Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXVII)

martes, 23 de septiembre de 2014
As dimensións do ser humano son catro, que non tres, pois ninguén pasa por este mundo, así sexa un feto, non nato, non saído á luz do parto, sen deixar rastro, impactos, influenzas, repercusións familiares, e tamén sociais, etcétera, etcétera.
¡Que importantes somos, e qué pouco nos decatamos diso, pois ata o máis folgazán deixa traballo, ¡ou traballos!, feitos ou ocasionados! Ademais do espazo físico están as ramificacións do feito de ser e de estar; para ben, ou para mal, que iso Deus dirá! Na nosa curtidade, na nosa miopía, pouco máis vemos alén das nosas nafres, o que non deixa de ser unha avantaxe, ¡transitoria, desde logo!, pois, do contrario, se os malfeitores, sexa de palabra, de obra, ou de omisión, tivesen alcance da transcendencia dos seus actos morrerían daquela mesmo, aterrorizados polos remorsos!

Por iso é unha desgraza non ser comunicativo pois aqueles que o son xeralmente atopan alguén que lles leve a contraria, fenómeno útil, que serve dobremente: Se teño razón, para afirmarme nela, para seguir así, para sentirme útil; de non tela, demostrándomo na discusión, na advertencia, no consello, faranme o favor de tornarme dos precipicios mentais, tantos e tantos como hai, tantos e tantos abismos que nos conducen non só ao noso inferno, senón, e tamén, para facer outro, para acender outro, maiormente para aos próximos. Ora ben, ser comunicativo non quere dicir ser indiscreto senón razoable; razoar, escoitar opinións, pero non conformarnos con oílas, distinción que non sempre temos clara.
Por poñer algún exemplo: Cando votamos, no que sexa e para o que sexa, estamos outorgando poderes, plenos ou non tanto, xeralmente temporais; ¡ah, pero nós, os interesados, seguimos aquí, atidos e atados as consecuencias de que as facultades cedidas, conferidas, delegadas, sexan, ou non, ben interpretadas! Se hai desviacións no apoderado, ¿merecerá chamarse empresario aquel outorgante que non chame a capítulo ao mordomo infiel? ¡De non facelo, convértese en cómplice, co cal o infiel medrará máis, tornarase máis ladrón e máis soberbio, máis aínda, arrastrándonos ao campo da súa indignidade!

¡Canto se podería dicir, dicir, escribir, divulgar, acerca da irresponsabilidade humana, pero non habería papel dabondo para iso, nin sequera pinchando tódolos eucaliptos desta Nova Australia á que algúns seguen chamando Galicia!
-.-


Señor, ensínanos a orar (Lucas 11,1). Pero, outra vez? ¿Xa esquecestes o Evanxeo? Señor, coido que si, moito me temo que si, pois veño de certa igrexa, que se ten de católica, pero eu saín protestante, quero dicir, protestando! ¡Un run-run, alí dentro, que nin o vento cando zoa no xardín fronteiro! A min, modestamente, non me parece que sexa rezar ese monocorde repetir das verbas, a toda velocidade, que nin tempo nos demos para entender o que estabamos dicindo, uns e outros!

¿Pedíamos, ou agradecíamos? Eu, que veño da labranza, tiven, repetín, aquela impresión de cando afalabamos ás vacas mentres o carro, de untados os eixes, cantaba por riba das nosas voces, así que, de qué servía berrarlle á Marela? Como, naquelas circunstancias, non podía oírnos, por grandes que tivese as orellas, dabámoslle á aguillada; ¡ah, pero con Deus non valen aguilladas, pois o Amo é El! Se eu fose Deus maldita graza me ía facer iso de que falen comigo coma quen le anuncios nunha emisora de radio. ¡Amodo, fregueses, que unha Misa só dura, como moito, media hora, e tempo vos quedará para tomar o vermú; tamén para esbardallar de fútbol, ese gran antídoto da política! De postos a buscar causas, igual ten a culpa esa tele trasnoitadora, que non a damos apagado porque segue, e segue, e segue…, ata infinito! ¿Vinte e catro horas? ¡Non, pois ás vinte e catro aínda segue de programas, a cal mellor! Con este trasnoitar, é imposible ter a mente esperta, e menos un domingo, así que…, que esperte Deus, que nos entenda Deus, que para iso é Deus, a Intelixencia Suma!

Papa Francisco, estou por dicirche que deixes Roma e te metas nesas pantallas da tele, como adoita facer o noso Rajoy, tan raxado el, tan listo el, que aprendeu a vender en plasma, sen dar a cara, sen ir á feira!
-.-


Espallando ideas (XXVII)O sino da España Contemporánea son as Corentenas; coresmas, das de corenta días, non; corentenas, de corenta anos! Repasemos:
O 19 de abril do 1898, os Estados Unidos, con aquel teatro do Maine no porto de Santiago de Cuba, decláranlle a Guerra a España. ¡Un motivo ben preparado, ben urdido, para cambiar de caseiros!Tíñanlle ganas ao cobre, ao ron, ao azucre, pero, sobre todo, ás mulatas! Os mariños americanos, collendo durmidos aos españois, déronnos a murga en Cavite, Filipinas, o día 1 de Maio; Puerto Rico, para nós, cambiou de nome; e o de Cuba estoupou o 3 de Xullo. ¡Xulio, aquel César, ese mes do César, e despois, no 36, outro Xullo…; unha mala fada! Chamáronnos a París para darnos a penitencia: De xeonllos, o 10 de Decembro do mesmo 1898. ¡Perdón, Señor, que volvemos a pecar; outro descoido dos nosos! Os colonialistas dicían: “España necesita un ideal y este debe ser el Rif”. ¿Dicíano eles, motu proprio, ou por inspiración de Romanones, señor das minas do Rif? Pero Manuel Leguineche, que estudiou a fondo aquel afán revanchista, engade: “La acción militar manda sobre la acción civil. Al perder las últimas colonias, Cuba, Filipinas, Puerto Rico, aquellos pobres guripas vestidos de rayadillo, España se quedaba sin misión que cumplir”. A penitencia dirixiuna un grupo de intelectuais escandalizados, pero pouco prácticos, a Xeración do 98. ¿Arranxaron algo, deron receitas? ¡Non, non moitas, que más ben xemeron, meus pobres! ¡Eran literatos, poetas, e non economistas!

Polos 30, o único Imperio que nos quedaba, fóra das chumbeiras africanas, era o mangoneo caciquil, grandes e pequenos caciques, financeiros e contrabandistas, con capacidade para darlles outra ocasión aos Silvestres de turno…, e mandáronlles avanzar! Vaia se avanzaron, que ata lles devolveron Covadonga aos mouros: ¡Segunda Corentena: Vencido y desarmado el ejército rojo…, entraba o azul! No 75, veu a Pascua? ¡Non, viñeron os que nos fixeron a pascua: uns, disimulando os seus vicios; e outros, febrís por acadar mando en praza, famentos de teta; entre todos amañaron unha Constitución chea de remendos, listas cerradas, lei D´Hont, etcétera. ¡Remendar non é igual que estrear traxe!
De presente, que? ¿Espéranos outra corentena, a enésima, outro cate, outro suspenso con suspense, ou comezamos a andar dereitos, co pé dereito? ¡Deus nos ampare, que boa falta nos fai, a ver se é verdade que desta vez en España…, empieza a amanecer! ¡Eu quero unha Pascua, con pan e con paz, antes de morrer de vergoña, que xa está ben de Coresmas, de Coresmas que son Corentenas!
-.-


Ese Médico co que sigo unha abundante correspondencia electrónica sostén que só hai un cinco por cen de malas persoas, e dese cinco só un dous vive en hoteis cando merecían facelo no cárcere. Pola miña parte, dúas consideracións: A primeira xa é que ao Médico consúltaselle o corpo, o noso, o de cada un, individualmente; ¡iso, o corpo! Pero eu, pola miña parte, non esquezo que fun Director dunha Sucursal, e xa daquela, en tempos máis sosegados cós actuais, non había empresarios de altura que non me confesasen os pecados dos seus competidores, Autoridades incluídas; ¡os pecados da alma, que eses si que son graves, e non os do corpo!

Pero hoxe quero referirme a outro tipo de fraquezas, ás íntimas. Témolas de dúas clases: Aqueles do, “Mecachis, qué guapo soy”, e no polo oposto, eses miñaxoias que se auto odian.

Non podo dar porcentaxes porque non hai forma de medilos, de medirnos, pero fatos, con ou sen espello, polas trazas…, moitos! Son guapo, e por ende, diferente, superior; ¡incluso en altura, en fortaleza física, que meus pais tiñan, e eu comín, moito e bo! Ademais de guapo, son listo, que hai qué ver cómo me foron aprobando, e iso sen que meu pai lles levase un par de xamóns. ¡Claro, ademais de becas, porque a riqueza familiar non aparecía no IRPF, asesores fiscais e todo iso, sempre tiven pasantías, francés en Francia, inglés en Inglaterra, alemán en Alemaña…! Por engado, meu pai foi Alcalde de…, no franquismo; eu saín á rúa con bandeiras rebeldes, daquela que iso vestía, moito…; en definitiva, a miña nobreza, polo menos a externa, que a interna é cousa miña, e a ninguén lle importa, é de pergameos, con títulos colgados na parede!

Enfronte, aló abaixo, están os miñaxoias, eses que só se miran no espello das pozas, e para iso, cando chove. Cando tiñan que falar, calan…, para que non se lles note que o seu castelán aprendérono nos libros, ou na escola, ou escoitando mitins! A anemia infantil reveulles estatura, e por engado a súa muller non pode subirse aos tacóns, para non desface-la parella. Na igrexa danse golpes de peito, polos seus pecados, coa humildade de ignorar, de querer ignorar, que moitos deles foron ocasionados pola envexa e polo mal exemplo que suscitou aquel veciño seu, o prepotente, que por quitar ata lle quitou a noiva!

¿Cando será o día que, sen prexuízo de ensinar nas escolas Ciencias Naturais, ensinen comportamentos naturais, condutas naturais, naturais e dignas, tanto nas alturas como nas baixuras? Eu, coma o vello Simeón, non quero morrer antes de que chegue ese día, o Día da Luz, o Día en que se mida á xente por dentro, e non por fóra!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES