Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha vida contada

martes, 04 de noviembre de 2014
Este ano cumpriuse o centenario do nacemento de Xosé Rubia Barcia, e por mor desa circunstancia o Consello da Cultura Galega decidiu publicar un libro moi orixinal pola súa presentación e formato, e atractivo polo Unha vida contadaseu contido, no que Rubia Barcia vai contando retallos da súa azarosa vida a micrófono aberto posto diante por Xosé Manuel González Herrán na miña casa de Mugardos aló no ano 1985. No magnetófono quedou gravada unha conversa de máis de tres horas cuxo contido da lugar á aludida publicación. E todo isto tróuxome lembranzas, recordos daquela tarde de verán, e por suposto acordanzas do meu tío que tanto influíu na miña maneira de ser e a quen insistín tanto para que escribira as súas memorias (comezounas e non tivo tempo). Pero daquela conversa coa ría como pano de fondo naceu, “José Rubia Barcia: Unha vida contada” que ven de ser unas sucintas memorias , ditas tal e coma el foinas relatando sen quitar nin engadir un punto nin unha coma, mesmo coa súa propia voz como figura no CD que vai co libro.

Non é doado para min falar de Xosé Rubia Barcia, pola parte que me toca, pois calquera cousa que diga del podería semellar interesadamente positiva, pero é que el era así, en esencia positivo, así que deixo para os eruditos o análises da súa obra e falo con vostedes de Rubia Barcia como persoa, como ser humano, ao que lle gustaba ir a pescar fanecas cando viña por aquí na compaña de Nicolás, un vello pescador co que tiña certa complicidade nesta relaxante tarefa mariñeira e co que se sentía a gusto a bordo da chalana fondeada no medio da ría. Namentres puido fisicamente, non deixou de realizar estas incursións que lle servían para cargar as pilas, unas pilas que estaban enchidas dun forte sentimento solidario cos menos favorecidos, de postulados encamiñados a poñer ao home, ao ser humano, no centro de todo. Militaba, no amplo senso da palabra, nun socialismo humanista onde as cousas tiñan que ser escravas do home e non o home escravo das cousas, teses que proviñan seguramente das súas primeiras lecturas no Centro Obreiro de Ferrol e logo cos contactos habidos na Universidade de Granada na que ingresou cando contaba dezasete anos logo de facer o bacharelato en catro con matriculas de honor. A partires de aí, Xosé Rubia Barcia foi o resultado dun cúmulo de casualidades que deron con el na Universidade de UCLA (California) onde exerceu moitos anos coma profesor e xefe do Departamento de Español e Portugués naquela institución.

O mércores pasado sentinme ledo porque no Concello de Mugardos tivemos a oportunidade de falar de novo de Rubia Barcia diante dun nutrido grupo de xente que encheu o Salón de Plenos na presentación do libro arriba aludido e que contou coa presenza do alcalde que presidiu unha mesa na que estabamos Ramón Villares (presidente do Consello da Cultura Galega), González Herrán (editor e autor da entrevista que dou lugar ao libro) e eu mesmo. Dúas veces máis falouse del en Mugardos: a primeira nunha conferencia impartida por Arturo Cuadrado, moi amigo de Rubia Barcia que, cunha excelsa oratoria, chegou a emocionar ao auditorio. A segunda foi no ano 1985 nunha homenaxe titulado “Cartas a Breogán” con guión de Luís Mera e Xosé Torregrosa, que se fixo itinerante por varias localidades, no que se mesturou prosa, poesía e música. E o pasado día 29 Rubia Barcia estivo de novo presente poñéndose un pouquiño máis en valor a súa figura na memoria colectiva do pobo que o veu nacer. Xa pasaron cen anos do seu nacemento; un tempo dabondo como para poder contar unha vida. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES