Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis González Tosar

jueves, 11 de diciembre de 2014
Parlamento das Letras: Luís González Tosar

En Palermo Viejo hai un neno que fica enviso vendo os murais de Luís Seoane e marabilla cando oe falar a Eduardo Blanco-Amor. É un cativo soñador, que ten saudades dunha terra verde que non ollou aínda, pero da que seu pai lle conta o sangue da estirpe. O pequeno aprende, así, Luis González Tosarque existe un lugar onde o mundo se chama Guimarás, largacíos eidos dunha patria que señorea un carreiro de vagalumes dos que non se desapega nas lecturas, a nación que el coñece alá na lingua de Paco Luis Bernárdez, Xosé González Carvalho, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste.

E un día, con apenas trece anos, cruza o Atlántico para descubrir a Atenas galega. E o cor vese transido, ferido pola Beleza para sempre. E decide que a súa ánima porteña ten, dende entón, ama e señora, e que esa luz do corazón é a terra verde, o mar de orballo dos que lle falaba seu pai. Así que regresa, coa barba pecha e o pelo crencho do Che, con dezasete, disposto a facerse poeta nas landas amadas.

1969, Instituto Santa Irene, o encontro de dous aceiros domeadores da palabra. Na docencia, a pólvora e as magnolias, na discencia, o caneiro cheo. A luzada comeza e vai ardorando cos anos en versos labrados co recordo de cidades mouras, coa madeira do canto a invocar o Tempo, singradura esforzada na que navega ao remol das travesías, na procura devecida dunha estación marítima onde a súa dorna poida recalar, venturosa, nunha Insua dos Poetas.

Fidel ourive dunha loxia de artesáns da verba, hai un cuarto de século conxurouse con outras dúas ducias de letraferidos para fundar o Centro PEN Galicia, convencido de que había que ser realista e facer o imposible, de que a literatura é algo que se leva na ánima e non na boca. Hoxe ese soño chega ao cuarto de século e recibe honores. Sexan beizóns, agora que un fío de luz deita a cor do mel amorosiño sobre o guecho insolente de Aquilino e bate contra as perlas da fronte de Cunqueiro, que, dende Aló, sorrín.

- ¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
Foi no primeiro número da revista Dorna, en maio de 1981, a través dun heterónimo. A publicación naceu dun colectivo de renovación poética no que estabamos Ramiro Fonte, Lois Andrade, Xiao Roel, Francisco del Luis González TosarValle-Inclán Alsina e Xesús Otero Molanes. Este último, natural da Illa da Arousa, foi o que nos conectou coa Asociación Dorna daquela localidade, baixo o impulso da cal apareceu o primeiro número. Logo, a partir do segundo, co consello de redacción renovado e grazas ao apoio do profesor Ramón Lorenzo, pasou a ser unha publicación da USC. Fun o coordinador desde o primeiro momento. O número inicial deseñouno Xurxo Fernández e a cabeceira e o logo pedímosllos a Xulio Maside. Así comezou Dorna e a miña actividade literaria pública. Pero eu xa escribía dende moito antes. Presenteime no ano 1970, sendo alumno de 6º de Bacharelato do Instituto Santa Irene de Vigo, aos Premios Minerva do Colexio Peleteiro de Santiago. Non tiven sorte e alégrome, porque eran uns versos terribles, acendidamente patrióticos. Acababa de chegar da América e daquela loitaba contra min mesmo por parecer ben enxebre.

- ¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
A mellor tratada, sen dúbida, foi A caneiro cheo. Debeu de ser pola novidade. Daquela, en febreiro de 1986, pasados dez anos da morte de Franco, moi poucos me asociaban aínda coa literatura. Foi unha sorpresa que eu gañase o Premio Esquío. Algúns aínda hoxe non o cren. Chegaron a dicir que me escribiran o libro. A xente, cando ten un estereotipo, é moi difícil facela cambiar de idea.
O máis desapercibido foi Campás de recalada. Acabei incluíndoo en Madeira do meu canto, unha antoloxía bilingüe que me solicitaron dende a colección madrileña Visor en febreiro de 1998. Escribín Campás de recalada para a colección Poeta en Compostela que publicaba o xornal El Correo Gallego, no que colaboraba daquela, e que quixo contar comigo. Ao final, o libro non se logrou e, ao non saír como obra individual, perdeu a oportunidade de recibir atención particularizada. Escadasí, para min esas prosas poéticas son do mellor que fixen.

- ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Sinceramente, son algo nugallao. Póñome a última hora, cando me apuran os prazos. Escribo mellor de noite. Empecei a man, logo pasei á máquina e agora xa directamente no ordenador. Reescribo demasiado, pero esa teima de cepillar os textos ata algunha vez chegar a empeoralos é unha pulsión irrefreable, como se me reencarnase nun daqueles correctores que había nas vellas redaccións dos xornais, todos moi rosmóns, pero cun gran sentido da lingua e da gramática.

- Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?
En poesía, naturalmente, cos da miña quinta. Son do 52, así que cos andamos hoxe nos sesenta.

- Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
Nunca o farei nin o pretendo nin creo que valla para nada. O pouco que fixen e o moito que vivín deben xulgalo outros. Para min a literatura é un xeito de vida, son un animal literario.

- ¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
Leo pola noite, antes de durmir, e pola mañá tamén, a primeira hora. Teño este hábito desde que era estudante, pois ás primeiras clases nunca asistía. Pola noite volvo a autores moi de meu e pola mañá métome coas novidades.

- ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
Fáltalle sexo. Blanco-Amor foi o primeiro, como el dicía, que recolleu na súa escrita que as mulleres tiñan seos e os homes falos. Isto, aínda que semelle unha boutade, é un feito contrastable, que fala da esmagadora influencia de xeracións e autores moi pacatos. A literatura galega segue a ser cousa de señoritos, comedidiños e apañadiños, nada escandalosos. Agora é cando empeza a haber xente nova libre de complexos e desinhibida.
Para min, ás letras, en xeral, nunca lles sobra nada. Pero unha cousa é chegar a facer literatura e outra moi distinta quedarse na escritura. Hai moito escribidor, moita ansia de triunfar, o que é lícito, pero o talento…

- Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Escribín sempre o que me saíu, nunca o oportuno ou o conveniente. Gustaríame deixar a miña visión da América, non de América. A presenza de centos e centos de milleiros de galegos naquel mundo. Algo sei daquela realidade, por nacemento, por vivencias e por paixón. Niso ando.

- ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
Normal. Andamos como sempre: imos cos tempos. Agora un pouco máis adiantados, porque a xente está mellor formada, fala e le noutras linguas, viaxa máis e as novas tecnoloxías póñennos ao día. Antes iamos a remolque, aquí todo chegaba tarde. Iso cambiou. O que me entusiasma, o que anima enormemente son as singularidades. Igual que tivemos, e seguimos tendo, unha pléiade de escritores galegos e de orixe galega que engrandeceron as letras iberoamericanas (Lino Novás Calvo, Paco Luis Bernárdez, González Carvalho, Juana de Ibarborou, Nélida Piñón, César Aira, Claudia Piñeiro…) distínguennos unhas individualidades que xa son literarias de seu, como, por poñer un só exemplo, Elías Portela, poeta en galego, políglota e un dos mellores escritores islandeses, moi coñecido alí como Elias Knorr. Quen llo dera a outros que levan gastado moitísimos cartos na proxección exterior.

- Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
Que as escritoras e os escritores afondemos máis na lingua propia. A ferramenta non pode ser unha koiné acuñada e corrixida polas editoriais. O galego, sobre todo o literario, merece máis calidade. É intolerable que haxa autores e tradutores que non saben colocar os pronomes átonos, que ignoran a riqueza léxica e morfosintáctica e que se expresan por escrito nunha linguaxe plana, exenta de calquera ambición estética.

Moi agradecido pola oportunidade.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES