Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (14)

jueves, 01 de enero de 2015
Ano 1916


«Heraldo de Villalba» Baixo esta cabeceira aparece o 4 de marzo de 1916 o xornal de maior período de vixencia dos que se publicaron en Vilalba. Probablemente foi o máis influínte e o que deixou maior recordo no tempo. Subtitulábase «Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa» «Se publica dos veces al mes».
Sufriu un interregno de varios meses entre 1923 e 1924. Logo volveu á cita cos lectores. Durou ata a instauración da II República.
O Hospital asilo de Vilalba (14)Publicáronse máis de douscentos oitenta números durante quince anos. Figuraba como administrador Manuel García Olano. Dirixiuno incansablemente Antonio García Hermida. Tendo en conta que gran parte dos artigos estaban escritos polo propio director, que estaba en comunicación cos colaboradores e debía facer expurgas da prensa rexional e mesmo nacional, o traballo non foi pouco.
Era de tendencia conservadora e clerical. Os denominados «poetas do seminario de Mondoñedo» tiveron nas súas páxinas un medio sempre disposto a dar a coñecer as súas composicións e transmitir os seus pensamentos. Imprimíase en H. Mancebo, de Mondoñedo. En primeira páxina do primeiro número proclama: ...No nos guía otro afán que el de servir los intereses locales, y en cuanto nos sea dable, los de toda la comarca, ya que para nosotros constituirá siempre un galardón defender todo cuanto se relacione con el progreso y adelantos de la tierra villalbesa... Galicia, particularmente, y concretamente aun más, Villalba, nos tendrán siempre dispuestos a romper una lanza por sus intereses.
E de seguido, unha reflexión sobre o peor dos males, a guerra: Esta guerra, la más sangrienta e inhumana que vieron los siglos, es obra de locos, resultado de los planes maquiavélicos forjados al calor de insanos egoísmos... ¡Y misericordia también para los que no luchan, para los que alejados de la terrible contienda observan como los artículos de primera necesidad alcanzan precios exorbitantes, fabulosos!...

«Caixa Postal de Aforros». En abril proclámase a inauguración de tan importante servizo para a xente de Vilalba en xeral. Prestábase nas oficinas de correos, daba un xuro anual do 3% e os fondos podían retirarse a vontade. E todo coa garantía do Estado!

«Nuestra afirmación regional». En maio García Hermida recibe con aplauso este ensaio da autoría de Antón Vilar Ponte. Os estudosos teñen a esta obra como o manifesto das Irmandades da Fala, movemento de tanta influencia cultural e política en Galicia. O sentimento de Galicia debe predominar sobre calquera discrepancia ideolóxica e debe ser a base do desenvolvemento económico e cultural.

Voda de Plácido Peña Novo. Tivo lugar o 7 de xuño de 1916 coa señorita María Orosa Álvarez. Este médico tivo un destacado actuar profesional dous anos máis tarde por mor do andazo de gripe de 1918 que causou estragos. Así se recorda na placa a el dedicada que na actualidade se empraza no edificio do Concello.

Troitas nas Sete Pontes. A garda civil detivo a dous veciños de Goiriz por pescar troitas sen licenza nas Sete Pontes.

«Biblioteca Antoniana». No mes de marzo a «Juventud Antoniana» inaugurou unha biblioteca de lecturas pías. Augúraselle moitos e moi preciosos exemplares de interesantes obras. No acto da súa presentación falou con gran elocuencia o mozo e poeta José Cacharrón López quen rematou a súa intervención coas seguintes palabras: ¡Guerra a la ignorancia! ¡Paso a la cultura!

«Galicia Pintoresca». Con esta cabeceira aparece, mes de abril, unha «revista quincenal ilustrada». Figura como director Carmelo Pérez e como administrador José E. Chanot. Imprimíase nos talleres de «El Cruzado», de Mondoñedo. A finais deste mesmo ano cítase que chegaran ós mil trescentos subscritores. Tiña un claro carácter conservador e clerical e abundaban nel as colaboracións literarias. Sabemos que aínda se publicaba en abril de 1918. Carmelo Pérez era, ademais, xefe do cárcere e foi trasladado de Vilalba en setembro de 1917, polo que con posterioridade a esta data probablemente tamén se responsabilizou da dirección o mesmo Chanot.
No segundo número, de 1 de xuño de 1916, e baixo o título «La emigración y los foros» aparece un artigo de opinión de Eduardo Vicenti, deputado a Cortes por Pontevedra. Nel denúncianse dúas lacras para o desenvolvemento de Galicia:
―A emigración. Cesará cando Galicia se industrialice e cando se lle paguen ós obreiros salarios superiores ós actuais, que non soben dos 6, 8 ou 10 reais.
―Os foros. Para resolvelos é necesario un proxecto de Lei que reúna as seguintes bases: 1a Perpetuidade do foro, equiparándoo ó censo enfitéutico. 2a Redención só polos colonos, pois se o redimise o señor sería peor o remedio que a enfermidade. 3a Non se computaría o laudemio. 4a O tipo de redención oscilará entre o do 100 de capital por 4,5 ou 5 de renda. 5a O Estado axudará na redención para evitar que os colonos acudan ó empréstito usureiro.
Os dous asuntos preocupaban fondamente ós galegos e tiñan moito que ver coa marcha da economía. A emigración provocaba que a xente nova dirixise a capacidade produtiva a países americanos e que esta riqueza non quedase en Galicia. Os foros, solución para roturar novas terras había máis de cincocentos anos, mostrábase agora como lastre nunhas estruturas agrarias anquilosadas no tempo e con falta de mobilidade no mercado das terras. O problema dos foros tratárase de solucionar durante a Primeira República (1873); en 1887 Montero Ríos propuxo un proxecto de Lei para modificalos que non se chegou a aprobar; e máis tarde, entre 1905 e 1907, as sociedades agrarias clamaron por unha solución que non chegaría. Habería que agardar á Ditadura de Primo de Rivera para que se promulgue un decreto que permitía unha solución, pero que en moitos casos non fixo máis que consolidar o que se viña facendo mediante contratos privados: as remesas de cartos enviadas polo emigrados destináronse a redimir os foros. Pero destinar os recursos económicos da emigración á posesión plena da terra, impediu que se potenciasen outros sectores da economía, coma o comercio ou a industria.

Prezos esaxerados. Son considerados os que tiveron os produtos de alimentación nas feiras dos meses pasados. E mentres as autoridades sen facer nada.

Actividades na Habana. En xuño a «Unión Villalbesa y su Comarca» organizou unha gran matinee bailable nos xardíns da «Quinta do Obispo». O custe foi de cincuenta centavos para os señores e gratis para as damas. Jesús Cendán Ferreiro foi elixido presidente da sociedade «Progreso de Lanzós» para o seguinte período.

«Progreso de Lanzós». A sociedade habaneira prosegue o seu encomiable labor de traballar a favor dos seus paisanos da terra. Secundada polo celoso e ilustrado párroco José Rico. Xa contribuíu ó amaño das igrexas e cemiterios parroquiais, San Martiño e San Salvador, e converteu en fermoso parque de recreo o Campo de San Pedro. Agora, a imitación da Liga Santaballesa, vai proceder á construción dun modélico edificio para educación e instrución da infancia das dúas parroquias.
Tanto «Galicia Pintoresca» como «Heraldo de Villalba» de xuño de 1919 publican que vai pasar unha tempada na súa terra Cosme Sacido Ramil, ata estes momentos presidente da sociedade. Como era costume, para despedilo na Habana reuníronse en fraternal ágape os seus amigos e dirixentes das sociedades, entre os que se citan destacados membros do Centro Galego da Habana e das sociedades «Liga Santaballesa», «Unión de San Simón y Samarugo», «Hijos de Lousada», «Ligra Agraria de Germade», «Guitiriz y su Comarca», «Sociedad del Valle de Oro», «Unión Barcalesa», «Centro de Detallistas» e «Casino Español de Regla». Naturalmente houbo discursos para o homenaxeado, uns de loa polo seu labor patriótico, outros de contido humorístico. O seu amigo Juan R. Álvarez cantoulle esta copla que foi moi celebrada:
De Villalba ó Valle de Oro
hai o cantiño dun galo,
que o ha correr Cosme Sacido
montado no seu cabalo.

Naturalmente respondeu el mesmo agradecendo o acto.

Cosme Sacido Ramil. Quen foi? Que fixo? Na documentación que manexamos referida a sociedades cubanas do período 1907 ata mediados do século XX, sempre atopamos o nome deste entusiasta vilalbés en calquera posto que lle fose encomendado ou contribuíndo economicamente a obras de carácter social. Nas fotografías rescatadas da emigración aparece en multitude delas en fraternais actos de irmandade. «Galicia Pintoresca» de 15 de xuño de 1916 ofrece algúns datos biográficos.
Naceu no lugar de Ramil, San Martiño de Lanzós, o 27 de setembro de 1883. Con 14 anos ―en 1897― embarcou para A Habana. Fixo regular fortuna co negocio dos trens de lavado ―tinturerías―. Sempre permaneceu solteiro e dedicou parte da súa fortuna a favorecer as obras das sociedades habaneiras vilalbesas.
Cando o 25 de maio de 1916 embarca na Habana cara á súa terra, despídeno outros emigrados. Na viaxe acompáñano os seus amigos Antonio Pardo Villarino e José Cendán Ferreiro. Ó chegaren á Coruña a bordo do «Conde Wifredo», o 9 de xuño, recíbeos unha comisión de veciños de Lanzós: Roque Otero, Manuel Otero Gesto e Ángel Tenreiro Chao. Hospédanse na afamada casa de don Ángel Rego onde son homenaxeados cun banquete: sopa, entremeses, lacón, polos en salsa, carne asada, troitas, champagne, licor, viño do Ribeiro e habanos. Cabo deles o presidente e vicepresidente do «Comité de Lanzós», José Rico, párroco, e Juan Antonio Ramil.
Naturalmente houbo discursos. Cosme Sacido destacou nas súas palabras que non posuía recursos como orador por mor da pouca instrución recibida na súa infancia e remata brindando por Galicia, polo partido xudicial de Vilalba e, sobre todo, por Lanzós, que foi o seu berce e onde desexa ser enterrado. Ó remate foi lida unha poesía que lle dedicou Caetano Arias. Tal recibimento ten unha segunda lectura: os cubanos eran portadores de 877 pesos en ouro e 419 pesos de prata para iniciar as obras da escola de Lanzós.
Máis tarde vémolo realizando un importante donativo para a sociedade «Hijos de Tardad y Distriz» destinado á construción da escola e axudando a Agustín López Arias a recadar fondos.
Colaborou na directiva da «Unión Villalbesa y su comarca», contribuíu ás obras hospital e sempre se esforzou en favor de obras sociais para os seus paisanos, nas parroquias ou na Habana. Anos despois vémolo recollendo terra do cemiterio de Lanzós para trasladala ó cemiterio Colón para que con ela fosen enterrados os oriúndos da parroquia que morrían en Cuba: todo un simbolismo.

Todo igual. Cambiando algo, todo continuaba igual. O alumeado non se solucionaba. Ante a falta de potencia no subministro decídese crear unha comisión que estude a posibilidade de formar unha cooperativa que constrúa un salto propio e así prescindir da empresa do Tronceda. Formárona Eulogio Goás, José Ma Orosa, Manuel Rouco, Enrique Canto, Martín Seco, Domingo Apenela, Vicente Soto, Antonio Fraiz, Francisco Paz, Vicente Ramudo, Luís Peña e Luís González. Incorpóranse ademais García Hermida polo «Heraldo de Villalba» e Carmelo Pérez por «Galicia Pintoresca».
Segue demandándose o ferrocarril. Fálase de construír unha liña pola Galicia Central que una Pontevedra con Lugo. Daquela sería factible continuala por Vilalba e Mondoñedo ata Ribadeo. As festas de San Ramón coma sempre: do 30 de agosto ó 3 de setembro. Dianas e alboradas ás 7 ou 8 da mañá. Verbenas de 8 a 10 da noite. Como novidade cabezudos. A xira, en Penas Corvei Feira de gandos. Casino e Círculo de Artesáns ofrecen bailes, igual que a Banda Municipal, esta última no salón do Concello.

Unha escola para Tardade e Distriz. Coincidindo coas festas de San Ramón deste 1916 publícase a noticia de que por iniciativa do capitán do Corpo de Seguridade da Coruña, Manuel Pena Vidal, vai ser construída unha escola para as parroquias de Tardade e Distriz. Un mes máis tarde veremos como foi axudado polo seu amigo e rico habaneiro Agustín López Arias quen, xunto a outros cubanos favorecidos da fortuna, recadaron os primeiros fondos. O proxecto tería feliz remate en 1923 segundo reza a placa do frontis.
O edificio naceu con vocación de ser cedido ó Estado e que tanto mestres coma nenos puidesen abandonar os infames locais onde se impartía clase. Non foi o caso da escola da Liga Santaballesa, onde a propia sociedade promotora custeou os profesores durante anos.
En 1929, nunha crónica asinada polo famoso xornalista Luís Bello, que visitou as escolas de toda España, cítase a escola de Tardade como modélica, pois non só contaba cun magnífico edificio, senón que ademais tiña libros para ler.

Felicia Mato López. A filla de Manuel Mato Vizoso obtivo a praza de mestra de Fene tralas oportunas oposicións. Despois de 1940 e durante moito tempo sería a titular da escola de Fontepisón, Santaballa. Tamén exerceu en Vilalba. Alumnos santaballeses e vilalbeses recórdana con agrado.

Segundo López Carpintero. Presidía a «Unión Villalbesa y su Comarca». Mandaba puntuais crónicas dos actos festivos que celebraban os socios residentes na Habana e que servían tanto de nexo cos amigos emigrados como desculpa para recadar fondos con destino ó hospital, malia que as obras estivesen paradas. Esta vez foi o 20 de agosto nos xardíns da «Tropical» e o acontecemento tivo amplo eco na prensa da capital cubana.

Directiva da «Unión Villalbesa» para 1916. Foi elixida nos salóns do Centro Galego. Formárona: presidente, Crisanto Ramudo; vice, Manuel Balseiro; secretario, Manuel Rego Díaz; vice, Jesús Trastoy Iglesias; vocais, José Pardo, Adriano Ríos, Lucas Tenreiro, Ángel Cendán, Julián Boizán, Roque Fernández, Eugenio Castro, Alejo Miragaya, Jesús García e Andrés Souto.

«Galicia Pintoresca». 5 de outubro de 1916. Con buenas notas ha obtenido el grado de bachiller nuestro buen amigo don Antonio Peña Novo. Le enviamos nuestra sincera felicitación. Según nos comunica el presidente de las obras del hospital en construcción en ésta «Conde Pallares», han entregado los señores don Andrés Cazón Graña y don Joaquín Gayoso Noche, cinco pesetas cada uno para las obras de dicho hospital.

Defensa do ferrocarril. En outubro de 1916 publícanse en Ribadeo tres xornais: «Bandera Católica», «Las Riberas del Eo» e «Ribadense». Os tres prometen dedicarse a defender a causa do ferrocarril que partindo de Lugo pase por Vilalba e Mondoñedo. Á fronte da reivindicación sitúase o presidente da Deputación de Lugo, don Emilio Tapia Rivas.

Manuel Pena Vidal. En outubro de 1916 «Galicia Pintoresca» fai un resumo biográfico deste ilustre vilalbés. Daquela tiña a responsabilidade de ser o capitán da Coruña. Participara nas campañas de Cuba onde se distinguira polo seu valor e acadara numerosas condecoracións de recoñecemento. Había pouco que se lle concedera a cruz de San Hermenexildo como homenaxe á constancia militar. Destácase del o ser unha persoa amable, culta e correctísima. Había pouco, nunha visita ós lares patrios, tomou a decisión de levantar no solar onde se abaneou o seu berce, Tardade, un edificio con destino a escola nacional que reunise condicións modernas de hixiene e salubridade.
A finais de ano informarásenos do seu ascenso a comandante e pouco despois a tenente coronel. Máis adiante hase dar noticia do seu valor como militar que lle valeu o primeiro ascenso e o recoñecemento dos compañeiros.

«Galicia Pintoresca». 17 de outubro de 1916. Llegan a esta villa las obras del tendido de la red telefónica de Ferrol a Lugo, con enlace en Puentes de García Rodríguez para Villalba y Lugo.

Matiné bailable. Celebrárona os membros da sociedade «Progreso de Lanzós» nos xardíns do «Palatino» para recadar fondos. A sociedade «San Simón e Samarugo» está preparando outra. Moi brillante resultou a promovida pola colectividade da «Unión Villalbesa» para conmemorar o San Ramón.

A Irmandade da Fala de Vilalba. Constituíuse en novembro de 1916 na redacción de «Heraldo de Villalba» A directiva quedou integrada polas seguintes persoas: Santiago Mato Vizoso, primeiro conselleiro; Plácido Peña Novo, segundo conselleiro; Enrique Canto Cao, tesoureiro; Antonio García Hermida, secretario; Luís Campos Goás e Manuel García Olano, vocais. Tamén asistiron á constitución: Víctor Basanta; Vicente García Hermida; Antonio Peña Novo; Calixto Soto; Manuel Felpeto; Cándido Cascudo; Francisco Basanta; Germán Orosa; Víctor Mato; José Cacharrón; Luís Peña; José Novo; Antonio Pico e Justo Mato. En total, vinte homes.
O Hospital asilo de Vilalba (14)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES