Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esplendidez divina

domingo, 21 de septiembre de 2014
Esplendidez divina. Un modelo de comportamento

A grandeza da inimaxinábel personalidade de Xesús consiste en que el, sendo un de nós, humano coma nós, nos vai transmitindo a todos coa súa palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el, Xesús, sabe que é o seu fillo benquerido. Tendo polo tanto experiencia inmediata e directa do seu Pai Deus. Unha experiencia sobre a que el non pode ter dúbida ou escuridade algunha. Non coma os moitos filósofos, pensadores ou místicos de toda a longa historia humana, que só puideron achegarse a Deus con tenteos persoais e conxecturas simplemente humanas A nós resúltanos totalmente inconcibíbel como podería ser aquela marabillosa experiencia interior súa, de saberse o fillo benquerido de Deus. Unha experiencia única e exclusiva a del. Desa experiencia fonda e íntima rebordaba el.

E Xesús non fai senón comunicárnola de maneira sinxela, de xeito que a poidamos dalgún xeito comprender. Por iso é sempre verdadeiramente sorprendente e emocionante asistir a esta escola do saber sobre Deus co Mestre Xesús. Un Xesús que nos fala directamente, limpamente, sen libros e sen axudas eruditas doutros mestres ou autores, desta fonda experiencia súa.

Aprendemos así tamén a ver simultánea e conxuntamente ó Pai Deus e ó seu Fillo Xesús. Porque Xesús non é máis cá presenza de Deus onda nós. Cómpre non esquecerse daquilo que lle dicía ó seu apóstolo Filipe: “Filipe, quen me ve a min, ve ó Pai”.

De maneira que Xesús non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou fala seu Pai. Como o máis fundamental da revelación de Xesús é o de que Deus é verdadeiro pai noso, non nos debe estrañar que hoxe se nos fale no evanxeo da xenerosidade e esplendidez dun Deus que nos chama e convida a traballar na súa viña. Como ocorre xa dalgún modo con calquera bo pai ou boa nai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus con nós están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza. O amor que Deus nos ten supera, polo tanto, calquera comportamento simplemente xusto.

Xesús maniféstanos así, na súa parábola de hoxe, a un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el está a facer no mundo. Pero el sabe da nosa preguiza, dos nosos problemas, das nosas indecisións ou dos nosos cansazos. En definitiva, el coñece a febleza das persoas e por iso permítese tratalas tan bondadosamente coma a aquelas que pola súa parte fachendean de seren máis dilixentes e espelidas cós outros.

Coa súa xenerosidade e co seu amor é capaz de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás pequenas xustizas humanas, de curto voo, que “os últimos serán os primeiros”. Os traballadores da primeira hora, aqueles que se ergueron cedo do leito e foron axiña contratados, non teñen en consecuencia por que se consideraren mellores ou merecedores dunha recompensa meirande cá dos que se retrasaron en comezar a súa tarefa.

Xesús apréndenos así a sermos comprensivos, xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Porque o seu Pai así o é tamén. Por iso o é así tamén Xesús. E por iso tamén deberiamos ser nós así.

O que si é importante tamén nesta mensaxe de Xesús é que cada un de nós saibamos agradecer e aceptar o concreto convite que Deus nos fai -cando el queira e como el queira- a traballar con entusiasmo na súa viña. Grazas ó noso traballo poderá o mundo, os homes e as mulleres dos nosos días, degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, divina- co que Deus quere aledarnos e facernos felices.

Como no anterior domingo se celebrou a festividade da Exaltación da
Santa Cruz e non era posíbel polo tanto facer comentario algún sobre o evanxeo do domingo correspondente, fágoo agora moi brevemente, dado que o texto do evanxeo de hoxe está en continuidade, tanto material como conceptual, con el . Ademais, o papa Francisco fálanos moito de que os cristiáns deberiamos ser hoxe en día sobre todo moi misericordiosos. Como o é Deus, como o é Xesús. Así ve polo menos Xesús a seu Pai e así nolo conta na parábola do anterior domingo sobre quen é perdoado en moito polo seu amo e non lle perdoa en cambio unha minucia a un compañeiro seu.

Por iso na oración que nos ensinou Xesús, a do “Noso Pai que estás no ceo” dicimos: “perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”. A Deus non lle vai que nos dirixamos a el prescindindo dos demais ou estando a mal con eles. Cústanos moito aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que ten o feito de que Deus se fixo irmán noso en Xesús.

Pois ese feito convértenos a todos en irmáns. Formamos todos polo tanto unha familia. E entre os membros dunha familia non se lles anda pedindo contas os uns ós outros das cousas malas ou boas que se fixo o se deixou de facer.

Quérense simplemente todos uns ós outros. E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre disposto a perdoar e a facer as paces. Perdoar, non “sete veces”, senón “setenta e sete veces”, como se nos di no evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre.

Pero o máis importante, como digo, de todo é que vexamos nisto a súa verdadeira raíz. Perdoar, ter un corazón espléndido, xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é, e así se comporta con nós.

En vez de intentar facer, pois, cousas raras, os cristiáns teriamos que especializarnos en vermos a todos como verdadeiros irmáns nosos, coa nosa común dignidade de sermos todos fillos de Deus. Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla a todos. E esta dignidade non debería quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver nalgunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos todos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus máis alá da nosa febleza e dos nosos desordes morais.

Este espírito espléndido, xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren deste modo “pacíficas”, é dicir, facedoras ou construtoras de paz, se converten así en merecedoras daquela “felicidade” da que falaba Xesús, ó chamar “benaventurados”, ou sexa “felices”, ós “pacíficos”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES