Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O reino dos hipócritas

viernes, 04 de julio de 2014
O que máis admiro dos xenios é que a brillantez dos seus razoamentos non soe sufrir o paso do tempo. Fai poucos días sorprendíame ó ver unha entrevista que José Saramago concedía en 1998, meses despois de recibir o Nobel de Literatura. O autor portugués afirmaba con desánimo que vivimos nun mundo absurdo e poñía como exemplo que somos capaces de enviar un aparello a marte para saber como son as súas rochas mentres na terra millóns de persoas seguen a morrer de fame. Esta “esquizofrenia” coa que Saramago se refería ó comportamento do ser humano fai máis de quince anos describe á perfección a nosa tendencia actual que, lonxe de sufrir unha melloría ó longo destes anos, non fixo máis que empeorar instalando na nosa sociedade unha mezquindade cuxos límites son difíciles de previr.

Son moitos os exemplos que poderiamos empregar para ilustrar esta tese e non é preciso mirar moi lonxe posto que no noso país somos verdadeiros expertos en materia de hipocresía e cinismo.

Así, fai poucas semanas coñeciamos a vergonzosa prima coa que a Federación Española de Fútbol pretendía premiar ós xogadores españois en caso de gañar o mundial de Brasil, a cal ascendia ós 720.000 euros por xogador. Por outra banda, e para demostrar que a nivel local tampouco andamos sobrados de intelixencia, uns meses atrás soubemos que o peculiar proxecto do porco lalaino adicará preto de 60.000 euros á búsqueda do porco perfecto para a elaboración do famoso cocido. Pois ben, persoalmente atopo ofensivo e provocador que se atrevan a manexar estas cifras nun país no que máis de dous millóns de nenos viven baixo o umbral da pobreza tal e como se nos recordaba a pasada semana no último informe de Unicef.

O certo é que se hai algo que ofende especialmente é o feito de escatimar no referido ás necesidades básicas da infancia, unha especialidade que os nosos políticos dominan con deslumbrante destreza. Como mostra, fai poucas semanas o Partido Popular sorprendíanos coa brillante idea de pechar os comedores escolares durante o verán para “non xerar excesiva visibilidade” da pobreza infantil desoíndo así a proposición realizada polo grupo Alternativa Galega de Esquerda e que outros axentes sociais como a Defensora do Pobo ou Colectivos de Profesores respaldaran recentemente.

Aturdido me quedo co seu repentino ataque de sensibilidade. Pregúntome onde gardaban os nosos dirixentes políticos esta empatía fai uns meses cando toleraron feitos como os desaloxos noxentos que induciron a algunhas persoas a decisións tan dramáticas como o suicidio. Quizais se trate dunha sensibilidade ambivalente, de quita e pon, que por momentos convén e por momentos resulta ser unha rémora. Pode, por outra banda, que o que subxaza tras este posicionamiento sexa a enfermiza obsesión dos nosos dirixentes por ocultar todo aquilo que poida por de manifesto a súa mediocre xestión, para o cal empregan a súa suposta sensibilidade como ferramenta de distracción. O seu argumento é tan absurdo como malintencionado. Por esa regra de tres sería necesario pechar tamén as asociacións, comedores sociais ou bancos de alimentos que fan unha labor extraordinaria porque ó seu modo de ver tamén visibilizarían a pobreza. A apertura dun comedor escolar non ten por que supor unha medida que estigmatice ou humille ás persoas se as cousas se fan con tacto e verdadeira sensibilidade. ¿A quen pretenden enganar?

¿Acaso realmente cren que agochando unha problemática tan acuciante como a da pobreza infantil os cidadáns nos esqueceremos da súa existencia e, o máis importante, o problema deixará de existir? De feito, un certo grado de visibilización desta situación sería recomendable para que todos foramos conscientes da difícil situación que moitas familias están a sufrir e nos responsabilizásemos ó mesmo tempo na resolución conxunta desta problemática. Ofrecer ás familias con maiores necesidades a oportunidade de que os seus fillos poidan desfrutar de alomenos unha boa comida ó día durante a época estival é unha cuestión de
vergonza.

Tras esta reflexión só podo concluír afirmando que, máis ca nunca, as palabras de Saramago cobran hoxe especial significado: seguimos a vivir nun mundo totalmente absurdo.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES