Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Etnorituais e ofrendas relixiosas (III)

jueves, 28 de agosto de 2014
5. OS RITUAIS E AS OFRENDAS.
O ser humano encóntrase suxeito a unha gran cantidade de perigos. Por tal motivo leva a cabo unha serie de rituais, xa que está convencido da súa eficacia e de que é posible vincular a súa acción a un sentido valioso para a súa vida persoal. Desde sempre o ser humano, por causa da súa fraxilidade, debeu realizar rituais e ofrendas coa finalidade de que os deuses e espíritos sentasen compasión e fosen propiciatorios.
Etnorituais e ofrendas relixiosas (III)Hocart puxo de manifesto que a función do ritual é dobre: por unha banda un obxectivo inmediato e preciso como acadar boas colleitas e por outra un obxectivo máis xeral ao que lle o nome de “saúde”, xa que o ritual é a expresión do interese do home porla vida. Pola súa banda, Arnold M.Rose sinala que os rituais distínguense polos seguintes elementos: * Posúen unha regularidade e periodicidade ao estar ligados con certas festas. * Teñen un sentido para un certo número de persoas. * Adoitan presentarse dun xeito dramático. *
Producen “consensus” de sentimentos mediante unha experiencia participativa . Neste santuario se celebran os seguintes rituais propios dunha liturxia oficialista ou ben axeitados a unha mentalidade popular.

5.1. O RITUAL DE VIR ANDANDO AO SANTUARIO
Antano moitos devotos viñan ao recinto sagrado andando desde o seu lugade orixe, como sacrificio previo denantes de entrar en contar cto co sagrado. Hoxe, aínda que o máis habitual e vir en coches propios ou doutras persoas, hai algúns fieis, que seguen vindo andando por promesa desde o seu lugar de habitat.

5.2. O RITUAL DA CIRCUNVALACIÓN
Logo de chegaren ao santuario os devotos entran en contacto co sagrado. Por iso algúns deles dan unha ou máis voltas ao redor do mesmo case sempre de pé. Nas súas mans poden levar de ofrenda figuras de cera, que representan ao corpo humano, enteiro ou partes do mesmo:pernas, brazos, pés, así como figuras de animais: cochos, vacas, eguas. O dar voltas ao redor do santuario ten o valor dunha penetración e toma de contacto nun nivel relixioso. Na Grecia clásica tal rito facíase cun fin apotropaico e catártico.

5.3. A CELEBRACIÓN DE MISAS.
No ano 2010 o crego que administra o santuario, D. José Antonio Vila, oficiou varias misas tanto o sábado como o domingo. Comezou a primeiras horas da mañá e rematou a unha e media da tarde cunha misa solemne, que oficiou desde o palco da música debido a falta de espazo na igrexa ao ser a máis concorrida de todas.

5.4. O RITUAL DA PROCESIÓN.
Ao rematar a misa solemne celébrase a procesión, que percorre o campo da festa e logo o perímetro do santuario. Tódalas imaxes, que saen na procesión, santifican o espacio que percorren, proporcionando unha enerxía positiva a todas as persoas, que se encontran no seu percorrido. “Dando una vuelta alrededor del santuario, la imagen santa o la reliquia sacralizan no sólo a las personas y a los animales, sino también a todo el entorno geográfico”.
Na procesión interveñen os seguintes elementos:
1. A cruz e o pendón parroquial levados por fregueses da comunidade parroquial.
2. As imaxes do San Bernabé, O Salvador e San Antonio, levadas nas andas cadanseu por catro homes da freguesía.
3. A imaxe da Inmaculada, portada nas andas por catro mulleres da freguesía.
4. O crego concelebrante
5. A orquestra, que vai tocando unha marcha procesional.
6. Os asistentes ao ritual colocados sen distinción de idade e sexo.
Segundo a disposición da procesión Álvarez Gastón distingue unha serie de trazos:
“Se trata de manifestaciones más multitudinarias no sólo por los participantes activos, sino también por los numerosos espectadores. Dentro de la comunidad local es algo que llega o vitalmente a los feligreses. Los elementos fundamentales de toda procesión son: las imágenes, la forma de llevarlas, el pueblo que participa y el que mira, el espíritu de la celebración –cantos, rezos, silencio..”.
“Las procesiones son como un ritual de peregrinación menor. Guiada por la cruz procesional seguida de los estandartes, la comunidad eclesial camina a través de las calles como dramatización de la historia sagrada, como exaltación epifánica, pero, sobre todo como ritual de camino penitencial y salvífico.

5.5. OS RITUAIS DE CONTACTO
O desexo de todo romeiro é entrar en contacto coas imaxes e demais obxectos relacionados co santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza. Entre os rituais de contacto máis habituais sinalo os seguintes:

5.5.1. O RITUAL DE CONTACTO ACTIVO COA IMAXE ESTÁTICA.
Algúns devotos tocan coas súas mans, panos e outros obxectos a imaxe do San Bernabé e, logo, pasanos polas partes doentes dos seus corpos cunha finalidade profiláctica e curativa.

5.5.2. O RITUAL DE POÑER O SANTO.
O crego, encargado do santuario, e un fregués da comunidade parroquial levan a cabo este ritual no interior do recinto sagrado ao longo da mañá Etnorituais e ofrendas relixiosas (III)e ao rematar a procesión. Consiste en realizar, cunha imaxe pequena do santo, unha cruz por riba da cabeza dos devotos, mentres o poñente recita a seguinte xaculatoria:
“Cristo vive,
Cristo reina,
San Bernabé te libre de todo mal. Amén”.

Nesta fórmula sagrada, que acabo de mencionar, pódese apreciar como o santo actúa como mediador ou intermediario diante

A imaxe do San Bernabé coas pedras da lapidación dun ser absoluto e trancendente. “…Para chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoal, o galego bota man dos santos e da Virxen”. Este ritual emprégase en moitos santuarios galegos. “ En moitos santuarios milagreiros hai o ostume de “poñe-lo santo”. Van a que llo toquen os enfermos para sandar, e os sanos para que non lles dea a enfermedá. Para esto hai unha imaxe pequena do santo; o devoto ponse de xeonllos, e o sacristán, as máis das veces,colle a imaxe e dalla a beixar, e logo trázalle coela unha cruz nas costas, decindo unha oración…”. Tamén se utiliza noutros pertencentes a outras rexións, nacionalidades, e nacións. “ En el santuario de San Martín (Azcoitia- Guipúzcoa) durante la misa se da a besar la reliquia del santo titular”. En el santuario de “A Virxe do Porto” (Plasencia), tamén se da a bicar unha imaxe da Virxe. Isto mesmo sucede en Liria (Valencia), coa imaxe de San Vicente Ferrer… Finalmente segue usándose noutras nacións, nas que segue habendo un forte contido relixioso de influencia católica.. “En muchos santuarios bretones los romeros besan las reliquias expuestas delante del coro”. “Los romeros portugueses, al terminar la misa, se agolpan para besar las imágenes del santo”.
Por outra banda a relixiosidade popular ademais dunha dimensión práctica ten, como dixemos anteriormente, un compoñente baseado na reciprocidade, que esixe do devoto a entrega dalgún ben para propiciar á entidade sagrada ou para compensala polo don acadado. De aí que os devotos realicen unha serie de ofrendas ao chegaren ao santuario.
Así sufragan misas na honra do santo, que serán oficiadas polo párroco no transcurso do ano.
Deixan diñeiro no intre de poñer o santo nunha bandexa ou boeta, que se encontra ao carón do poñente; tamén nos esmoleiros , que hai no interior da igrexa, e no momento de oir unha das misas, que se celebran no recinto sagrado.
Aportan “velóns normais” ou máis pequenos, que colocan ao carón das imaxes do San Bernabé. Os “velóns normais” valen cinco euros e os pequenos tres. Estes adoitan estar acesos no interior da igrexa ata que rematan os diferentes oficios relixiosos.
Tamén ofrecen figuras de cera, que simbolizan a unha serie de animais: cochos e vacas, así como ao corpo humano, enteiro ou nalgunha das súas partes: brazos, pernas, pés etc. Esta ofrenda encontrase nunha mesa alongada, situada no lado esquerdo da igrexa, de onde os devotos poden recollela mediante o previo pago de cinco euros por cada figura. Estas, de índole artesanal, son ofrecidas polos romeiros en testemuña do seu agradecemento pola influencia benéfica que o santo exerceu na sandación de diferentes doenzas de carácter humano ou animal. Polo tanto hai o costume de oír misa coa mesma e realizar o ritual de circunvalación ao redor do santuario. “Estes exvotos foron e son moi abundantes en case todos os centros de romaría e permanecen expostos no altar como mostra das peticións feitas e como manifestación pública do poderío e capacidade de convocatoria do santo”. Trátase dun ofrecemento público, por canto adoita colocarse nos altares das imaxes de devoción. Isto distingue aos exvotos respecto a outras ofrendas, coma os cartos ou as candeas, que amosan un papel máis indeterminado.
No museo de Pontevedra hai unha serie de terracotas procedentes do santuario itálico de Calvi, situado na Campania. Neste santuario ofreceronse durante varios séculos moitos exvotos de terracota aos deuses itálicos. Convén distinguir as cabezas de homes e mulleres, e algúns animais: cochos, vacas. A maioría destas terracotas, construídas con molde, estiveron policromadas, sendo interesante comprobar a súa semellanza cos exvotos de cera, que aínda se ofrecen en varios santuarios.

Cumpridos os oficios relixiosos, os devotos e fregueses da comunidade participan nos diversos actos da celebración profana. Os ramistas encargados da mesma traen canda eles foguetes, que tiran para anunciaren os momentos relevantes de cada xornada festiva; contratan as orquestas, que serven para deleitar aos presentes e subhastan os terreos do campo da festa entre vendedores ambulantes, que teñen como obxectivo específico ofrecer viandas, bebidas, xoguetes, rosquillas etc... para consumo e lecer de todos os romeiros.

6. ALGUNHAS CLAVES DE INTERPRETACIÓN SOBRE O SANTUARIO DO SAN BERNABÉ, CASTRILLÓN (O CORGO).
A área de influencia deste santuario manifestase en canto a súa operatividade, reflectida nas curacións e solucións de problemas, que levou a cabo o santo ao longo da súa historia. Polo tanto este recinto sagrado non só expresa a vivencia da identidade da comunidade parroquial na que se localiza, senón tamén o sentido de apertura, que lle dá a gran devoción, que sinten outras comunidades pola súa imaxe. Sen milagros non hai posibilidade de crear devoción, xa que son a proiección do poder da imaxe, á que acoden todos os necesitados, na procura da solución de doenzas e de problemas de índole familiar e social. Polo tanto esta imaxe opera como mediadora perante Deus e condensa toda a virtude e o poder sobrenatural. Con ela establecese unha importante comunicación por medio da palabra e de certas actitudes somáticas, encamiñadas a acadar o seu amparo e benevolencia. Pero tal favor sacro hai que o relacionar co grao de protección ás estructuras dun intercambio igualitario, o cal implica “dar para que me deas”. Por iso, os devotos, realizan varios rituais e deixan unha serie de ofrendas para satisfacer a súa parte no acordo coa entidade sagrada.
En xeral, en todo santuario podemos distinguir dúas dimensións diferentes: unha relixiosa e outra profana, ou dous polos semánticos opostos: un, o ideolóxico ou normativo, e o outro o sensorial. Por conseguinte, toda romaxe presenta un elemento de unión e comunicación do grupo social, mais tamén constitúe un xeito de liberación da sensibilidade, xa que é o tempo no que se tolera a ruptura das normas e regras, que regulan a conducta dos membros dunha comunidade.

Finalmente, a desagrarización desta comunidade, fenómeno que podemos traspolar a case toda Galicia, vai levando paseniño ao abandono dunha relixiosidade ligada a un tipo concreto de sociedade. Mais sempre seguiran existindo algunhas manifestacións desta relixiosidade dende o intre en que as doenzas coas que se acode aos recintos sacros teñen un carácter xeral,e, ademais, a tecnología médica aínda non é capaz de solucionar todolos males.

BIBLIOGRAFÍA.
ÁLVAREZ GASTÓN, Rosendo: La religión del pueblo. Defensa de sus valores. Madrid: B.A.C. 1976, páx. 36.
ANTHROPOLOGICA. Instituto de Antropología de Barcelona, nº 6. Ed. Daimon. Barcelona. 1977, páx.99.
BASURKO, Xavier: “os santuarios hoy:claves de interpretación teológica-pastoral”, en Santuarios del P. Vasco y Religiosidad popular, II Semana de Estudios de Hª Eclesiástica del P. Vasco, Vitoria, 1982, páx. 308.
BLANCO PRADO, J. M.: Exvotos e Rituais nos santuarios lucenses. Lugo: Deputación provincial, 1996, páxs. 47-48.
CACHEDA VIGIDE, Eduardo Aurelio: La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa. Santiago: Edicións e Deseño S.L., 1991, páx.289.
CANCIO FERNÁNDEZ, José: Autor do mapa.
EQUIPO “IR INDO”. Guzmán López, Cristina e outros: Galicia en Comarcas. Lugo, Vigo: La Voz de Galicia. Ed. Ir Indo, 2005, páx. 99.
GONDAR PORTASANY, Marcial: “Racionalidad campesina y Relativismo cultural”, en Antropología y Racionalidad. Ed. Sálvora, Santiago, 1980, páx. 60.
GONDAR PORTASANY, Marcial: Crítica da Razón galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros, Vigo: Biblioteca a Nosa Terra. Nós os Galegos. Ed. a Nosa Terra, 1993, páx. 154.
GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé M. : Guía das festas populares de Galicia. Vigo: Ed. Galaxia, 1997, páxs. 133-134.
MARIÑO FERRO, X.R: Las Romerías /Peregrinaciones y sus símbolos, Vigo: Ed. Xerais , 1987, páx. 175.
MARIÑO FERRO, X.R: “Os Santuarios e os seus símbolos”, en Romarías e Peregrinacións. Actas do Simposio de Antropología. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 1993, páx. 88.
PRAT I CAROS, J: “Los Santuarios Marianos en Cataluña: una aproximación desde la etnografía”, en La Religiosidad Popular, III. Hermandades, Romerías, Santuarios. Barcelona, Anthropos, 1989, páx.227.
RISCO, Vicente: “Etnografía. Cultura Espiritual”, en Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo. T. I, 1979, páxs.380-381.
RODRÍGUEZ BECERRA, S: “De Ermita a Santuario: Reflexiones a partir de algunos casos de Andalucía”, en Romarías e Peregrinacións. Actas do Simposio de Antropología. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 1993, páx. 111.
TABOADA CHIVITE, Xesús: Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo: Ed. Galaxia, 1972, páxs. 156-157.
VALIÑA SAMPEDRO, Elías: Inventario Artístico de Lugo y su provincia. Servicio de publicaciones M.E.C.. T. II. Madrid, 1975, páxs. 92-94.
VALIÑA SAMPEDRO, Elías: Catálogo de los Archivos parroquiais de la diócesis de Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación de Lugo, 1991, pax. 266.
WILLIAM A. CRISTHIAN, Jr: Religiosidad popular. Estudio antropológico en un valle español, Madrid: Tecnos, 1978, páx. 134.ones M.E.C.. T. II. Madrid, 1975, páxs. 92.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES