Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Topónimo Monterroso

martes, 03 de enero de 2006
No volume 30 da Gran Enciclopedia Galega, que editan conxuntamente os xornais El Progreso e Diario de Pontevedra, realízase un amplo estudo do concello de Monterroso. Sen embargo, ao referirse á súa etimoloxía, na miña modesta opinión, coido que non é a acertada, pois segue a teoría, polo que vexo bastante difundida, de que procede do substantivo latino monte(m) seguido do adxectivo russu(m), co significado de ‘monte vermello’, sen ter en conta outras apreciacións que tanto ese eminente investigador como é Nicandro Ares (“Toponimia de Monterroso”, en Lucensia, nº 21) como o que isto escribe (VÁZQUEZ GARCÍA, C.: Toponimia de Monterroso, editada polo concello desa localidade) temos escrito ao respecto. Por iso, considero conveniente ofrecer de novo aquí a orixe que estimamos verosímil, coa finalidade de que se espalle ao maior número posible de lectores.

Desde unha perspectiva fonética, é evidente que a forma roso pode ter a súa procedencia no latín russu, co significado de ‘vermello’, xa que a xeminada simplifícase na súa evolución ao galego, mentres que o –u átono final > - o e a vogal breve u en posición tónica evoluciona tamén a [ó]. Non obstante, a nivel semántico resulta incongruente atribuírlle a estas terras o cualificativo de ‘vermellas’, xa que non temos observado esa coloración por ningures. E non falta quen teña aludido á cor das uces que florean nas abas do cordal da Vacaloura para explicar tal orixe, que por certo son de cor violácea ou rosácea. En fin, paréceme unha teoría con moi pouca consistencia, sobre todo se a confrontamos coa diversa documentación medieval na que figura este nome.

En efecto, o primeiro que debemos afirmar é que distintos documentos dos séculos X e XII indícannos claramente que Monte Roso era nesa época un orónimo, é dicir, o nome dun monte, non unha entidade de poboación. Así, nunha doazón do ano 937 que Ero e a súa muller realizan en favor do bispo Rosendo, e que se conserva nos diplomas do Mosteiro de Celanova, cítase o lugar de San Pedro de Bembibre (Taboada), situado debaixo do Monte Roso e sobre a ribeira do Miño: “et vocitant ipsa villa Bene Vivere qui est scita subtus monte Rosum et super ripam fluminis Minei” (ANDRADE CERNADAS, J.M.: O tombo de Celanova, vol. I, nº 340). Igualmente, os pergameos de Sobrado dos Monxes non fan máis que corroborarnos o anterior. Deste xeito, no ano 1063 aparece localizado o lugar de Sendín (parroquia dos Ferreiros) entre dous montes: “Monte Roso et Sumio” [O Farelo] (LOSCERTALES DE G. DE VALDEAVELLANO, P.: Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes, vol. II, nº 99). O mesmo sucede en documentos do ano 1163 e 1172 do mesmo mosteiro. No primeiro, refírese ao lugar de Canaria, -a actual Caira, no concello de Antas de Ulla-, situado entre dous montes “quos uocant Monte Roso et Sumio” (Ídem, nº 98); no segundo, alúdese de novo á aldea de Sendín e á dos Ferreiros, pero situadas agora entre os montes “Niuego [O Faro] e Monte Roso” (Ídem, nº 107). A dedución é evidente: este primitivo monte roso corresponderíase co actual Monte de San Cristovo, que hoxe serve de límite entre os concellos de Taboada e Monterroso.

A segunda consideración é que, despois da análise de máis de cen documentos pertencentes ás Coleccións Diplomáticas dos mosteiros de Vilar de Donas, Samos, Sobrado, Pombeiro, Celanova, Oseira e Ferreira de Pallares, así como ao Tombo A da Catedral de Santiago e ao Arquivo da Catedral de Lugo, encadrados entre os séculos X- XIV, en ningún deles aparece a base russu, senón as formas Monte(m) Rosum (15), Monteroso (6), Mont Roso (9), Monte Roso (54), Monterroso (38) e Montem Rosii (1). Unicamente achamos cinco casos con -ss- entre os anos 1225- 1339, que se corresponden con períodos de vacilación entre os fonemas /s/ ~ /z/ medievais, xa que a carón de Rosso xorden outras formas como “cassar, nossa, vossos, Lodosso...”, convivindo practicamente as formas Monte Roso/ Monterroso a partir do século XII, aínda que con certa predilección pola separación orixinaria do topónimo.

Á luz destes irrefutables testemuños escritos, temos que dicir que a xénese do topónimo Monterroso está no participio latino rosu(m), do verbo rodo “desgastar, limar” (RAIMUNDO DE MIGUEL: Nuevo diccionario latino-español etimológico). Trataríase, xa que logo, dun monte rosu, co significado de ‘monte desgastado, erosionado”.

A cuestión radica en saber cando o orónimo deixou de selo e pasou a designar un nome de lugar. Se temos en conta que a vila de Monterroso foi nacendo a carón dunha primitiva vila romana que se achaba en Satrexas ( Seteigrexas para os/as monterrosinos/as), pois o miliario aquí achado e o topónimo Fondevila así nolo indican, temos que dicir que en 1022 aínda existía o orónimo, mentres que a vila importante era Satrexas, xa que así se le nun diploma do Tombo A da Catedral de Santiago dese ano: “Item concedimus uobis aliam uillam quam uocitant Sampiri, territorio Septem Ecclesiarum, subtus Monteroso” (LUCAS ÁLVAREZ, M.: Tumbo A de la Catedral de Santiago, nº 63). Será en 1112 cando o atopamos por primeira vez designando unha entidade de poboación, posto que nestas datas un pergameo do mosteiro de Oseira refírenos que o seu señorío era exercido polo conde Munio Peláez: “Monio Pelagiz dominans in Monterroso” (ROMANÍ MARTÍNEZ, M.: Colección Diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, vol. I, nº 10). A partir destas datas, Monterroso, xa topónimo, vai aparecer relacionado durante toda a Baixa Idade Media cun tenente, cun conde, cun meiriño ou cun notario do rei, acadando unha enorme importancia administrativa e xudicial en todo o seu contorno.
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES