Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Chegará a ser o cuarto pilar?

lunes, 06 de febrero de 2006
Nunha sociedade que afronta o terceiro milenio, hai persoas que aínda teñen que loitar polos seus dereitos máis elementais e por construír o pensamento social que acepte as minorías como parte da totalidade. Apróbanse as leis para favorecernos como se non fosemos portadores dos mesmos dereitos. Estou a referirme ao anteproxecto de Lei de Promoción da Autonomía Persoal. A mal chamada Lei de Dependencia.

Certamente a dependencia está a provocar un debate social novo. Está calando na opinión pública que se resolveu o problema e chama a atención que moi poucos se consideren posibles beneficiarios. Opínase sen contrastar coa incidencia que ten nas persoas con necesidade de apoios, as verdadeiras expertas no tema. Non nos podemos quedar nas grandes declaracións sen ler a letra miúda.

Para asentar o chamado Estado do Benestar chega o cuarto pilar. Seica España se vai poñer á cabeza de Europa; outros datos din que pasará do posto duodécimo ao oitavo quedando aínda un 23% debaixo da media europea. Segundo o presidente Zapatero somos persoas con déficit de cidadanía e a futura lei recoñece ese novo “dereito de cidadanía”. Todo moi ben harmonizado se non fose porque despois de ler o documento queda a sensación de ser unha carga social, de ser culpables das nosas discapacidades. Simplemente algúns detalles que nos fan dubidar:

a) A maioría do movemento asociativo pronunciouse a favor dunha decisión que só se coñecía por comentarios sesgados que ían aparecendo nos medios de comunicación. Lembremos a Lismi na que houbo unha ampla participación e consenso aínda que non se estaba tan organizados e xerarquizados como agora. Neste caso non interesou ese debate previo. Así se explica que o Goberno presuma dicindo que tamén existiu acordo coas Asociacións.

b) Semella un anteproxecto de lei de fomento do emprego cando debería matizarse máis para garantir os dereitos humanos de quen sofre unha discriminación histórica. A vida dunha persoa non se limita a temas de financiación, emprego, estruturas empresariais e residenciais... Está pensado desde un punto de vista económico chegando a afirmarse que vai a ser un gran negocio. Para as persoas con diversidade funcional non promete tanto. Manipúlase a información falando de inverter millóns de € e sabemos que gran parte proveñen de reorganizar as pensións xa existentes.

c) O texto refírese por activa e por pasiva a creación dun dereito universal e, ao mesmo tempo, hai que facer fronte ao seu custe. En contra das directrices europeas non se pretende manter o Sistema de inDependencia a costa de todos os cidadáns e cidadás, senón dos usuarios. O asentamento dun pilar ten que involucrar a toda a sociedade. Se se fala de igualar á Sanidade, Educación e Pensións, os outros tres pilares, teñamos en conta que non se contribúe cun copago adicional en función de ingresos e patrimonio.

d) Non se pode asociar dependencia co factor idade e centrar a atención nos maiores esquecendo as particularidades das persoas con discapacidade. As situacións de necesidade de apoios poden darse en todas as etapas da vida e a exclusión dos menores de 3 anos denota falta de sensibilidade. Vannos incluír nunha lei que non naceu pensando en nós e cómpre contrapoñer os termos coidado-dependencia fronte a apoio-independencia. Só fixa uns mínimos e non garanta equidade territorial na prestación de servizos nas distintas comunidades. Tampouco podemos esquecer o organigrama burocrático que se necesita poñer en marcha.

Somos conscientes de que é unha lei necesaria, pero incerta e preguntámonos se servirá para construír esa sociedade na que sexa posible participar en igualdade de condicións cunha vida digna e independente.

Colectivo AdianteXá
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES