Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabra primeira

domingo, 04 de enero de 2015
Pasado mañá é tamén día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa dos Reis Magos a pouco de comezar o novo ano. Hai só tamén tres días que se celebrou a festividade de “Santa María Nai de Deus” co que comezou tamén unha vez máis un ano novo, que agora se chama 2015. Por todo isto cómpre non excederse en palabras, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que se trate de temas importantes e instrutivos, senón o moito darlle voltas no noso interior, no noso corazón, ás grandezas que Deus realizou e segue a realizar no mundo.

Temos que abrirlle a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.

Por medio desa palabra convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da fe cristiá. Ese foi e é desde sempre o misterioso proxecto de Deus Pai coa humanidade.

Paulo dínolo na súa carta ós Efesios. En Xesús, coméntanos el, estamos todos “benditos”. Pois foi nel e “por medio” del, por medio de Xesús, como Deus Pai nos “escolleu” e “predestinou” a todos nós, “antes da creación do mundo”, para “sermos fillos adoptivos seus”. Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo, se non nos fose revelado por medio de Xesús. Un Xesús que coñece o seu Pai Deus como fillo “benquerido”, que se relaciona polo tanto con el de maneira infinitamente familiar e única.

Como este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e, en consecuencia, nos resulta totalmente imposíbel poder entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. A un neno, a un coma nós, si que os podemos en certa medida entender, porque participan da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó mesmo tempo, esta mesma Palabra, tan divina coma o Pai que a pronuncia, que a dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer- tan doado tamén de comprender o que se nos di no, tan famoso, comezo do evanxeo de Xoán.

Xesús é a “palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a súa palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande -e non pode haber ninguén meirande ca Deus- lle dirixe a un a palabra, queda un ipso facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un ninguén, unha nada ou algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en “fillos de Deus”. Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos que “nacemos” así da “vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito divino, recibimos –continúa a proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de Deus”. Si. Tal e como soa. Non desvaloricemos esta grande mensaxe cristiá: “fillos de Deus”, adoptivos (iso si, pois sería imposible que fose doutra forma), pero verdadeiros, auténticos.

Por iso, esa gran mensaxe de Xesús como “Palabra” de Deus a nós que nos converte en fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme, inconcibíbel, capacidade vivificadora e iluminadora. Nesa palabra, dísenos alí, está a “vida”. Xesús diranos: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. Unha vida que, ó mesmo tempo, é “luz dos homes”, luz contra a que nada poden facer as tebras. “A Palabra –dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo”. “Eu son –diranos Xesús- a LUZ do mundo”. Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán ese novo sol que espalla vida, calor e luminosidade fronte a calquera clase de morte ou escuridade.

Por todo isto, Xesús como “palabra” non pode ser unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. “A Palabra fíxose carne”, dísenos de maneira rotunda e concisa no evanxeo de Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber cómo é Deus. Este é o resumo e a conclusión da reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai”, foi que nolo revelou”.

Só cabe darlle grazas a Deus por ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós, como nos di tamén Xoán, “cheo de graza e de verdade”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES