Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensalmos e rituais etnomédicos (IV)

jueves, 17 de julio de 2014
AS DOENZAS OCULARES E AS LOMBRIGAS NA PROVINCIA DE LUGO (II)

Artigo publicado na Revista Croa (Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, Castro de Rei) (Lugo), nº18, 2008.
Ensalmos e rituais etnomédicos (IV)
Neste segundo artigo sobre as prácticas máxico-relixiosas adicadas a sandación dalgunhas doenzas, é mester discernir e aclarar tres nocións básicas: a oración, o ensalmo e mailo conxuro. Isto é debido, dun xeito preferente, ás confluencias e equivalencias entre o máxico e o relixioso, que deron lugar a variados traballos de carácter antropolóxico.

Pois ben, a oración é unha fórmula discursiva que un suxeto transmite a un personaxe sagrado en sinal de submisión e súplica para acadar certos favores pedidos. Pode ir acompañada de xestos e actitudes físicas, como estar de xeonllos e inclinar a cabeza, entre outros. Adoita ser impulsada polas institucións relixiosas.

O ensalmo é un discurso que unha persoa dirixe a unha entidade sagrada coa finalidade de obter a curación dunha doenza propia ou allea. Incorpora elementos da menciña popular e frases procedentes de oracións do ritual cristián. O ensalmador sitúase como intermediario entre a divindade e a persona que precisa a cura. Non pode dar a coñecer públicamente o contido da xaculatoria, xa que senón perdería a súa eficacia. Esta fórmula discursiva subsiste entre a xente do común, transmítese por vía oral e ten unha forma poética, que se caracteriza pola súa tradicionalidad.

Finalmente, o conxuro é un discurso que un suxeto dirixe a a un personaxe sagrado ou diabólico coa finalidade de exisirlle a concesión dunha prestación que ás veces mesmo pode ser prexudicial para outras persoas. Esta fórmula adoita presentar, polo tanto, un tono imperativo e autoritario.

I. AS DOENZAS OCULARES
No ámbito destas enfermidades imos tratar sobre as belidas, os argueiros e os orizos ou tirizós.

1. ENSALMOS SOBRE AS BELIDAS
Co nome de belidas denominamos “a las manchas blancas, nubes, nieblas, puntitos y úlceras que aparecen en los ojos, produciendo disminución o pérdida de la visión, no cabiendo duda alguna que se refiere a las úlceras de la córnea”.
Trátase dunha palabra galega coa que designamos ás nubes brancas do ollo, ás cataratas e, por extensión, a calquer doenza ocular.
En Montecubeiro (Castroverde) curábase a doenza empregando o seguinte ensalmo.
“Belida de... (nome da persoa que ten a belida)
se es branca
Deus te parte,
se es negra
Deus te fenda,
se es rubia
Deus te suma.
Polo poder de Deus
e da Virxe María. Amén”

En Lousada (Xermade), para sandar a doenza pronunciábanse as seguintes palabras:
“Santa Lucía,
tres fillas tiña:
unha tecia,
outra urdía,
e a outra belidas
dos ollos desfacía,
a quen as tiña.
Isto non é pola miña sabedoría,
é polo poder de Deus,
e da Virxe María”

Logo, rezábase un painoso e unha avemaría.

En Guntín, usábase a seguinte fórmula:
“Santa Lucía
tres fillas tiña:
unha tecía,
outra urdía
e a outra dos ollos desfacía.
Pola gracia de Dios
e da Virxen María
un Padrenuestro
e un Avemaría”

Na parroquia da Graña (Abadín) utilizábanse as seguintes palabras:
“ Santa Lucía
tres libros tiña:
nun que rezaba,
noutro no que lía
e noutro no que belidas
descontaba.
Polo poder que Deus ten
e a Virxen María. Amén”.

En Sudros, S. Pedro do Río (A Fonsagrada) cóllíanse nove grans de trigo, de colleita propia, e pasábanse, un a un, por diante do ollo facendo unha cruz, mentres se recitaba o seguinte ensalmo:
“Desfeita con fume
e aire fuches feita.
De nove te volvas oito,
de oito sete,
de sete seis,
de seis cinco,
de cinco cuatro,
de cuatro tres,
de tres dous,
de dous un,
e dun ningún”.

Estas palabras había que dicilas nove veces e por cada unha delas bótabase nun recipiente de auga un gran de trigo.
En Carballosa, Xermar (Cospeito) pasábase un pano de auga fría pola belida e dicíase o seguinte ensalmo:
“ Santa Lucía
tres fillas tiña:
unha tecía,
a outra cosía
e a outra belidas
dos ollos desaparecía.
Polo poder de Dios
y de la Virgen”.

En Aspai (Outeiro de Rei) tomábanse nove grans de trigo e botábanse en auga; logo collíase un e facíase o sinal da cruz sobre o ollo doente, mentres se mencionaban as seguintes palabras:
“ Santa Lucía
tres libriños tiña:
por un rezaba,
por outro lía
e por outro belidas
dos ollos disminuía”.

Logo poñíase o gran no ollo e rezábase un Painoso; como remate poñíase o gran nun envase de auga. Este ritual repetíase cos grans restantes.
En Ligonde (Monterroso) coñecíase como belida a unha enfermidade consistente na perda de visión producida pola formación dunha teíña delgada (membrana moi fina) no ollo. Posuía certa semellanza coas cataratas e adoitaban confundirse. Para a súa curación usábase o seguinte ensalmo, que había que cítalo sete ou nove veces.
“Santa Lucía
tres libros tenía:
con uno leía,
con otro deslía
y con el otro quitaba las belidas
que este ojo tenía”.

No S. Matías, O Veral (Lugo) utilizábase a seguinte fórmula:
“Santa Lucía
tres fillas tiña:
unha tecía,
a outra urdía
e a outra as belidas
dos ollos desfacía.
Pola gracia de Deus
e da Virxe María,
un painoso
e un avemaría”.

Na Balsa (Muras) chamaban belidas a diversas doenzas dos ollos, como as nubes brancas, as cataratas, as úlceras... Para curalas había que colocar nunha taza chea de agua nove grans de trigo; logo tomar un e pásalo por riba do ollo enfermo mentres se recitaba o seguinte ensalmo:
“Santa Lucía
tres fillas tiña:
unha tecía,
a outra urdía,
e a outra as belidas
dos ollos desfacía.
Pola gracia de Dios
e da Virxen María,
un padrenuestro
e un avemaría”.

En Pino (Cospeito), botaban nunha taza auga fria e nove graos de trigo. Logo, collían un grao e pasábano por riba da belida, recitando ao mesmo tempo as seguintes palabras:
“ Santa Lucía,
tres fillas tiña:
unha tecía,
outra urdía,
e a outra belidas
dos ollos desfacía.
Pola gracia de Deus,
e da Virxen María,
un padrenuestro
e un Avemaría”.

Ao rematar, tiraban o grao ao chán e repetían o ritual cos oito graos restantes. Isto facíano pola noite e durante nove días seguidos.
Na Fontaneira (Baleira) utilizábase como terapia ante a doenza a mesma que na Balsa (Muras).
No Santo (Vilalba) poñíase nunha taza, con auga fría, nove grans de trigo; logo collíase un e pasábase por riba da belida, dicindo ó mesmo tempo:
“Santa Lucía
tres hijas tenía:
una cosía,
otra bordaba
y otra las belidas descontaba.
Por el poder que Dios tiene
y la Virgen María. Amén”.

En Mosteiro (Palas de Rei) collíanse nove grans de trigo; logo, un a un, íanse pasando por diante do ollo doente, facendo o sinal da cruz e mencionando a seguinte fórmula:
“Santa Lucía
tres fillas tiña:
unha cantaba,
outra cosía
e outra sacáballes as belidas
a quenas tiña.
Coa intención de Deus
e da Virxe María,
recemos un padrenuestro
e un avemaría”.

Logo botábanse nun vaso de auga.

En Outeiro de Rei e na Pobra do S.Xián (Láncara) usábase a seguinte pregaria:
“Nube, nube
de sangre y agua formada,
en honra y gloria
de la Santísima Trinidá
que sea prontamente curada”

Na parroquia de Cazás (Xermade), dicíase nove veces cada día, durante nove días consecutivos o seguinte ensalmo:
“ Santa Lucía,
tres hijas tenía.
Unha lía,
outra cosía,
e a outra as belidas desfacía.
Non é pola miña sabiduría.
É polo poder de Dios,
e o da Virgen María.
Un Padrenuestro e unha Avemaría”.

En Queizán (O Corgo), para curar a enfermidade, facíase unha cruz sobre o ollo do doente cun gran de trigo collido entre o índice e o pulgar, pronunciando ao mesmo tempo as seguintes expresións:
“Desfeita,
que fuches feita,
en auga,
en lume,
en sal da mar,
en auga de fonte termal.
Nin crezas,
nin avivezas
nin fagas cousa
que mal parezas
no corpo de (fulano de tal)”.

Logo, collíase outro gran e realizábase a mesma práctica nove veces, durante nove días seguidos. Cada vez que se recitaba o ensalmo, rezábase ao seu remate un painoso e un avemaría.
En San Martiño, Cabreiros (Xermade), para sandar a doenza dicíase o seguinte ensalmo:
“Nube, nube,
de sangre y agua formada,
en honra y gloria de la Santa Trinidad,
que sea prontamente curada”.

A continuación, rézanse tres painosos na honra á Santísima Trinidade.

En Carballido, Pacios (Begonte), para sandar as belidas realizábase o seguinte ritual:
botábase nunha taza de auga fria nove grans de trigo. Collíase un gran e pasábase por riba da belida, mentres se recitaba a seguinte fórmula:
“ Santa Lucía tenía tres hijas:
una cosía,
otra urdía,
y otra las belidas desfacía.
Pola gracia de Dios
e da Virxen María”.

Ao rematar o ensalmo, rezábase un painoso e unha avemaría. Logo, tirábase o gran ao chan e repetíase a operación con cada un dos restantes. Dun xeito preferente, este ritual facíase, á noite e durante nove días consecutivos.

Nas belidas o normal era coller nove grans de trigo e ir pasando un a un pola belida, mentres se rezaba o ensalmo correspondente, e un painoso e unha avemaría.

O habitual era repetir o ensalmo e as oracións, que lle seguían, nove veces. Nalgúns casos puidemos comprobar como o ritual tiña que levarse a cabo nove veces ao día durante nove días consecutivos.

Finalmente, os máis dos ensalmos coinciden na invocación que se fai da santa e as súas tres fillas. Agora ben, de Santa Lucía, considerada protectora e sandadora das doenzas dos ollos, non atopamos ningunha referencia obxectiva na que se reflicte que a santa tivese tres fillas urdidoras e fiadeiras. Sen embargo, adoitaban acompañar á santa naqueles ensalmos adicados á prevención e curación das doenzas da vista. Isto acontecía non só en Galicia, senón tamén en Asturias, Extremadura e diferentes provincias de Castela.

En relación aos ensalmos descritos apreciamos como a función esencial destas tres “fillas” é a de fiar e urdir, máis nalgúns casos -os menos- móstranse outras actividades como as de leer e rezar; as de cantar e fiar; e as de coser e leer.

Na mentalidade popular aparecen en ensalmos outras santas curadoras -Santa Apolacia, Santa Iria, Santa Cecilia...- coas súas tres fillas levando a cabo actividades curativas ligadas coas tarefas do fiado. Estes ensalmos, raros nas tradicións do centro e do sur da peninsula ibérica, amosan referencias importantes nas tradicións aragonesas, catalanas e valencianas.

Por outra banda o acto de fiar ou de urdir considérase dende un punto de vista simbólico a representación de procesos de creación e de crecemento. Símbolos vinculados a éste, como o da rede, a tea, a corda e o texido úsanse frecuentemente para suxerir o desenvolvemento das vidas humanas e do universo no seu conxunto. Estes símbolos teñen tamén connotacións negativas como ferramentas de prisión.

Finalmente las viejas y atávicas creencias en torno a tres deidades hilanderas y dueñas del hilo de la vida y, por tanto, del destino y de la salud de cada persona se pueden reconocer como bien presentes en polos muy diferentes de la tradición credencial, poética y narrativa europea y universal. Las tres hijas hilanderas o tejedoras de Santa Lucía, de Santa Apolacia o de Santa Iria...las tres viejas ayudantes de los cuentos maravillosos europeos, las tres brujas del Macbeth shakespeariano, o las tres sabias valkirias del Völundarkvida nórdico del siglo IX, coinciden en revelarse, de este modo, como herederas y continuadoras, en épocas y ámbitos muy distintos, y con características más o menos diferentes entre sí -pero siempre conocedoras y controladoras del futuro, y siempre imbuidas por poderes mágico-sagrados- de las viejas deidades -las Hathors de los egipcios, las Moiras de los griegos, las Parcas de los romanos...- con dominio sobre “los hilos” de la salud de la vida de los seres humanos.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES