Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Técnica e poder

martes, 27 de mayo de 2014
A técnica do poder é atraer a dentro do poder mesmo a quen se opón. Se, como no 15 M, non consegue que estes grupos se integren no sistema coas armas que dá o sistema, partidos políticos, sindicatos ou calquera outra organización integrada, denomínaos antisistema por oposición antagónica; pero por racionalidade dialéctica de que o que é contrario forma parte do mesmo, o propio sistema engóleos. Esta grave contradición na que incorre o poder do sistema que é en realidade a supresión da crítica e da oposición se manifesta polo interese que demostra en facer que a oposición e a crítica se fagan dentro das canles que o sistema autoriza. Crítica e oposición dende dentro, nunha monopolización que permite só leves comentarios controlables e non pensamentos que cuestionen e moito menos que teñan posibilidade de modificar partes substanciais do sistema.

Xa asistimos impasibles á falla de oposición. Perplexidade que é a constatación de que a esquerda está tan integrada na mesma formulación da dereita que só permítese escasas e febles propostas de trámite que non socaven, dalgún xeito, a unidimensionalidade á que esta Europa dos estados nos está a levar aproveitando a anguria creada pola crise económica.

Económica? Polo anterior resístome a pensar soamente en termos económicos. Dada a resolución unilateral á que nos empuxan e polas súas únicas propostas, a crise seméllame, cada vez máis, ideolóxica. E isto, precisamente polo rexeitamento á ideoloxía por parte da esquerda e un proceder ideolóxico da dereita que, cada vez menos, non esconde as súas pretensións.

Cando menos deberiamos demandar á esquerda (Como oposición actual e como tal poderiamos esixir de xeito semellante á dereita no caso de que estivese na oposición) que ensine e demostre as contradicións do sistema xa que non parece que teña propostas que poderían indicar os cambios necesarios cos que dirixir a sociedade actual por outros vieiros que non sexan a distribución inxusta, tanto da riqueza como a repartición, tamén inxusta, da pobreza; é dicir a equidade entre os distintos sectores da sociedade no tratamento e solución da crise.

Sen ideas contrarias que loitan dentro das regras de xogo para convencer e levar adiante propostas distintas, a democracia é un cadáver exquisito, pero cadáver.

É interesante analizar esta situación actual que curiosamente xa fora estudada por Herbert Marcus no El Hombre Unidimensional e que, case profeticamente, se está a realizar.

A fío disto sería axeitado volver sobre as formulacións que levaron a esta situación e reconsiderar algunhas das propostas que nese tempo (falo arredor dos anos sesenta) se pronunciaban e se analizaban. Refírome, sobre todo e neste caso, a dúas cuestións que coido son importantes: O concepto revolución e a idea alienación. É curioso ver como as dúas apenas se usan agora, cando nese tempo eran termos de uso frecuente e non só nos ambientes marxistas.

Denomínase adoito á revolución como un cambio drástico, maiormente cruento e cruel que pretende ser resolutivo dunha situación que se entende intolerable. Pero o mesmo termo, como se dixo moitas veces, significa re-evolución, acelerar a evolución. Por suposto que isto pódese ver dende distintos ángulos e quizais un dos importantes sería o de considerar o que hai que acelerar e porqué, xa que isto mesmo implicaría unha definición da situación que se pretende acelerar e con que ollada se analiza. Ambas as dúas cousas nunca serán compartidas por todo o mundo e sempre habería diverxencias, senón oposicións drásticas. Cousa xusta e necesaria.

Quizais por iso, deberiamos utilizar o termo revolución como acelerante dunha situación dada e non unha ruptura con esa situación. Quizais definiríase de xeito máis preciso chamándoo catalizador: Algo distinto que mesturado co actual transforma (cambia de sentido) e potencia (evoluciona) substancialmente o dado.

Non imos negar que estamos nunha estada histórica dominada por e denominada capitalismo, mesmo máis dun o acentúa con salvaxe, caníbal ou lindezas polo estilo.

Xa que esta é a situación actual, o que cabería é modificar as irregularidades que toda época ten, usando como referencia a deriva de inxustiza que se está a producir. Isto é, alterando os principios negativos do capitalismo actual, que en anos atrás, sobre todo coa socialdemocracia, acadou logros importantes. A cuestión sería, reacelerar, revolucionalo cara a un maior e mellor estado de dereito, cara a unha mellor e maior democracia e cara a unhas maiores melloras que unha parte grande da sociedade está a reclamar.

As leccións da historia (máis das veces leccións de extrema crueldade) a escasa moral de moitos dos integrantes da clase política (carentes dunha ética persoal na que se valore o ben común por enriba do lucro persoal) conseguiron un repregamento de moitos sectores sociais tanto cara a solucións drásticas como a intervir en política dende dentro das organizacións actuais.

É por iso que quizais se precise unha formulación distinta do termo e se afonde nel como dinamizador dunha situación dada levándoa cara a principios morais que se deberían considerar inalienables: repartición dos bens da terra, igualdade entre persoas e xéneros, incidir nunha democracia máis participe e solución dos conflitos pola vía do diálogo e non das presións do silencio do poder ou do incitar e propiciar decisións límite.

A alienación é, dalgún xeito, o sufrimento moral consecuencia desta e outras situacións, inherentes e mesturadas todas, e merece outro comentario ou outro comentador.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES