Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A beleza feriume para sempre' (4)

lunes, 28 de abril de 2014
DIAZ CASTRO, MEMBRO EGREXO DA ESCOLA POETICA DO SEMINARIO DE MONDOÑEDO


Xosé María Díaz Castro, tal e como el mesmo dixo, xa comezara a escribir versos antes de ingresar no Seminario de Mondoñedo: “Foi ós oito ou dez anos... Na escola primaria. Daquela empecei a enfiar os meus primeiros versos. Eran poemas malos, en castelán, xermolos dos que virían despois. A verdade é que eran cousas que non podía ser gardadas” (1).

Pero vai ser no Seminario de Mondoñedo onde realmente, da man, sobre todo, de Aquilino Iglesia Alvariño e do profesor Fanego Losada, vai atopar o seu camiño como poeta. Como el mesmo deixou dito: “Alí había un ambiente estimulante para a poesía” (...) “Alí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso, e empecei a publicar... nun periódico de Vilalba, unha revista de Vigo... Para min, Aquilino foi o guía. Primeiro fomos compañeiros de estudio en Mondoñedo. Máis tarde, compañeiros de profesorado. E sempre o ademirei. Para min, foi un dos mellores poetas que produciu a nosa terra, e aínda o sigue sendo”.

No Seminario foi tamén onde se converteu ó galego: “A miña cultura orixinal é galega, pero despois tiven unha cultura sobreposta, a castelán. Empecei a escribir en castelán, porque daquela era o que estaba –por dicilo así- de moda. Pero despois botei en conta que eu realmente me debía a Galicia. O exemplo de Aquilino Iglesia Alvariño foi o que máis influiu na elección da lingua galega para escribir poesía, o que me determinou a escribir e publicar en galego”.

O primeiro poema de Xosé María Díaz Castro que viu a luz nunha publicación foi “¡Toma mi corazón” que apareceu, en maio de 1931, na revista de Lleida Lluvia de Rosas. No xornal El Progreso Villalbés, foi publicado, en agosto de 1931, “Lembranzas e sospiros”, o primeiro poema galego publicado polo noso poeta.

Durante a súa estadía no Seminario vai escribir dous cadernos de poesía: Follas verdes e Follas ô aire. Follas verdes, que leva por subtítulo Cantares e romances, está datado o 23 de abril de 1934 e contén setenta e cinco poesías distribuídas en cinco seccións: “Follas perdidas” (dez poemas), “Lyra enxebre” (vinte), “Ditos e refráns” (catro), “As noites” (seis) e “Romances, baladas e pensamentos lýricos” (trinta e catro). Leva tamén un poema introdutorio. Pola súa parte, Follas ô aire, datado o 19 de marzo de 1945, está composto por cincuenta e catro poemas repartidos en tres seccións: “Perversidade” (catorce composicións), “Ceguedade” (dezaoito) e “Aurora” (dezasete). Ademais, leva unha composición “Portada” e outra “Campanadas” que se repite ó comezo de cada unha das seccións. A maioría destes poemas están datados entre 1932 e marzo de 1935.

Xosé María Díaz Castro forma parte, por dereito propio, da chamada Escola Poética do Seminario de Mondoñedo. É máis, é unha das figuras máis senlleiras e sobranceiras da mesma.

Os poetas, que se formaron no Seminario de Mondoñedo, teñen unhas características comúns que fan que se poida falar dunha escola poética, unhas características comúns que lles dán un certo aire de familia. Estas características son: teñen unha fonda formación humanística que os leva a humanizar as cousas, beben nos clásicos gregos e latinos cos que estiveron en contacto nas clases, teñen unha grande riqueza léxica e unha preocupación pola fala e pola paisaxe, son os cantores das cousas pequenas e sinxelas, son profundamente relixiosos e isto vano reflexar na súa obra, están nunha liña poética popular e costumista e neles hai un predominio do descrítivo sobre o lírico.

En sucesivas entregas iremos esmiuzando estas características na obra de Xosé María Díaz Castro.

NOTAS
1. Todas as citas están collidas de: XIZ RAMIL, Xulio, “Xosé María Díaz Castro: Nimbos de poesía” en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, ed. Asociación Cultural Xermolos, Vigo, 1987, páxina 161 e 162.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES