Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (17)

miércoles, 16 de julio de 2014
Recordando o forno de cocer o pan, cando era nena


Onte, trinta e un de outubro, estando preparando os cogomelos para levar á exposición das Pontes, no pallar, onde estaban os cortellos dos porcos, as ovellas, a besta; agora, un local todo xunto. Pero, alí, nun recunco, está o forno de sempre.

Despois de estar anos sen cocer, cubrírono; non chove nel. Fixéronlle unha lareira diante. Está contento, pois coceu moito pan para os antepasados, tamén para algúns presentes. Esas pedras parecen estar satisfeitas. Tiveron unha misión bonita: cocer pan para tantas xeracións. Recordo cando sacaban a bola. Xa era unha festa para os nenos, pois era bola con leite. Isto era típico da Galicia rural.

Tamén recordo cando miña nai facía empanada con cebola picada, algo de aceite, pemento, un pouco touciño. Estabamos todos contentos. Cocer o pan daba que facer. Despois de todo o proceso para recoller o gran, había que levalo ao muíño. Estes estaban na beira do río. Eran propiedade dos veciños. Cada un tiña as horas que lle correspondían. Estaban en escrituras.

Logo, tiñan que peneirar a fariña. Había peneiras de maínzo e de trigo. A véspera facíase o fermento. Do cocedoiro anterior, sacaban unha pouca masa, botábaselle un pouco sal. Gardábano dun cocedoiro para outro na artesa. A véspera de cocer, con ese fermento, auga morna e un pouco de fariña amasábase, no fondo da artesa. Logo, ao día seguinte, amasábase o cocedoiro e íase repartindo para que o fermento fose para toda a masa.

Cando se empezaba a amasar, tamén se metía lume ao forno. Logo, cerrábase a artesa. Alí, levedaba a masa. Dicían que non era ben sentarse enriba dela, para non interromper o proceso.

O forno, cando lle acendían o lume, poñíase negro. Despois, cando xa ía estando quente, branqueaban as paredes. As brasas que quedaban de queimar a leña non podían estar sempre no mesmo sitio, pois, debaixo delas, non se quentaban as pedras. Cando o forno xa estaba branco, varríano. A masa coñecíase que estaba léveda porque medraba e poñíase máis branda. Amasábase algo, botábase fariña á copa. Logo, alí, a masa copeábase. Botábase fariña na pa para que non se pegase a masa. Esta era masa de maínzo e centeo. O trigo era para as festas.

Metíase o pan no forno. Ben, primeiro eran as bolas. Logo, estas sacábanse e, no sitio, aínda se cocía o pan. Facíanse doce ou trece pezas. Chegaban para quince días. O pan, as patacas, castañas, verduras, leite, eran os principais alimentos para vivir nas aldeas de Galicia.

O pan deixábase ata dúas horas e pico no forno, pois eran bolos moi grandes. Era todo máis natural. Os animais comían cousas da terra. Non había pensos. As galiñas andaban por fóra da casa e comían maínzo.

Froitas, había de todo: cereixas, mazás, peras, abruños, figos, noces... A vida era moi traballosa. Pero, non había tantas cousas malas: alcohol, drogas, accidentes de coches. Penso que os pais vivían máis tranquilos.

Estes son os meus recordos. Vivín o de antes e máis o de agora. Escribo iso, pois xa pouca xente queda para contalo.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES