Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Navalla para Felipe Senén

lunes, 08 de septiembre de 2014
A NAVALLA, DE MANUEL MARÍA, PARA FELIPE SENÉN

O día oito de setembro, vaille ser entregada “A navalla” de Manuel María a Felipe Senén López Gómez, por parte da Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz.

Un ano máis, é esta unha celebración do cabodano de Manuel María(e xa van dez), o poeta da Terra Cha e da nación galega. Unha maneira de amosar a lealdade a súa memoria, viva e popular. Este acto terá lugar na Carballeira de Santa Isabel, un lugar tan emblemático para o poeta.

Por que a navalla? Porque todo o mundo sabe o que significaba a navalla para Manuel María, que a usaba sempre, mesmo en restaurantes, para partir e compartir pan e queixo e acompañar co viño.

Este premio foi entregado con anterioridade a persoeiros tan importantes como Alfonso Blanco Torrado, Paco Martín, David Otero, Darío Xoán Cabana, etc., etc.

Este ano, A NAVALLA é para Felipe Senén, íntimo amigo de Manuel María, quen foi padriño do seu fillo Xes. Ata ese punto chegou a súa amistade. Xuntos compartiron mesa e mantel, tertulias, inquedanzas, proxectos, etc. , e, sobre todo,o seu amor por Galicia, polas súas xentes, pola súa cultura, pola súa lingua, polo seu patrimonio, polo seu futuro.

Quen é Felipe Senén? É un home entregado aos demais, mesmo en circunstancias ben difíciles da súa vida, sen preocupación ningunha polo seu curriculum: arqueólogo, investigador, dinamizador cultural, conferenciante, ensaísta, articulista, profesor, etc. Galicia non sería hoxe a mesma sen o traballo de tantos anos de Felipe Senén, polas cidades e vilas do noso país, impartindo aquí e acolá leccións sobre o noso pasado, e sempre amosando un grande amor á Terra, coa súa palabra fácil e clara.

Felipe Senén escribe, dá conferencias, programa viaxes por Galicia e polo mundo, facendo país, abríndonos á historia da arte, á poesía, ao humanismo. Discípulo de Chamoso Lamas e que bebeu tamén nas fontes doutros galeguistas de sona.

E, ademais, agora, marabilloso profesor da Uned Senior de Xestoso, que nos ten a todos engaiolados, e que nos ensina, cada día, a valorar o noso, as cousas pequenas, a cultura popular, o noso patrimonio, a nosa lingua, por Galicia adiante, cada martes.

Felipe Senén aproveita cada momento e circustancia favorable para ensalzar e dar a coñecer a figura do seu amigo Manuel María. Así, levounos aos da Uned Senior a súa Casa Museo, Casa de Hortas. E fálanos do poeta desta maneira:

“É dos que levan na fronte unha estrela, e no bico, un e outro cantar. Manuel María identifica casa e patria. Medía o mundo desde esa particularidade, en contra da uniformidade da falsa globalización. Reivindica a forza da terra. A ética e a estética teñen que valer para algo, non só para recrear o espíritu. Para el era esta unha maneira de construír a universalidade. Casa de Hortas, Outeiro de Rei, Terra Cha, Galicia, o Mundo enteiro”.

Felipe Senén afirma que tivo o privilexio de convivir con el en momentos íntimos, de amistade e familiaridade: na festa de Santa Isabel, en Outeiro de Rei. Na súa casa da Couruña, o primeiro de ano, cos seus máis íntimos amigos e familiares, etc. Di que o seu amor pola Bretaña chegoulle de escoitar os versos de Manuel María, quen escribiu toda a súa obra para construir unha patria. Medir o mundo desde esa particularidade, casa e patria. Humanismo e identidade, contra a globalización mercantilista.

Estes son algúns aspectos da visión que Felipe Senén dá a coñecer do seu amigo Manuel María, e considera un grandísimo privilexio telo coñecido, e compartido con el tantos intereses e, sobre todo, unha fonda amistade.

A NAVALLA, para ti Felipe, para que partas e compartas con todos nós ese teu saber e bagaxe cultural, ese amor polas cousas pequenas, pola cultura popular, polo patrimonio, por cada pedra e rincón que nos poidan dicir algo do pasado, de quen fomos, de quen somos, para loitar polo que queremos ser.

GRACIAS, Felipe, de parte de todos os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, e de parte de todos os galegos e galegas, quen sen ti, non seríamos os mesmos.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES