Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un retablo e unha imaxe

jueves, 25 de septiembre de 2014
DÚAS COBRIÑAS DE VERÁN: UN RETABLO E UNHa IMAXE

Conforme a Wiquipedia a expresión serpe de verán  refírese a “noticias irrelevantes que publican os xornais pra encher a súas páxinas durante as vacacións de verán, cando a meirande parte da sociedade está de vacacións e non se producen acontecemento nin noticias relevantes”.

Sospeito, sen estar de todo seguro, que a noticia da restauración dun retablo da parroquia de san Xoán do Alto, a carón de Lugo, difundida ós catro ventos no pasado mes de agosto, se non chega á categoría de serpe, foi polo menos unha cobriña. Coido que este réptil coa chega do outono xa entrou en ivernación. Non serei eu quen o esperte, pero aínda que sexa con certo retraso quero dicir que me produciu carraxe ler o trato que se lles deu ós dou veciños que rescataron ese retablo dunha palleira. Mesmo por parte do responsable de Patrimonio do Bispado foron tratados, baixo capa de aparentes desculpas á súa desinformación, cunha considerable falta de caridade, quizabes pra tapar a irresponsabilidade e falta de coidados dunha peza que, se realmente ten o valor que se di, debería contar con outros coidados e proteccións.

Algún día os veciños de San Xoán do Alto terán que agradecerlle a José Manuel Rozas e Manuel Teijeiro que o seu retablo non podrecese de vez debaixo dunhas gabelas de estrume e que agora se fagan xestións pra restauralo conforme ós canons estéticos e restauratorios imperantes. Claro que o mérito acabará levándoo algún listiño que, sen poñer un peso do seu peto quedará por celoso coidador do Patrimonio, e eles, que gastaron cartos, tempo, boa vontade e algo de pintura máis da conta, quedarán por pobres irresponsables e temerarios chapuzas que se puxeron a facer sen antes calcular. Aínda que non vos sirva de moito, solidarízome con vosoutros, José Manuel e Manuel, e, se tivésedes algunha sanción da Administración pola vosa “temeridade” prometo axudarvos polo menos co que poida gañar nun cabodano, que tamén eu teño feito algunha “chapuza” desas e mesmo restauramos algunha igrexa de aldea, (desas que teñen a desgraza de que non pase a carón delas ningún camiño de Santiago recoñecido), sen proxecto oficial nin visado de facultativo nin dirección de obra de experto. E iso non por arrogancia, desprezo ou afán intrusista, senón por falta de cartos pra conservar un patrimonio que, polo que se di é de todos, pero polo que se comproba, é duns máis ca doutros.

Outra cobra de verán, sospeito que chocada en niño moi próximo á anterior é a de Conforto. Esa non prece ter ivernado aínda. Que descomunal esperpento! Desde logo, hai que concluír que a insensatez non ten cancelas, pero si ten Cancelas. Tiña entendido que en Conforto había devoción á Patroa, Nosa Señora, pero agora penso que, ou perderon a fala, ou debe haber ben poucos fregueses que teñan trato cordial coa súa Santiña, porque andaren ás firmas de veciños da contorna a ver se a imaxe da súa igrexa é a mesma de antes das trafulcas ou non, fai pensar que non están moi afeitos a vela de cerca. Eu, que non son veciño nin fregués desa parroquia sei, e despois de ver dúas fotos da imaxe, de antes e de despois, e a secuencia de todas as que se fixeron durante o proceso de restauración, non dubido que é a mesma como o saben tamén algúns máis pero, se cadra, atrancáronselles cancelas na boca.

O fallo está en non ter pedido permiso pra levar a maltreita imaxe ó traumatólogo, ou ó compoñedor que lle volveu algúns osiños ó seu sitio. E, se non foron osos, foron pedriñas, pois a imaxe é de pedra aínda que vaia vestida. Tampouco pediron permiso pra lavala despois da operación, mudarlle un vestidiño raído por outro máis novo e máis digno, despoxala dun cinto que era nin máis nin menos ca unha cordiña de cortinas dourada e poñerlle no colo o Neniño que durmía nun caixón. Pero agora, en espera de que se fagan públicos os resultados –democráticos eles- das mil firmas, pídese a dimisión do cura e acúsase de que acabou co santuario. En realidade dise “ACAVASTES”.

Supoño que eu tamén teño a miña parte nesa acabación porque as razón que se dan de tal desfeita son: “Velas=0, misas=0, limosnas=0” Calquera destes tres elementos, expresión da relixiosidade popular, poden ter o seu sentido ben entendidos e nunca utilizados como un medio barato pra mercar favores divinos, pero pensaba eu que un santuario cristián debería basearse bastante máis no Evanxeo, na Palabra de Deus e no amor ó próximo ca nestoutras manifestacións. A ver se o esborrexemento do santuario se debe a non seguir oficiando conforme ó rito cancelario. Menos mal que, polo que parece, aínda que sexa á marxe do Evanxeo, o santuario está logrando unha considerable unión entre algúns sectores de fieis de dentro, de fóra, dos arredores e incluso de infieis cristiáns, que non sería a primeira vez que os que máis se queixan de que non haxa misa todos os domingos son os que nunca van ela. Está visto que Deus escribe dereito con liñas tortas, ou será á viceversa? Si, debe ser á viceversa, porque as liñas que pasen pola porta dos veciños teñen que ser tortas e retortas coma as corredoiras.

Xa vai tardando algo máis da conta que algúns responsables eclesiásticos e civís lle planten cara a esta cobriña do lado da Ponte Nova e cunha simple variña de avelaira ou avellaneira, que é cousa acabada pra adormentar cobras, a poñan a ivernar, pero non sen antes deixar clara a inocencia de quen está sendo tan vilmente calumniado por parte de leigos que, polo que se pode ler nos xornais, saíron dunha invernía de anos moi comprometidos. Penso que non me moven actitudes colectivistas, senón a chamada da verdade, pero tampouco quero afogar o instinto de saír en defensa dun amigo inxustamente tratado.

Os curas temos moitos fallos, seino eu ben que teño un moi preto de min. Pola banda da Ponte Nova aínda están abertas as feridas que deixou sangrado tras de si un que, a pesares de vestir moi pulcro e clerical, estaba moi lonxe de ser consecuente; pero iso de que unha talla, imaxe de santo ou non, sexa ou non a verdadeira por votación popular e non por criterios obxectivos e científicos ten a súa parte de esperpento, ou non?.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES