Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A aldea de Campelo

jueves, 11 de septiembre de 2014
A aldea de Campelo debe ser a primeira aldea abandonada da que debo ter consciencia plena no meu entorno máis inmediato. Logo sumouse o Orbán, tamén no meu concello aínda que un pouco máis afastada, e agora non me atrevería a dicir cántas hai porque estou seguro de que erraría de pleno.

De neno pasei por ela unha vez, camiño da Cigarrosa, co meu avó Enrique, para ir recoller un rabaño de ovellas. Tiñamos que estar cedo na vila e polo tanto saímos da mesma casa que agora habito cando aínda o sol non asomara por detrás do Forriolo. Ó chegarmos ó alto da Chaira, un camiño mesto pero de pisada lene adentrounos na vexetación que ocultaba a corga do regato que separa as terras de Amoroce das de Albos, xa en Verea.

Non sei se a memoria me traizoa, pero entre a viscosa néboa do tempo alcanzo a ver cómo ó pasar a carón daquelas vellas casas, meu avó me dixo que alí xa non vivía ninguén. Se cadra é por iso que o nome de Campelo quedou atrapado para min a carón de conceptos tales como abandono ou silencio .

Hoxe pola mañá -onte, para vostede- a bonanza climatolóxica setembreira ligada ó tempo libre do que gozo estes días, encamiñaron os meus pasos e os do Pachín cara alí, valéndome, iso si, non xa dos vellos camiños que tan profusamente estudara Elisa Ferreira, senón das rectilíneas pistas que a concentración parcelaria trazou na miña parroquia nos anos 90. E o que vin -mellor dito, o que vivín- ó contemplar o que queda do pequeno forno comunal e do resto das casas con carballos dentro de pés de catro palmos, foi un silencio case secular transformado xa nunha sorte de protoarqueoloxía que me fixo viaxar no tempo cara a decadencia de Castromao e me levou a exclamar para os meus adentros algo así como: E mesmo terá que ser inexorable!

Onte lin que o presidente andou estes días por Bruselas participando nun Foro sobre Cohesión no que seica reclamou que os fondos europeos sexan utilizados para facerlle fronte ó "grave problema" demográfico que sofre Europa enteira e dun xeito alarmantemente exponencial, Galicia. E eu, inocente, pregunteime: Ah!, pero antes os Fondos de Cohesión non eran xa para iso?.

Campelo foi das primeiras, alá cando eu andaba de pantalóns curtos polas carreiras da parroquia de Amoroce. Agora dis que coma a aldea de Campelo hai máis de 1.500 repartidas polas catro provincias. E se ben é certo que non todas teñen que sobrevivir, non menos certo é que se non se aplican dunha vez políticas de repoboación rural, non é que o medio rural desapareza, o que inexorablemente desaparecerá será Galicia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES