Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza da vida veciñal

jueves, 27 de noviembre de 2014
Os poemas de Díaz Castro teñen case sempre unha experiencia concreta da vida diaria da que extrae, cando menos, un lóstrego de transcendencia humana. No apartado das FERIDAS, os primeiros versos co título de "Cortina", fan referencia á morte dun veciño moi próximo á aldea do poeta vilarego. Nun ambiente pequeno, á medida dun moverse a pé e encontrarse case todos os días, un veciño, salvo algúns casos de choque frontal, é como un familiar coñecido e apreciado en todas as súas actuacións. Aí están a grandeza humana e ó mesmo tempo as debilidades da veciñanza no medio rural.

O poema CORTINA cita expresamente o nome de Farruco da Rolda, que ó meu ver fai referencia ó cabeza de familia do casarío de "Pena de Roldán", lugar distante tan só uns 500 metros da aldea do Vilariño dos Vilares (Guitiriz). No instante do pasamento deste veciño o poeta constrúe un balance de toda unha vida do bo veciño: casa, muller e fillo, única vitoria:

Diante el unha muller, doce feitura,
e un fillo criado, única vitoria.
Tras del fragas zoando, paus, loucura,
e mozas coma rosas, longa historia.


Nestas catro liñas está resumida a vida enteira dun querido veciño que se vai sen máis.

Ei, Farruco da Rolda: Dame lume
Terma aínda da lus que antre nós arde.
¿Pro non! Non tento máis que pedra e fume,
e en toda cousa se meteu a tarde.

O lume da boa veciñanza e amizade apagouse definitivamente; e o chisqueiro xa non da máis que pedra e fume, e a tarde, símbolo do fenecer, apoderouse de todo. Farruco da Rolda non puido resistir aquel atardecer. Os veciños xa estaban na hora do reconto para sacar unha conclusión para a vida propia. A comunidade veciñal ofreceuse para todo o que fose preciso.

Nesta tarde cargada de lorbagas
veu o silencio. Xa tras del as fragas,
perdidas coma ovellas, a zuar.
Tras del o fillo, a casa e a muller.
Morreu. Os bois volveron a pacer
e tralo arado as pegas a brincar...

En seis liñas o poeta resume a situación "pos mortem" de Farruco da Rolda: as lorbagas, o silencio, as fragas, o fillo, a casa, a muller. Todo queda atrás. Morreu, mais a natureza, como vimos noutros poemas, segue o seu destino: os bois volveron a pacer e as pegas a brincar tralo arado de sucar.

O tema da morte propia e dos demais está presente en moitos poemas de Xosé María Díaz Castro, baixo moitas metáforas. En realidade, baixo diversos símbolos, o finar é o epicentro da súa poesía; pero esa experiencia, que axexa por todas partes, non ten tinturas tráxicas senón que se fita coma un paso máis do propio vivir. Todo sigue o seu destino, máis ou menos longo no tempo.

O balance da vida de Farruco da Rolda semella pobre en feitos e palabras, mais contén a realización esencial: algunhas loucuras de mocidade, conquistar unha muller, construír un fogar, criar un fillo e dar lume ós veciños. Hoxe pode parecernos pouco, mais foi unha gran vitoria. E dese círculo pouco nos podemos escapar, por moitas voltas que dea o mundo.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES