Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muller

jueves, 09 de marzo de 2006
Con motivo da recente celebración do 8 de marzo apetéceme falar da muller, esa grande esquecida á que se busca lembrar dende os diferentes ámbitos da sociedade un día no ano. Un día... ¿É iso suficiente? Ou mellor aínda, ¿só merecemos ser lembradas un día ao ano coma mulleres? Fálase do Día da Muller Traballadora, dun Día da Muller...

A ela, á figura da muller, quero facer unha homenaxe dende este anaco de xornal. Para todas e cada unha das mulleres van estas liñas, cargadas do que chamamos empatía. Unha homenaxe á muller porque é un ser humano igual ao home. Homenaxe á muller porque é un ser vivo cos mesmos dereitos merecendo as mesmas liberdades. E homenaxe á muller só porque é MULLER. Razón de máis.

Muller que dá aloumiños de nai protectora dende o parto. Muller que se entrega á súa parella en corpo e alma, en calquera acto de amor. Muller que traballa, que durme, que le, que escribe, que pinta, que baila, que interpreta... Muller artista e muller aínda escrava na súa casa, que suda en cada xornada dándoo todo polos demais ás veces sen oír dos seus a palabra grazas. Muller de mans limpas que agariman a pel dun neno, que amasan o pan, que cociñan e limpan, que tamén merecen un agasallo. ¿Cal? Non mo pregunten. Está ben claro. O amor. Ese é o regalo, o máis bo… o mellor.

Á muller que vive coa ilusión dun mundo en igualdade. Á muller que defende a súa femineidade, á muller que fala sen pudor dos seus desexos, á que reivindica os seus dereitos por riba de calquera ben material. Como ninguén pode vivir a vida por un mesmo, anímoas a todas a que loiten polo que desexan.

A realidade di que se se dá o caso aínda molesta que a muller que traballa fóra da casa gañe máis que o home, cando o certo é que debía gañar o dobre, porque na maioría dos casos ao chegar ao fogar ten outra xornada laboral que a obriga a deitarse tarde e ter miles de preocupacións na cabeza: os fillos, a comida destes ao día seguinte, buscar quen os leve ao colexio se a canguro falla, levalos ás actividades extraescolares… porque en moitas familias segue a ser a muller en exclusividade a que se ocupa de todo o da casa aínda traballando fóra, sen compartir equitativamente as tarefas domésticas.

Outras moitas mulleres adican todo o seu tempo á casa, estando no paro. ¿Quen valora ese traballo tan sacrificado? Ás veces abandonan os seus postos de traballo polos fillos, polo home, por estar coa familia e coidar aos cativos, sen plantexar a alternativa de se o faría o home. ¿Quen paga esas xornadas laborais de vintecatro horas ao día? ¿Cando reciben a paga extraordinaria por un emprego que as ocupa con múltiples horas extra? ¿Cando se lles dan vacacións? ¿Qué días libran, onde están as súas fins de semana? Moitas incógnitas ás que ninguén semella querer dar unha solución.

Tamén van adicadas estas palabras ás mulleres que morreron vítimas da violencia de xénero, dos abusos a mans dos seus maridos, noivos e compañeiros... como lembranza. Porque outro mundo é posible, en igualdade e sen maltrato. Porque merece a pena a loita diaria nesa procura. Comparto o pensamento de que a educación é a mellor vacina contra a violencia. De aí que todos debemos poñer o máximo da nosa parte, dende cada posición social, para contrubuír á boa educación dos máis pequenos, para que medren sabéndose iguais ao sexo oposto.

Ás mulleres que son nais ou que desexan selo no futuro, para que camiñen pola vida coa fronte alta e unha mensaxe clara de defensa da muller. Á muller que loita dende a súa posición, dende os diferentes roles, para que a desigual realidade mude e que todos, para sempre, sexamos idénticos en canto a dereitos e liberdades. Porque aínda que somos moitos os que así o sentimos, son moitos máis os que o negan. Aínda hai moito machismo nas mesas onde se toman as decisións importsntes… Hai quen di que nunca se dá tanto como cando se brinda esperanza. É o que quero entregar con estas palabras, a través dun berro libertario.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES