Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teimosía, cobiza e soberbia

viernes, 24 de octubre de 2014
Supoño que ninguén debería estrañarse cando escoita os comentarios de que non se pode evitar o sentimento de bazofia en que convertemos a España: nun guiso tan mal adobado, que é indixesto para os españois, se queda algún, e fedorento para os estranxeiros, salvando as garatuxas diplomáticas.

Empecemos por recoñecer que moitos cidadáns deste noso pobo non parece que lle poñan faciana de noxo aos ingredientes que todos aportamos a esa bazofia, e cando o fan, por atrofia da función expresiva dos músculos en desuso, organizan algarabías na rúa case por todo: Somos un país fértil en balbordos e slogans; pero nos momentos decisivos, naqueles nos que temos no noso poder o exercicio da soberanía, non coñecemos máis camiños que os asfaltados polas vontades dos de sempre. Ladramos, non trincamos como non sexa á traizón.

Non gusta; pero os comportamentos sociais que rexeitamos saen ben aprendidos dos pupitres da nosa escola, con actitudes que se adxectivan de teimosía, cobiza e soberbia. Élles o froito dunha democracia relativizada á pandeireta de cada músico da escena, na que parece que non é necesario respectar uns principios que nos permitan asentar sólidas, coherentes e eficaces institucións, que garantan o uso adecuado da liberdade cidadán, a inviolabilidade do domicilio, as xustas retribucións, a seguridade, a tranquilidade no coidado da saúde, a administración dunha xustiza ao alcance de todos, o solar patrio, a pedagoxía parlamentaria, a xustiza distributiva, etc.

As institucións perden solidez e coherencia se están ao servizo das ideoloxías, que as debilitan adaptándoas para eternizarse no poder, e non ao dos cidadáns, cubrindo as súas verdadeiras necesidades; e deveñen ineficaces cando se estruturan con elementos integrantes do compromiso partidista, incongruentes coas respectivas funcións institucionais, e sen a ponderación instrumental da racionalidade que as debe presidir.

Somos caldo de cultivo das distintas e posibles tipificacións do fenómeno da corrupción e catalizamos os hábitos soberbios dos que posúen algún poder, alardeando de resabidos ata a mesma deturpación do seu prestixio profesional, polo que foron elixidos para cargos de responsabilidade; pero esquécense do efémero do mesmo, como se para eles non contara a imputabilidade, cando teñen á man acadar diñeiro.

E digo “catalizamos”, porque contribuímos a dar por boa a ruptura do curso de moitas cousas do pasado que non están mal, debido a unha falta de respecto a sabedoría dos demais, prestándolle á propia unha confianza sen límites: Basta calquera desculpa para asentir o varrido, nun arrouto, do valioso dos de antes ou dos “outros” da actualidade. Pero todos preparamos e coidamos este humus social no que xermolan as perversidades que estamos soportando, alleos hipocritamente á nosa parte alícuota de responsabilidade.

Atordados por esa aura de autosuficiencia que nos dan certos coñecementos rueiros, non reparamos en criticalo todo desde o noso pedestal, sen decatarnos, tan sequera, de que, a veces, estamos destruíndo xoias da intelixencia, que, antes ou despois, haberá que restablecer, aínda que nos amparemos nun cambio nominal: Os regateos da nosa teimosía ideolóxica están a poñer en perigo os parámetros indiscutibles nos que se apoian moitos “constructos” socio-políticos, cuxa exquisitez ética é absolutamente necesaria.

Esta época, e os españois non estamos fora dela, está borracha de desacougo e adicción a todo cambio, aínda que discorde das correntes “globalizadoras”, so pretexto de sacar ao home da súa condición do que chaman “minoría de idade”, tirando pola borda os logros intelixentes da mesma, con sordidez: É paradoxal que entendamos por “sacar da minoría de idade” poñela, precisamente, ó servizo das cobizas persoais ou partidistas!.

Ademais, neste marco tan pouco afagador, temos un compañeiro de viaxe na UE que non pensa máis que na acumulación pola acumulación: O gran capital. Con el vivimos baixo a consigna da caducidade do válido e do feitizo do novo, metido polos ollos na absorbente propaganda dos medios.

É unha situación na que manda o diñeiro, porque desfacerse do vello, que aínda dista moito de selo, e adquirir o novo, non pode facerse de balde: Non se arranxa nada, porque todo está preparado con vistas a comprar o novo; mais os cartos hai que sacalos de debaixo das pedras.

Pero o desmedido afán acumulativo, que se impón como esixencia lóxica de cubrir os caprichos dunha moda que, con frecuencia, raia o ridículo, leva a un individualismo salvaxe, porque hai que competir, non competer nin cooperar.

Sen dúbida, isto carrexa consigo unha perda progresiva da solidariedade, e, á vez, un incremento exponencial do egoísmo, que é un virus contra o que os poderosos nunca están inmunizados, coa gravidade de que adquiren os analxésicos do bolso da xustiza social. Acaso non se recuperaron os bancos con esta praxe?!.

Os efectos colaterais padéceos o traballo e as familias: Os salarios compiten cos ingresos dos poderosos e nas familias sen diñeiro aumentan as tensións existenciais. Por iso afirma Zygmunt Bauman (de quen prodigamos referencias neste medio) que vivimos na “sociedade líquida”, e nela, as estruturas sociais non poden perdurar, porque comprometen os intereses dos poderosos, ós que lles estorban as institucións dos estados democráticos, que, incomprensiblemente e dunha forma pouco intelixente, a esquerda non contribúe a fortalecer, como non sexa con criterios partidistas demagóxicos, pese os rimbombantes obxectivos programáticos: Tamén a ela a esportela a corrupción.

Estamos inmersos, pois, nunha sociedade de moitas incertezas e non poucos riscos: A seguridade nacional carece de medios e de persoal suficiente para cubrir o seu cometido con eficacia, e o económico, o cultural, o ensino, a sanidade..., etc., suponlle aos gobernos cuantiosas inversións, que non poden atender porque, cunha cautela non esquecida, o poder capitalista financeiro responde coas delituosas ocultacións nos lugares da impunidade, contra a que urxen medidas de eficaz contundencia: Non facelo permite pensar nunha estudada conivencia.

A extensión dos desaforos capitalistas é de tal magnitude que, calquera acción correctora, desencadea enseguida nos afectados a aplicación das súas aceiradas pugas, rabuñando a firmeza do poder legalmente constituído, ata acadar o amparo das inxustizas, que tanto convulsionan ó pobo. Neutralizar estes arroutos esixe unha firmeza que se avén mal co habitual “tancredismo” ó que xa estamos acostumados noutras decisións gobernativas.

Isto provoca a desconfianza nas institucións e en quen as rexenta, incluídos os integrantes dos gobernos, e pon en perigo o xa débil sistema democrático, do que, cada vez, afástanse máis os cidadáns, recorrendo ás posturas populistas, que, como é ben sabido, son o limiar do totalitarismo. Exemplos xa temos...!.
E se vostedes me recordan o difícil que é agora, na nosa situación, identificar os verdadeiros culpables dos eventos máis desgraciados e negativos para os intereses do país, despois de observar como eles se xustifican cunha argumentación que, por ser falaz, non deixa de presentarse con avidez, eu diríalles que este galimatías, na miña modesta opinión, só se pode xulgar enmarcándoo no que deixamos exposto. Porque falar da perda do sentimento ético, equivale a repetir as consabidas lerias de todos os días, coas certezas farto coñecidas, que ninguén parece tomar en serio.

A este respecto, preguntábase un periodista, ata onde chega o silencio das súas conciencias, se non lles di nada, nin tan sequera intúen con que tribulacións unha nai da pobreza africana, cuns fillos esqueléticos pola fame, pasará a noite angustiada polos choros deles cando se esperten magoados por aquela; e pensando tamén o rigor co que se castigou a unha pobre señora aquí, en España, por utilizar unha tarxeta, que encontrou, e con ela sacou cartos para mercar cueiros para os seus nenos. Isto no século XXI...!.

Comparemos, pois, cos casos dos arrogantes, inmorais, insensibles e dilapidadores usuarios, na súa condición de altos cargos nas Caixas de Aforros e en Bankia, dunhas tarxetas sen máis límite que o da propia conciencia, á que demostraron ser insensibles pola atrofia materialista da mesma: Son os brotes avantaxados da sociedades que describimos, hoxe de aspecto murcho, aínda que máis polo aire fresco que os desvela, que polo arrepentimento que non teñen.

Queren máis probas dos niveis de insensibilidade ética acadados e do abandono das obrigas de controlar eficazmente o exercicio das funcións públicas...?!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES