terxiversados, outros.

Encontrámonos, pois, por se non houbera abonda maraña, con que as redes sociais implicadas adoitan ser ademais internacionais, con fortes matices políticos e relixiosos, multiformes, cunha intelixente e desconcertante diversificación das ameazas, que, segundo a estratexia elixida, poden ter unha taxa reducida de letalidade ou moi alta, principalmente en función do efecto propagandístico.

Supoño, por tanto, que os autores intelectuais do atentado de París estarán frotándose as mans polo éxito, e, sobre todo, porque algúns comentaristas xa empezan a falar de que estamos en guerra; pero nunha guerra onde fracasan as estratexias habituais.

Non vai ser a miña modesta opinión a que o negue; pero o que non podo evitar é traer a primeira plana o desconcerto que me produce estar no medio de tantos e tan importantes progresos no ámbito científico, e de tantos e tan aberrantes retrocesos socio-políticos, éticos e relixiosos, precisamente nos que estamos substituíndo unha antropoloxía racional e razoable, con valores universalizados, por outra de recorrencia ideolóxica.

Lembre o lector, para situarnos noutra perspectiva, que o prestixioso sociólogo alemán, da Escola de Frankfort, Erich Fromm, escribiu un libro titulado “El Miedo a la Libertad”. Nel sostén que o home foi adquirindo cotas cada vez máis elevadas de “liberdade-de”, sentíndose libre DE ataduras; pero chegou un momento en que non sabía que facer co que el chamou “liberdade-para”, é dicir, non sabía como utilizala.

Eu quero sacarlles de aquí unha consecuencia: É necesario que os xornalistas, como piares dunha democracia, teñan toda a liberdade necesaria de expresión, sen dúbida; pero seguramente nun mundo globalizado haxa que saber utilizala, haxa que saber PARA que se ten.

E isto deben aprendelo aqueles partidos políticos que xa queren limitala antes de adquirir o poder, e tamén aqueles que se apresuraron a facelo cando o tiveron, co fin de non poñer estas delicadas e transcendentes decisións ao servizo da propaganda electoralista. (Abre unha vía de sensatez o acordo entre PSOE e PP nas medidas antiterroristas, polo que respecta a España).

Estámoslles no século XXI, no só para xulgar os comportamentos delituosos desde a perspectiva do noso tempo histórico, senón tamén os espazos de liberdade dos distintos ámbitos profesionais: A convivencia social non debe ser caprichosa, senón harmoniosa, porque así o esixe o respecto mutuo. Que metodoloxías están previstas con este fin dende os organismos internacionais?.

Como os políticos falan, a veces, sen ton nin son, penso que en París tanto o noso Sr. Presidente Rajoy como D. Pedro Sánchez, situáronse en sendas contradicións. Ambos estaban alí para defender os valores de Occidente, porque non están dispostos a que ninguén os aldraxe. Nada que obxectar. Pero isto comporta que ninguén pode facer un uso arbitrario da LIBERDADE, que non é un valor en si mesma, senón a condición necesaria para realizar os valores. Xustamente por iso se lle pon límites adecuados.

Selémolo. Os problemas que xeran as realidades complexas non se resolven dende só a perspectiva que nos favorece: É necesario, e se queremos que sexa suficiente tamén, afrontar un esforzo de comprensión e resolución plurifocal.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES