Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Para que serve unha autovía?

sábado, 10 de enero de 2015
Hai uns días, na medida na que mo permitiron as 55 liñas das que consta esta columna, dediqueina a reflexionar arredor da pertinencia ou non de decidir a construcción dunha autoestrada -coma a de Celanova- como elemento de desenvolvemento de localidades, comarcas ou rexións, mesmo denantes de que o tráfico rodado que transite pola estrada anterior aínda non acade os números mínimos que xustifiquen a dedicación de tan alto presuposto como precisa a execución de tal vía de comunicación.

Qué debe ser primeiro, o ovo ou a galiña, pregunteime de forma retórica a min mesmo, consciente loxicamente de que non existe resposta a tal cuestión e defendendo ó mesmo tempo a opinión de que unha autovía por ela só non promove o desenvolvemento dos lugares que comunica, do mesmo xeito que o AVE non promoverá o desenvolvemento de Galicia cando, no 2018 -que así sexa!-, chegue a esta terra a "nosa señora de ferro" do século XXI.

Porá dun xeito determinante as bases para facilitar ese desenvolvemento, pero promover o seu desenvolvemento, sen máis, é cousa que non admite debate. Ou esa é, cando menos, a miña apreciación.

Para qué serve, entón, unha autovía?

Velaí, pois, ó respecto, cal é a miña opinión:

Cabería dicir, en primeira instancia, que unha autovía, unha autoestrada ou mesmo unha vía de ferrocarril de alta velocidade -por iso de manter semellanzas ou referentes externos no argumentario-, ó acercaren en tempo ás xentes que habitan en distintas poboacións -dado que na era na que vivimos o tempo é ouro- o que fan é facilitaren as transaccións comerciais e, polo tanto, económicas entre elas e, como consecuencia, aceleraren os fluxos sociais que se entrelazan ó seu redor. Pero nada máis.

E non só iso, senón que ó ser bidireccional o seu influxo comunicativo, a veces incluso pode xerar o efecto contrario e facilitar o éxodo comercial no canto da dinamización da zona, se é que non se introducen elementos correctores no proxecto de fondo que axuden a asentar a poboación.

Esa é a razón pola que, na carta aberta que lle escribín esoutro día ó presidente da Xunta, lle pedía un esforzo complementario de planificación de futuro para estas terras do sur da provincia de Ourense. Porque de pouco vale contar cun atractivo potencial á altura de calquera outro lugar da península se non se deseñan actuacións, ademais, no campo da dinamización comercial e da promoción informativa da zona, da concienciación das pequenas administracións e, sobre todo, da animación da iniciativa privada. Do mesmo xeito que pouco vale contar cunha flota de avións se logo non se contratan, para movelos dun lado para o outro, axeitadas e adestradas tripulacións.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES