Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón do San Froilán 2014

miércoles, 08 de octubre de 2014
O xornalista lucense Pedro Revaldería pronunciou o pasado catro de outubro o Pregón oficial das festas Patronais do San Froilán. Velaquí as súas palabras:
Pregón do San Froilán 2014

Moitas grazas señor Alcalde, grazas tamén aos membros da Corporación Municipal, grazas a todos os presentes.
Prometín e podo prometer que vou ser breve e que aínda que me emocione tentarei non anoxar a ninguén e xa advirto que ao remate hai sorpresa.

Decálogo do San Froilán.

1. Agradecido e abraiado.
Queridos paisanos, nunca San Froilán caeu tan baixo nin eu cheguei tan alto coma hoxe. Xamais crin merecer honra tan excesiva. Xamais pensei estar neste balcón o día do lugués Froilán, home mítico, protector dos mais necesitados nun tempo de tribulacións e cambios tal como o que, mil cento nove anos despois do seu pasamento, estamos a vivir.

2. Do mesmo xeito que nos días de Froilán non se acabou o mundo, agora tampouco se vai acabar.
Cando era moi neno na única televisión, en branco e negro, que daquela existía, emitíase un dramático anuncio institucional que dicía: “Ahorre energía. Aunque usted pueda permitírselo, España no puede pagarla”.
A crise do petróleo púxonos na beira da beira da quebra como país. Lembro medo e necesidade que mudou en cambios políticos, que espallaron liberdade, e cambios sociais que sementaron a igualdade que nos permitiu voltar a medrar.
Saímos adiante o mesmo que na crise do noventa e tres, o mesmo que imos saír desta longa, dura e inxusta crise que aínda nos afoga. Sairemos adiante e seremos mellores e mais fortes aínda que nada volva a ser coma antes.

3. Isto é unha festa. Un día é un día e un peso gastouse.
Xa que estamos aquí ímolo pasar ben. Son nove días para vivir, para fuxir da rutina que nos esmorece a cotío, para esquecérmonos das dificultades e aproveitar as oportunidades. Lugo está cheo delas. Agás Sevilla, Valencia e Pamplona, ningunha outra cidade ten unha leria comparable ó San Froilán. Isto é moi grande. Unha enchenta de festa coma en ningún outro lugar.

4. Coñezo ben a Peludez.
Sempre busquei a Peludez no feiral de San Froilán e atopeino o cabo na mirada de moita boa xente dos arredores de Lugo e mais aló, xente que vive estas datas como unha cita inesquecible. Hanme permitir aquí lembrar a sentencia do moi ilustre lugués Adolfo de Abel  Vilela, nos mais axitados días da normalización lingüística: "Sempre hai que ir o San Froilán a comer o pulpo e a votar un polbo "pensaría el que non é doado comelo polbo e votar un pulpo”. Eu coido que todo é posíbel.

5. ¡Fagan o favor! !Que volva Ángel Nieto!
Sempre vivín o San Froilán como a gran festa do ano. Nove días so comparables co Nadal pero con moita mais e mellor leria.
De neno era unha ilusión desbordada polas atraccións do feiral, un mundo cheo de personaxes e experiencias  máxicas. Lembro moitas, pero o Muro da Morte era a mais incrible: unha moto dando voltas arredor dunha parede cilíndrica, absolutamente vertical, feita con listóns de madeira. Unha lección de física explicada cada ano polo meu pai: "a forza centrífuga da moto en función da velocidade e do diámetro do muro permítelle xirar pola parede sen caer ao chan". Eu, que sabía pouco de leis físicas, pensaba que o americano que pilotaba a moto era un súper heroe capaz de voar.
Un evento que marcaba a vida familiar era o Concurso Exposición da Raza Rubia Galega. Entre as variadas actividades do meu pai, a de criador desta selecta raza de gando autóctono, deunos inesquecíbeis celebracións do San Froilán. Un ano, cando aínda se celebraba nas instalacións de Frigsa, catro tenreiros nosos: Marqués, Gallardo, Galego e Rubio quedaron nos tres primeiros postos con empates entre eles mesmos.
Ese día meu pai recolleume no colexio e fomos celebralo ao mítico restaurante de Gil Colmenares, A Coruñesa, daquela a referencia no marisco en Lugo.
Sendo mozo estraguei moito o corpo en asaltos e verbenas, xuntando a noite co día sen durmir e, teño que confesalo, facendo moitas desas cousas que lle pedimos os nosos fillos que xamais fagan. Voto en falla locais onde vivín grandes experiencias: o pub Stilton, onde andábamos ás apalpadas; as discotecas Grilo e Yguazú, pioneiras nos anos setenta; e sempre a cervexaría Calvo onde, Gonzalo e Manolito, tiraban a cervexa como en Madrid.
Pero o que lembro, con grande sentimento de perda, é o Gran Premio San Froilán de motos. Carreiras arredor da muralla coa xente ateigando as beirarrúas, protexida so por pacas de palla, e no adarve da muralla sentados no muro cos pes colgando.
Eu poñíame sempre na Porta de Santiago, curva de noventa graos, con forte Pregón do San Froilán 2014freada na entrada e peraltada a esquerda no sentido do xiro. Vin moitas caídas, vin queimarse motos e tiven a sorte de ver a Ángel Nieto. Hai tres anos, na presentación do grupo Mediaset, falei con el das carreiras daquel San Froilán. Lembrábase de cada curva-todas a esquerda-, dos buratos, dalgún tramo de adoquíns, da xente mesturada con pilotos e mecánicos na praza do Ferrol onde estaba o que hoxe chamaríamos " pit lane".
Recuperar un espectáculo coma este sería un fito épico como a propia muralla ou o lugués Froilán, que nos da nove días de festa.
A pasalo ben.

6. Felicidades e honra o Clube Deportivo Lugo! Pero o Breogán é o equipo da miña vida.
Cando eu aínda era loiro e non pelado como ágora, o Breogán era moi grande. Aguado, Serrano, Alfredo Pérez, Lorenzo, Caso, Prada e Sevilla. Un ano quedamos quintos. A primeira vez que lle gañamos o Juventud de Badalona, desde a central dunha radio en Madrid preguntáronlle o corresponsal: ¿ ha habido incidentes? Non crían que lles puideramos ter gañado sen votalos a pinchacarneiros polas costas do parque. Recoñezo que tiñamos certa mala fama ben merecida.
Despois chegaron os americanos: Fullarton, Allen, Rwit, o inesquecible San Pellon... Un equipazo... Un equipazo pola afición, pola paixón e a loita que xamais volvín ver en ningures. Estoume a estender falando do Breogán pero, xa vos dixen, é o equipo da miña vida. Sabedes como nos recibía a Demencia no Magariños cando íamos a Madrid a xogar contra o Estudiantes? A ritmo de muiñeira "Soy galleguiño, vengo de Lugo, traigo la gaita metida en el culo".  Pero tamén lles gañamos, a eles e o Real Madrid.

7. A Rubia Galega e a mellor. E isto non é desmerecer ás morenas.
Como se puido ver no desfile anterior a este modesto pregón, a raza Rubia Galega é motivo de honra para Galicia pero especialmente para Lugo e para esta festa de San Froilán. Durante anos nas instalacións de Frigsa e despois no Ceao, a feira exposición de gando da raza Rubia Galega xuntaba os mellores exemplares da que está considerada como mellor carne de vaca do mundo. E isto, amigos, si que é tecnoloxía punta, tanto como o xamón  de Jabugo, algo excepcional, criado entre nos, e non no Xapón ou nos Estados Unidos.

8. Este é o mellor San Froilán da nosa vida. O mellor ata o do ano que ven.
Aínda que esteamos a facer aquí un exercicio de lembranza e morriña de tempos pasados,o mellor sempre está por chegar. Aproveitade estes días. Rapaces, mociñas e mociños, aproveitade estes días que a volta do Pilar está o inverno. Pasádeo ben, sen liortas. Cumpre estragar un pouco o corpo, non perder unha enchédela, nin un concerto nin unha verbena. Pasádeo ben.

9. Prometín ser breve e vou cumprir. Estiven a piques de chorar pola emoción varias veces ao lembrar, diante de vos, os días nos que era inmensamente feliz aínda que non o sabía. Cousa dos anos. Amigos boas festas. Viva Lugo. Viva San Froilán.

10. Como sabía que este modesto e improvisado pregón,  habería que arranxalo dalgún xeito, pedinlle a uns amigos que viñeran botar unha man. Aproveitándome deles, que son bos e xenerosos, penso que podemos pechar dun xeito digno este pregón e dar por principiadas as festas. No templete da música, para agasallarnos cunha sesión vermú que agardo inolvidable, están: Mercedes, Anabel, Jon e Fran. ! Os Supersingels. Cunha ducia, e varios popurrís, das mellores cancións da nosa vida. Cancións tan importantes como Anduriña.

Amigos moitas grazas, unha emocionada aperta, e a pasalo ben.
Revaldería, Pedro
Revaldería, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES