Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro, romeiro egrexio á Pastoriza de Sant’Alberte de Parga

jueves, 28 de agosto de 2014
Daz Castro, romeiro egrexio  Pastoriza de SantAlberte de Parga Os seus restos mortais están no panteón familiar de San Xoán de Lagostelle, Cemiterio da Igrexa Vella de Guitiriz. A morte fica no esquelete. A vida vai, está e pervive no poeta.

A súa vida inmorrente fica en tantos retallos de memoria viva dos que o temos tratado, aínda que fose fuxidiamente, nos seus nimbos de poemas, na moitedume de escritores e rapaces que a el se achegaron no día das “súas” Letras Galegas 2014, nas esculturas e obras de arte, na música e en novos poemas de tanta xente, nas biografías e estudos especializados. No busto en pedra que Raúl Río, artista veciño de A Tiñaz-Os Vilares, fixo e o colocou na Costa do Pazo.

Alfonso Blanco Torrado e a Asociación Xermolos, que el fundou e segue animando, teñen moito que ver na dinamización desta vida que nos dá vida a cantos por aquí nacemos. A Galiza enteira e mesmo o universo, neste centenario de 2014, vibramos con grandísima fachenda e emoción.

Pero volvamos ao romeiro do Vilariño. Foi aquí onde el descubriu en propia persoa como o tempo viña desorballando os prados “como sono” desde Parga Á Pastoriza. Dese mesmo xeito se “ía desorballando” o seu sono da madruga, na medida en que ía medrando o día, despois de erguerse moi cediño e vir andando desde o Vilariño, atravesando As Reixas, Vilasuso, O Barreiro, A Ponte-Gafín, Bascuas, O Revixoso, O Castro, A Fonte Mourel, A Pontella, A Feira do 23, Pedracova, Santa Ana. A Igrexa de Roca, O Alto de Roca, Fontrexe e por fin, desde A Pena do Galo xa se ollaba o Santuario. 10 kilómetros de andaina. E outros tantos para volver. Nos tres días seguintes habería grandes maniotas e sen poder parar de traballar. Pero valeu a pena!

Pois dese xeito ía vendo como o orballo da saída no amencer tamén ía desaparecendo no medrar do día, no tempo, e como os ánimos se puñan a punto ao chegar ao Sant’Alberte, xa que ambos viñan da mesma dirección: “De Parga e dos Vilares, á nosa Señora da Pastoriza. O sol disipa o orballo e a festa escorrenta o sono.

O poeta sempre escribiu baseado nas experiencias íntimas e do íntimo que el logo transcendía nos poemas coa beleza que o fería para sempre.

O rapaz foi para o Seminario con 15 anos. Setembro de 1929. Para daquela xa el fora á Pastoriza do San Alberte de Parga, na parroquia de San Breixo. Camiño de Santiago e camiño real cos Marcos das leguas en Pacios de Begonte, Fontrexe en Roca e en Guitiriz na Ponte Veiga. Camiños que por certo viñan contados, aínda hoxe, á inversa, acompañados do sol nacente, e que en clave relixiosa, sería o Cristo que coma gran Sol chegaba ao noso encontro desde oriente.

Por mor de que os romeiros non pisaran a herba tan necesaria para o alimento do gando, e para que non a esmagaran coas merendas nin a eschafallaran e atrapallaran correndo tras dos foguetes, etc, os de por aquí tiñamos moito coidado de ter xa ben segadiños, seiturados, os nosos prados a tempo, antes da Pastoriza e as herbas e fenos ben recollidas nas palleiras das herbas secas. As mallas estaban a punto ou xa se fixeran algunhas. Xa tiñamos a colleita nova dos cereais nos celeiros. Xa podiamos devolver a grá que pediramos emprestada para sacar a fame da casa. Así era de dura a vida nos anos corenta e xa nos anteriores. Por iso era precisa a festa. Había vida e tiñamos de celebrala entre todos. A festa convocaba a todos en moitos quilómetros á redonda.

O monte estaba cavado, amontoados os terróns cara a dentro, e pegándolles lume irían ardendo a fogo lento e vixiados, día e noite, durante tres días. O malo era se chovía e se apagaba o lume. Por iso se tiña que contar moito co tempo, do que tanto nos falou o poeta. A queima tiña de ser no acordo de todos, a un tempo e no mesmo día por perigo de que ardera sen amontoar e daquela se estragara todo o caristosisimo traballo metendo entón a fame para o próximo ano nas casas. Viviamos do monte en man común. Ten habido problemas ben gordos porque alguén quixo ir pola súa conta. Logo cumpría espallar o borrallo. Canto traballo e que duro para todos, xa desde nenos e ata que xa non se podía máis cos anos! Disto tamén falou o poeta.

A Pastoriza era unha festa de fartura e descanso moi necesario no medio do verán. Por iso era tan concorrida. E tamén era un alto no camiño para que a xuventude puidese namorar e ir proxectando vida de novo. Cantos namoros naceron nesta nosa Pastoriza! Todos tiñamos necesidade de rezar, comer con calma e troulear nos días grandes que daban para todo, incluso para, ben cansos, retornar á noitiña prós eidos coma as ovellas de Curros Enríquez.

Na romaxe tamén estaban os enfermos, os eivados e os feridos e mutilados, e os retornados da maldita guerra que daba mágoa. Tamén os ofrecidos por accidentes laborais ou enfermidades raras. Non falemos da mortal tuberculose ou dos nenos e xentes entangarañadas. Hoxe cunha medicina moderna e desenvolvida non entendemos aquilo. Pero era o que había e a fe tamén fai milagres. E os mudos, os sen fala e os tatexos. A todos nos acollía esta Nosa Señora Bendita. E tamén estabamos os orfos e viúvas e viuvos. Porque a festa púñanos diante tamén a outra cara da medalla: a compaixón, a caridade, a solidariedade, a humildade. Ninguén podía cuspir para riba. Todos somos vulnerábeis. Todos temos de doernos e axudarnos. Os do grupo “A Quenlla” teñen recollidos e musicado millenta de cantares de cego que eles vendían. As famosas “historias”, que pedagoxicamente transmitían mensaxes envoltas nos catro ou cinco sonsonetes con soniquetes e retrousos que todos coñeciamos e acompañabamos mesmo con palmas.

Todo isto non ten explicación completa se non se fan referencias aos Camiños de Santiago. O santuario do Sant’Alberte. A Ponte do s. XIII. E a máis primitiva alternativa dos pasos de Gabín, (O Porto da Ola), Portodola, en Roca, polos que se cruzaban, os ríos Roca e Parga, precisamente nas “Xuntas” de ambos, salvo nas grandes enchentes.

O tempo vai de Parga á Pastoriza”. Pero tamén vai de volta desde A Pastoriza ás nosas casas. Deixamos xa ao poeta no Vilariño dos Cregos, porque, como di el no poema: “traguerán os camiños algún día a xente que levaron”.

Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES