Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Un urra por Artur Mas!

martes, 11 de noviembre de 2014
Os camiños da "segunda feira" levaron os meus pasos, hoxe, cara a admirada cidade de Porto.

Tempo de "ferias" outonizas permitíronme pasear pola cidade sen outra pretensión cá de mesturarme coma un transeúnte máis pola dinámica capital do norte -xa fose polos arredores da longa avenida de Boavista, xa polo paseo dos Aliados- fuxindo de acenos prototípicos e palpando o bulir cotián da urbe.

Como adoito facer cada vez que traspaso o Lindoso, sempre acudo a un kiosco para mercar o "JN", que ten sede no Porto e é o seu voceiro oficial, porque aquí -aínda que non o semelle- tamén hai sensibilidades diferentes segundo un se atope por riba ou por baixo do Mondego.

O "problema catalán" (agora millonariamente cuantificado), segundo ten sido bautizado, fora compañeiro de viaxe na radio, polo que cando entrei no kiosco fíxeno co desexo de comprobar cómo tiña sido tratada a noticia no devandito xornal dende esoutro lugar da península Ibérica co que especialmente os galegos compartimos irmandade histórica e cultural, ademais de veciñanza.

Vin que na portada nada aparecía, cousa lóxica, por outra banda, porque nestres intres as preocupacións da poboación portuguesa miran máis cara Vila Franca de Xira (onde xa contaron media ducia de mortos e varias ducias longas de afectados por un andazo de lexionela) ca cara o sol nacente. E vin tamén que a páxina 5 ocupábaa integramente a consulta popular, con dous xornalistas informando sobre o terreo e dous columnistas ós que a partir de aquí vou dedicar o meu tempo.

A primeira delas, presentada baixo o epígrafe contextualizante de "professora universitária", titulou a súa columna "A caminho da España federal?" e nela, con grave problema de estrabismo, teoriza sobre os resultados da consulta, entre outros, cos seguintes argumentos: "... a força desta consulta popular irá suscitar a discussão da revisão de um sistema político excesivamente centralizador e disfuncional, que impossibilita as regiões de se doterem dos recursos necessários para fazerem face á crise financeira e conómica".

E aínda denantes de rematar, a columnista deixa escrita outra "perla": "Assinale-se ainda alguma semelhança com o ordenamento portugués, em que o Estado centralizador impossibilita as súas regiões de gerirem os seus propios recursos de forma eficaz".

Perlas que o propio director do xornal, noutra columna, incrementa de tal xeito: "... Unidos á força desde 1714, a relação con Catalunha sempre foi tumultuosa". E aínda máis: "O castelhano nunca foi bem assimilado pela população regional, cuja esmagadora maioria emprega o catalão como lingua vehicular e o ensina nas escolas, pesem as históricas tentativas de bani-lo...", que quere dicir, prohibilo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES