Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXIII)

martes, 26 de agosto de 2014
O peso das lembranzas a certa idade faise abafante, insoportable para aqueles que tivemos a desgraza de non perder a memoria cos anos. ¿Máis có da púrpura? ¡Igual, pois de púrpura é toda vida vivida con atención e con emoción!
Fuxide, lembranzas, fuxide da miña cabeza,
que me facedes tolear;
e logo que non teño a quen contarllas,
de incribles que son.
Así falando, en voz alta,
cousa que só facemos os vellos e mailos telefonistas,
un neno que escoitou os meus laios
advertiume seriamente:
Patrón, déixese de batallas,
que fazañas meirandes cás súas vense na tele,
a todas horas.
Meu neno, -lle respondín-,
con unha diferenza,
que as miñas foron vividas,
de verdade, día a día!
Despois hai quen di que a vida é curta…
¡Iso será para ti,
folgazán,
se non te molestaches en aproveitala
para facer moito e ben!
¿Qué iso non o fai ninguén…?
¡Os pasotas, non,
que non levan o paso,
o paso vital,
o paso da xente que é xente,
o paso das persoas que o queren ser!


¿Isto, soñeino? ¡Supoño que si, pois canso non me sinto, que por algo madruguei: aínda non deron as sete e aquí me tedes, descansando descansado, pois non hai nada mellor para descansar que poñerse a traballar…, baleirando as ansias, pasándoas ao papel, con tal de que non manche a ninguén, que sexa limpo e non de estraza, pois para trapos viles e miserentos chegan e sobran os do noso vivir cotián, os españois, os actuais!
-.-

Espallando ideas (XXIII)

¡Estes lucenses…! Á vista deste anuncio, na data do meu nacemento (na real, que no Rexistro puxéronme o 28), nunca tan orgulloso me sentín da miña procedencia; o que lamento é que non viva o autor porque lle daría, encantado, o meu voto: ¡Si, señor, que o noso diñeiro non se vaia para o estranxeiro, que demasiado se ten ido!
E, qué ben o explica: “Tras el dinero emigra la independencia de la nación”! Danme ganas de volver a nacer, pero non vai ser posible reencarnar nun mozo dos daquela época, que iso aínda non se inventou. Claro que, de ben pensado, un que fose mozo no 30 chamaríano para aquela guerra que capitaneou don Hermenegildo, “por la gracia de Dios”! ¿Don Hermenegildo…? ¡Si, outro Santiago, o do século XX, que, en vez de mata-los mouros in person, traíaos á Península para que llos matasen os rojos!
Din que avanzou a nosa cultura… ¿E non sería máis exacto dicir que o fixo a in-? ¡Aqueles si que eran patriotas, aqueles non pensaban nos “paraísos fiscais”! Na miña aldeíña, por entón, escribían con pizarriños diso, de pizarra, de lousa; ¡ah, pero o que é en Lugo, nese Lugo das murallas, xa o facían con máquinas IBERIA, fabricadas en España e bautizadas co nome patrio! Máis é, que en Montecubeiro cosían con alferga, pero, de murallas a dentro, con ALFA! ¡Por algo sempre tiven o complexo de non poder estudar en Lugo, pero aquela beca, naquela convocatoria na que participaron as irmás Hermida López, con don Delio Mendaña de Director, era tan mísera…!
Pero non todo é, era, bo, naqueles tempos, que por algo dicía meu avó: Comparando los bienes con los males, todos los tiempos son iguales!
-.-


Isto que vos mostro é un matrimonio, un matrimonio exemplar, dos ben avidos. Parece que teñen vidas paralelas, e así é, pero só na curta distancia, pois na Eternidade…, unificaranse! ¿Que cómo o sei? Como nacín paletiño, e quero morrer sen suspensos, ou con poucos, funlle á escola a Lobachevski, onde nos explicou que lle dixo Deus, ¡o propio Deus!, que, As paralelas córtanse no infinito. Entón Lobachevski, que é un preguntón, ¡como tódolos sabios!, insistiulle, repreguntou: ¿E Ti, como o sabes? A resposta do Señor foi rotunda: ¡Porque alí mando eu, alí tamén!
Se non son intelixentes cantan distinto, doutra maneira, cada un coa súa voz, coa propia, con personalidade propia, pero, se o son, viven paralelos, sen por iso despersonalizarse, o que non quere dicir que sexan idénticos, pero cando hai que tomar unha decisión, derivar nunha dirección, cousa que acontece a cada minuto na estrada da nosa vida, que é curvilínea, cede aquel que estaba errado; despois de razoar, iso si! Tamén o fan as rodas dos coches, que por iso, e só por iso, seguen adiante!
Daquela da Creación seica lles dixo Deus: Sodes unha mesma cousa, carne da mesma carne, pero, como vos impoño a obriga de complementarvos, que o home faga de home, que sexa un home, de por vida; e a muller que non deixe de ser muller; se se pon de tacóns que o faga para elevarse sobre si mesma, pero nunca para cuspirlle na calva ao home. Con iso quedou claro, debeulles quedar, que son, que somos, complementarios, así que, cando un de nós vaia ao matrimonio sen educación, ou escaso dela, o outro xa sabe o que ten que facer: ensinarlle a pensar, a transixir, a complementarse. ¿Cal deles? ¡Ambos, pois a obrigación é recíproca!
A diverxencia é aberrante, antinatural, pois acaba en divorcio, en separación, os dous ao abismo, que, de ter fillos, resulta máis fondo, máis…, abisal! ¿Converxencia? ¡A absoluta é imposible, pero, no máis Alá…, Aló Adiante, Aló Arriba, segundo lle dixo o propio Deus a Lobachevski, igualaranse as paralelas, e farano con toda simpleza, con uniformidade, sen bigotes e sen tacón!
-.-

Espallando ideas (XXIII)
Teño un amigo, Médico xubilado, que, para librarse da telegaita, dedícase ás manualidades; hoxe invitoume a verlle unha mesa que fixo para toma-la sidra cos seus amigos. Na súa casa-pazo non se me ocorreu, pero polo camiño vin matinando se non sería cousa de encargarlle unha “Round table” para sentar nela doce pares de políticos honrados, aos que darlles plenos poderes; iso si, revogables…, por se acaso!
Nada máis chegar, chameino por teléfono participándolle a idea, pero levei un chasco porque…; ¡estes galegos, que sempre teñen algo que dicir, algo que alegar, algo que opoñer! A súa contraproposta foi esta: Que se compromete a facer esa táboa redonda, e ademais gratis, coa condición de que eu busque, e atope, dúas ducias de políticos honestos e ben formados, capaces e capacitados! ¡Galego tiña que ser, e encima, Médico!
Cando lle dixen que era demasiado pedir, volveu a contradicirme: -Que deixe en paz o candil, pois, cando nin Diógenes, naquela Grecia dos sabios, atopou ao home que buscaba, ¡un, un só!, atopar aquí, e animar, doce pares para que arrimen o lombo, é unha tarefa estéril!
¿Por qué me diría iso? ¿Para evitarse o compromiso de face-la mesa, ou porque, de tantos que leva auscultado, coida que non hai un cento de homínidos de bo corazón, de corazón nobre? ¡Igual tivo razón Fraga cando nos definiu afirmando que: Spain ist different!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES