Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando os extremos se tocan

miércoles, 10 de diciembre de 2014
A semana pasada o partido entre Atlético de Madrid e Deportivo rematou cobrándose a vida dun seareiro coruñés. Evidentemente isto escapa incluso ao absurdo da humanidade e converte en traxedia un deporte destinado ao entretemento e a evasión dos afeccionados dun xeito sa e lúdico.

Cando hai unha morte todos botamos as mans á cabeza e todos dicimos que esa minoría non pode condicionar a unha maioría que só quere pasalo ben admirando un deporte. Non dubido desas boas palabras nin de que reflictan o sentimento maioritario de todos os seareiros do mundo. Non en tanto enfrontámonos a un cruce de intereses que tornan o fútbol nun campo de batalla e iso non o podemos admitir.

Os Clubes de fútbol e o Estado teñen obriga de controlar a masa e de velar pola vida da cidadanía que non se pode ver perturbada por un partido de fútbol. Non hai dereito a que un evento deste tipo monopolice unha cidade como pasou por exemplo cando o Real Madrid xogou en Riazor e para saír provocou un atasco de máis de dúas horas. Todos os espectáculos culturais deben ter cabida na sociedade mais ningún ten dereito a monopolizala e moito menos a poñer en risco a súa cidadanía.

Fai moito tempo que neste país se bota de menos unha ensinanza en valores que contribúa a valorar e respectar a diferenza e a ver o libre-pensamento como un tesouro a gardar e non como un inimigo a bater. Quizais todo isto sexa “predicar no deserto e arar no mar” (como diría Celso Emilio) mais é necesario negarse a aceptar o que simplemente inaceptable. Todas as afeccións, todas as paixóns, todas as emocións e todas as ilusións collen na nosa sociedade porque son a esencia da liberdade e da democracia mais ningunha valerá nunca o que vale unha vida humana. Velaquí a traxedia da semana pasada. Unha traxedia que lembramos hoxe que é o día no que se fan 66 anos da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Ironías da vida, aínda hoxe hai quen non está disposto a aceptar aquilo que dicía a cantiga de Manuel Freire “Não há machado que corte a raíz ao pensamento”.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES