Os mortos desta ponte
martes, 13 de diciembre de 2005
Carlos Casares novelou en "Os mortos daquel verán" a traxedia sufrida na nosa terra no verán de 1936, prolegómeno tráxico dunha "longa noite de pedra".
Puidemos seguir moi de perto a nova traxedia, repetida, dos mortos desta última ponte na que case se transmitiu en directo cada morto tentando evitar o incremento da cifra de caídos na estrada.
A Dirección Xeral de Tráfico emprendeu unha campaña de divulgación e mentalización para, pola vía do tremendismo, poñer medo onde debía haber precaución, ameazando con castigo cando no outro plato da balanza está situado o premio da vida.
Na Ponte da Constitución, que o calendario situou este ano nunha estratéxica distribución para o doado disfrute, cada día foron informándonos dos caídos en combate, sempre en comparación cos anos anteriores, sen que se poida argüir o estado das estradas como causa dos sinistros.
A lotería dos mortos desta ponte caeu de xeito especial en Galicia onde doce persoas non volveron ás súas casas ó final da festa.
E se sempre os recontos mortais son tráxicos, neste caso de xeito especial se temos en conta que o 42% dos falecidos viaxaba a unha velocidade excesiva e que un tercio non utilizaba o cinto de seguridade.
Algo falla, e de xeito moi grave, no colectivo de conductores cando nin as medidas punitivas, nin os consellos nin as informacións conseguen que todos levemos o cinto de seguridade en todo momento das nosas viaxes.
Sábese que é moi gravoso non utilizalo, que salva vidas, que non utilizalo é mortal. E sen embargo, dos mortos da ponte, a terceira parte non o utilizou.
Non se pode acusar ós mortos, que ademáis pagaron abondo a súa inconsciencia. Podemos falar dos vivos, que se atendemos ás estatísticas tamén circulamos en gran número sin esta especial e imprescindible protección.
Os mortos desta ponte -"familiares, irmáns..." que diría Lorenzo Varela- deben movernos a procurar pola vida, a respectar a nosa vida e a dos demáis, sempre e de xeito especial cando utilicemos esa arma terrible, cargada de perigo, que é o volante (e o acelerador) dos vehículos automóbiles.
Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora