Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Finar 'no resplandor do día'

miércoles, 29 de octubre de 2014
En consonancia coa súa sensibilidade poética e relixiosa, Xosé María Díaz Castro, que finou o 3 de outubro de 1990, cavilou tamén sobre o seu pasamento persoal. No libro NIMBOS deixou plasmados tres soños íntimos. No poema "A cerna" recolle o proceso do amor verdadeiro, sufrido e resistente as probas duras. Séguelle a súa aspiración de ser "Coma un río" que vai cara ó mar deixando chorimas, contrastes de luz e frío, de néboa nos montes e estrelas nas rendixas do lousado, coma a música do mundo, coma un río de recendos, de voces e luces, coma o aire que beixa todo e non se pousa en nada. E logo ven o derradeiro soño de finar "no resplendor día".

O poeta vilarego-guitiricense soña con desaparecer do escenario desta vida conforme ó destino e harmonía da natureza e da sociedade en que se movía:

"Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sen sentir o martelo dun recordo no sangue,
e caer amodiño na sombra como a lúa
enterra as súas cornas tras de Arxan".


O ciclo do día e da noite percíbeo o poeta nuns fenómenos naturais familiares ós veciños da aldea do Vilariño: a música do atardecer nos pinares próximos e a testemuña da lúa que no seu percorrido puntual desaparece tras os montes de Arxán, aldea de San Xoán de Lagostelle próxima ós Vilares.
O percorrido da luz do sol é para o vate vilarego outro punto de referencia:

"Que o sol siga o seu rego o mesmo cadullo,
a derradeira rella do tempo en carne viva,
que os paxaros non calen no oco quente da tarde,
que non paren os boi de remoer".


Da regularidade e destino do sol, os versos recollen as repetidas experiencias olladas nosanimais que tamén sinten e seguen o seu destino, os paxaros cantando no atardecer e os boissempre remoendo con parsimonia.

Deseguida o poeta figúrase a si mesmo no trance final, sen que nin a fauna, nin a flora nin as voces misteriosas deste mundo se perturben:

"Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño
sen axotar as troitas nin as alas dormidas,
e que a Deus me encomenden os ventos vagabundos,
as lebres que se riron do meu can,

os camiños que antiven e as árbores con niños,
os ollos, inda cheos da lus de Deus, dos nenos,
as voces escondidas que terman deste mundo,
as bagoas puras que non ve ninguén,

manentras en falopas cai a imaxe do mundo
e as voces son adeuses de xente no peirao
e eu estrela da noite que se perde no día,
no resplandor do día que busquei".


Nesta derradeira oración o poeta e crente apela á natureza concreta que viveu, ás voces que sintiu, ás forzas misteriosas que rixen o mundo para que o encomenden a Deus, pois o trance soñado concéntrase todo nun instante único: unha estrela que se apaga en pleno resplandor do día. Despois dunha suprema tensión, dun "todo está consumado", como dixo o Cristo, para logo soñar coa PAZ perpetua. Esta semella ser a visión do poeta e crente cincelado nos seus albores pola natureza e pola sociedade campesiña das terras de Parga e Guitiriz, partindo dun case imperceptible punto xeográfico da aldea do Vilariño dos Vilares.

O recen pasado tres de outubro cumpríronse vintecatro anos desde que finou o noso veciño, poeta e crente, Xosé María Díaz Castro. Non sei a que hora ocorreu o seu pasamento, descoñezo como pasou os derradeiros días e horas do seu trance imaxinado; mais sospeito que foi tranquilo e esperanzado na busca da GRAN PAZ, soñada e desexada nos seus versos. Porque, din, como se vive así se morre. De calquera xeito sempre nos quedarán os soños plasmados nestes fermosos versos que nos abren unha gran porta ó cosmos, á terra, á flora e fauna inmediata, ó inmenso mundo das persoas, dos grupos e das sociedades, á unha transcendencia que non encerra o ser humano nunha finitude clausurada, senón que o abre a inmensos horizontes posibles, á busca de soños máis aló do visible, do controlable e incluso do imaxinable.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES