Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un problema mental

lunes, 29 de septiembre de 2014
Quen mo contou foi un experto no mundo da floricultura e da arbolería. Non sei cómo se lles chama tecnicamente, pero é un dos responsables dunha das empresas do ramo que probablemente máis facturen en Ourense e co que tiven lecer de departir unha tarde, tomando unha cervexa en Bande, logo dunha intervención súa nunhas xornadas sobre procura de alternativas para asentar poboación no medio rural e nas que eu tamén tiven oportunidade de participar, falando do que non me canso de falar dende hai algún tempo. É dicir, de que o patrimonio cultural -que por estas vellas terras de Vilar posuímos por arrobas- ten que comezar a ser xerador de riqueza se non queremos que nun futuro non moi alonxado o patrimonio e nós esmorezamos de inanición.

Retomo o fío da cuestión e fágoo cunhas certas reservas por medo a repetirme, pois xa non lembro se me fixen eco disto nunha columna anterga. De tódolos xeitos, neste caso prefiro ofrecer dúas tazas ca non ofrecer ningunha, xa que logo, a anécdota paga a pena.

O noso interlocutor, a modo de exemplo das dificultades mentais que hai que superar para que os galegos do interior volvamos mirar para a terra, contounos ó pequeno grupo que departiamos nesa velada vespertina, que nun momento dado atoparon unha canle de comercialización en Centro Europa para esa praga preprimaveral que tanto pinta de amarelo as abas dos nosos montes, como son as mimosas. Puxéronlle prezo e dirixíronse cara o Ribeiro, onde teñen un verdadeiro problema con elas, ofrecendo unha cantidade por quilo de flor que non alcanzo a lembrar, pero que de traballar ben a recollida proporcionaríalle unha axuda económica certamente xeitosa.

O primeiro ano seica recolleron unha boa cantidade que lle serviu para crear boas expectativas de cara ó ano seguinte e comprometéronse co comercializador centroeuropeo a incrementar a oferta. E chegou a seguinte primavera, pero por máis que as mimosas inzaran coma sempre, a cantidade que lograron conseguir foi sensiblemente máis pequena, polo que comezaron a indagar ata que algún deles acabou sincerándose, recoñecendo que lles daba reparo ir facer a colleita porque eran mirados coma se fosen miserentos.

Traio a anécdota a colación ó fío das xornadas sobre cómo asentar poboación no medio rural, que promoveu nantronte este xornal e como preclaro exemplo de que, aínda que son moitos os factores, un dos principais ó meu humilde ver é o problema mental que nos pexa e que dá por boa unha "paguiña" calquera antes de ter que enzoufar os pés na terra.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES