Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Liberdade de voto?

martes, 07 de octubre de 2014
Entre o balbordo de sen sentidos que se ven, que se len e que se escoitan, por parte de moitos da banda de Laíño, como por parte dos da banda de Lestrove, así como por aqueloutros que camiñan polo medio do río do "asunto" catalán, lin esta fin de semana un que abraiou os sensores propios da miña racionalidade e sorprendeume que fora motivo de titulares de amplo corpo e varias columnas en practicamente tódolos xornais ós que tiven acceso.

Estoume referindo á reunión que mantivo esta fin de semana o consello nacional de Unió de Cataluña, así como ó acordo -insólito, por obvio, acordo- ó que chegaron logo de non sei cantas horas de reunión e que -por se vostede non o leu, que non creo, lémbrollo eu- nunha versión resumida ven a dicir que "lle dan liberdade ós seus militantes" para que voten o que boamente desexen cando chegue -se é que chega algún día- a xornada electoral pertinente.

"Liberdade de voto?", dixen eu para min. Pero, cómo se come iso? Agora resulta que, segundo ese emporio de virtudes definidas e de clarividencia contrastada, que é Unió, o voto xa deixou de ser un dereito persoal e intransferible, coma o carné de identidade, e, por arte de birli birloque, pasou a ser, por apropiación indebida, do partido ó que un pertence ou pode pertencer.

A ver... Se non estou trabucado -e creo non estalo-, se lle digo a vostede que lle vou dar algo é porque a cousa, obxecto, dereito ou o que sexa que teño pensado darlle, forma parte da miña propiedade e magnanimamente lla cedo para que vostede poida gozar dela tamén coa mesma liberdade da que podo gozar eu.

Poñamos por caso que eu teño unha idea, un coche ou cariño, simplemente. Unha vez forma parte do meu patrimonio particular, eu son libre de regalarlla, venderlla ou simplemente non concederlla.

Será, entón -pregunto eu-, que os militantes desa formación política cando acoden a unha sede do partido e deciden solicitar a afiliación ó mesmo, ademais de adquirir o compromiso de pago periódico dunha cuota, entréganlle tamén ós órganos de dirección o seu voto -por sécula seculorum, amén- baixo risco -xa que son demócrata cristiáns- de excomuñon?

Realmente, a política neste país -incluído Cataluña- chegou a un nivel de degradación tal que un afiliado a un partido politico perde a propiedade do seu voto e por máis que a súa formación decida tirarse por un barranco en suicidio colectivo non lle quede outra ca seguir cos ollos vendados ó redentor e arroxarse con el a sabendas de que no fondo está o desastre?

Pois, polo que se ve, si. Xa que logo, non vin eu hordas de militantes nas redes sociais, nin sequera camadas de columnistas afeándolle a conducta a Unió por -como escribín denantes- facer apropiación indebida dun dereito que por fortuna aínda é de cada quen.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES