Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ardentía Solleiro

viernes, 25 de abril de 2014
Ler a Samuel Solleiro é como xogar á ruleta rusa: a adrenalina do abismo turra por un, pero os lectores acomodaticios poden acabar con algo máis que unha severa dor de cabeza.

E Punk, o novo arte-facto de Solleiro, non é unha excepción: iconoclasta, irreverente e provocador, deliberadamente despreocupado das convencións de xénero, as temáticas adoitas e as consideracións do pequenoburguesismo benpensante.

Unha arroiada neotremendista, literatura descarnada na que non hai tabús nin regras e todo se converte en materia ou arxila verbal modelable, mesmo os disfemismos e as imprecacións máis sonoras serven para colorar un discurso revolucionario no psicosocial e alternativo no estilístico.

Doutra parte, Punk é tamén un tren articulado no que os vagón teñen cargas diverxentes: dende o versaloide “Nubes de Botswana” ata o prosificado “Punk” e a nótula de cabo “Segunda vida deste libro”, onde se nos informa das sete vidas felinas do mesmo.

Á parte, dese dicir incisivo, saturado de imaxes e expresións altamente inflamables, hai en Solleiro un humor negro, unha hilaridade ácida que resulta tan corrosiva coma estimulante. Mesmo cando a textualidade vira autorrecorrente e comparece o metatexto todo en Solleiro é un inmenso campo de minas literario no que se esconden, repregadas, múltiples voces da escrita universal.

As fotografías de Alba Viñas, que acompañan o texto, son as iconas necesarias, os mapas de navegación dun continente esgrevio, impracticable para quen non estea afeito á escalada sen máscara de osíxeno. Ollo: Punk pode marear, ata o punto de que non han ser poucos os que ceguen na súa aparente disolución extrema, no fondo espéculo dun universo de coherencia sutil que é preciso atravesar co compás axeitado.

Valente aposta a de Corsárias traendo á luz estas sombras de Punk, metaforización líquida dos intersticios inacabables da incomunicación, caderno de bitácora dun pasar do tempo desconcertantemente humano, luminoso de seu, a ardentía Solleiro.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES