Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Raíces da Moral da Corrupción

martes, 08 de abril de 2014
Por moi paradoxal que pareza, tamén a corrupción ten unha ética e unha moral propia, é dicir, uns principios de referencia, unhas actitudes, uns hábitos e uns comportamentos para acción práctica. Eses indicadores atópase en todas as formas de corrupción. A corrupción encóntrase en todos os tempos e lugares baixo diversas modalidades, a pequena e gran escala; mais aquí trátase de delimitar, analizar, diagnosticar e interpretar a actual corrupción desenvolvida en España. No recen pasado mes de febreiro a Comisión Europea fíxonos unha ampla radiografía das corruptelas no uso dos fondos públicos. É esta unha situación específica deste instante español? Que raíces ten? Este é o epicentro da cuestión, tanto no plano teórico como na realidade concreta e visible.

Tres artigos no centro do debate

Hai uns cuantos meses apareceron en dous xornais madrileños de difusión estatal uns artigos de aparente especulación teórica, mais cunhas implicacións prácticas demasiado evidentes. Quen abriu a brecha foi un banqueiro cun artigo titulado “Moral católica”; un segundo escrito saíu dun filósofo-teólogo, cun texto encabezado así: “A sabedoría dos pallasos”. Os dous titulares son expresivos, mais non descobren a orientación precisa dos seus discursos. Terzou noutro xornal un profesor de literatura bíblica cun artigo máis explícito, “A moral católica e a corrupción”. Quedou así ó descuberto o epicentro desta polémica supostamente inocente: uns din que, de algún xeito, a corrupción española ten como fondo e fonte a moral católica, e outro responde que esa tese é unha pasmosa inxenuidade e un malentendido de partida. Vexamos.

O primeiro artigo, “A moral católica”, entre outras moitas frases, dinos que “da herdanza do franquismo temos algunhas cousas boas e unha malísima, que é a moral rancia que nos legaron os nosos pais, por suposto coa mellor vontade”. ... “O problema está no colapso ético dunha sociedade onde non só se estendeu a corrupción, senón que parece que non importa”. Pouco máis adiante, referíndose ó Goberno e a Igrexa, sentencia que ... “Non é suficiente dicir: ”equivoqueime”. Hai que dar conta e asumir a responsabilidade. “A Igrexa, tan celosa de protexer o non nacido, non parece concernida pola corrupción”. ....“(Os bispos) tal vez estimen que con paciencia, algún día verán acercarse ó confesionario a pedir perdón ós que teñan quebrantado os mandamentos correspondentes”. ... “Perdón que será concedido, por suposto”. ... “Pídese perdón e xa está”. ...“Neste disparate aséntase a moral católica”. ...“Moito me temo que a moral católica, se Deus non o remedia, vai acabar, non só coa dereita española, senón con todos nós”. Como pode comprobarse, son afirmacións de groso calibre.

O segundo artigo, “A sabedoría dos pallasos”, empeza a reflexión moito máis atrás no tempo e desprega a súa erudición sobre a tradicional falta de moralidade na sociedade española ata aproximarse ás ideas do primeiro articulista con algún matiz engadido: ...“O poder do confesionario libera ó culpable do calvario da responsabilidade pública”. Despois dalgunhas aclaracións sobre as diferenzas entre a cultura bíblica protestante e a católica, o pensador afirma: ... “O que entón distinguiría ó político ou ó xuíz ou ó banqueiro español dos demais é o compoñente moral: inexistente no caso da amoralidade hispana e presente na deses países onde a xente vaise por unha minucia”. ... “Que o público premie ó corrupto ou aplauda ó mentireiro, no invita á esperanza nin fala moito da saúde moral desa sociedade”. ... “O espectáculo de políticos elixidos por maioría absoluta, .....salpicados pola corrupción, fala da desvergoña deses políticos pero tamén da amoralidade dos seus votantes. Quédanos o consolo dos pallasos”.

O discurso do terceiro artigo, “A moral católica e a corrupción”, recolle algunhas frases dos textos dos dous primeiros e sinala que ambos se apoian nunha xa distante e clásica obra do sociólogo alemán Max Weber publicada en 1903: “A ética protestante e o espírito do capitalismo”. A discusión sobre as teorías de Weber, dinos o autor, xa está caduca e outros pensadores acabaron “co mito que ve no catolicismo a orixe do subdesenvolvemento e da corrupción”. O articulista pretende desfacer o equívoco da premisa da que parten os dous anteriores: supoñen que o noso país é, na actualidade, fillo da moral católica. Resulta asombroso, dinos, que estes autores caian no erro que se achaca normalmente a gran parte do episcopado español: pensan que o noso país é aínda un país católico. Do mesmo modo, argumenta, “é unha inxenuidade pasmosa (que sempre é menos culpable que a ignorancia) pensar que os homes e mulleres que poboan as nosas primeiras planas pasan polo confesionario para descargar as súas culpas e aforrarse así a responsabilidade civil”. E despois deste parágrafo o autor pide permiso para propoñer unha “hipótese diferente para explicar a orixe da explosión da corrupción en España: ... “A abolición do home”. ... “Hai moito tempo que no noso país temos expulsado da vida pública (e do discurso que consideramos digno dela) todo aquilo que teña que ver co significado da existencia. Varrendo esta cuestión do humus cultural en que crecemos, extirpamos dos homes e mulleres da nosa sociedade aquel órgano do que brotan os grandes ideais que conforman as vidas máis excelsas, aquelas nas que sempre nos habíamos mirado”.

O debate intelectual sobre a orixe da corrupción actual en España, que antes ou despois tiña que xurdir, xa está servido. Ninguén quere pandar no futuro coa responsabilidade da constatada corrupción, supostamente estendida e acelerada na nosa sociedade. Se ollamos detidamente a linguaxe e ideas dos tres textos, dannos unha mestura dalgunhas observacións empíricas salpicadas con abundantes xeneralizacións abstractas, non probadas e fóra dun contexto inmediato. Ó observador imparcial quédalle a impresión de que se quere buscar un chibo expiatorio do suposto derrubamento moral de España, argumento utilizable para atizar as contendas políticas, actuais e vindeiras. Mais non debemos caer no hipercriticismo catastrófico, senón analizar con cabeza fría todos os andares e recantos do edificio da nosa actual democracia. Interésanos ollar de fronte a dimensión real dos problemas e discernir as causas inmediatas desta situación que parece específica deste instante español na súa extensión e profundidade, sen distraernos con grandes disquisicións históricas aínda que conteñan elementos aclaratorios das raíces herdadas.

A construción social dunha moral, individual e colectiva

A situación actual é totalmente nova. A ética e moral do capitalismo actual case nada teñen que ver coas do capitalismo inicial nin coas grandes relixións. É un esperpento ridículo pensar que a corrupción de empresarios, banqueiros, políticos, sindicalistas, xuíces e outros persoeiros públicos ou privados provén de acudir ó confesionario para descargarse de responsabilidades civís, e logo seguir como se nada ocorrera. Os articulistas esquecen que, polo menos teoricamente, a confesión tamén esixe propósito de emenda. Esa imposible imaxe esperpéntica dunha ringleira de corruptos correndo cara ó confesionario, vale para un gran sainete sarcástico, mais non para analizar a situación da España actual. Nun contexto de pluralismo ético-moral fragmentado, polivalente e ambiguo, o capitalismo global avanzado xa acadou a súa lóxica e dinámica propias e autónomas, é dicir, xa desenvolveu os seus hábitos de actuación e as súas regras de xogo presuntamente razoables e científicas. Esta evolución pode comprobarse de modo especial no capitalismo financeiro, favorecido polas formidables tecnoloxías actuais de comunicación e de manobras en tempo real.

A parte da herdanza franquista cargada de moitas malos costumes, na España democrática tamén arraigou outro fenómeno peculiar que explica un considerable fardo de corrupcións: toda a política converteuse en plutocracia e partitocracia, e esta levou a un intervencionismo que, para ben ou para mal, chegou ata ó último recanto da vida pública e privada dos cidadáns. Como ocorreu? Entre outras maneiras supostamente benéficas, baixo a forma de subvencións e dádivas discrecionais; e este mecanismo xeneralizado levou a que multitude de persoas, asociacións, organizacións e empresas de diferentes tamaños acabasen sendo favorecidas, mais tamén dependentes e submisas ós benfeitores das institucións públicas. Moitas desas entidades privadas son incapaces de funcionar agora sen subvencións. E como consecuencia desta dinámica reverdeceu con forza a picaresca en dobre dirección: de abaixo para arriba recadando relacións propicias para conseguir axudas e prebendas; e de arriba para abaixo concedéndoas, moitas veces, selectiva e discrecionalmente para lograr clientelas e lealdades permanentes. Contamos con centos de casos, aínda que, para non caer en demagoxias, será necesario verificar a magnitude e ramificacións dese fenómeno social. A modernización de España, indiscutible en moitos aspectos, trouxo tamén determinadas derivas perversas que borraron a raia entre o xusto e o inxusto, entre o legal e o ilegal.

Deixando aparte as grandes especulacións teóricas, e desde unha perspectiva máis modesta, podemos insistir na mesma cuestión: ¿como foi posible que, nun contexto democrático e nun prazo relativamente breve, se acumulase unha rede corruptelas estendidas ata converterse supostamente en estruturais e sistemáticas? Os indicadores ata agora visibles da corrupción apareceron ó rente dos cumios nalgunhas organizacións e institucións políticas, sindicais, empresariais e xudiciais, sen esquecer que esa cadea tamén se estendeu a outros estratos sociais máis baixos. Como foi posible esa dinámica e a esa escala?

Busquemos algunhas hipóteses sobre esa corrupción sistémica da sociedade española: a ética e moral autónomas do capitalismo global foron asimiladas polo capitalismo local. Na España democrática tamén se construíu un sistema de poderes concentrados en monopolios, duopolios e oligopolios sen contrapesos nin controles suficientes; e as normas de transparencia existentes parece ser que non se cumpriron. Sabemos, ademais, que esa concentración de poderes, cando lles convén, facilmente se poñen de acordo.

A pregunta inicial pola moral da corrupción cerra así un círculo completo. Na rompente das Españas acumúlanse toda unha serie de lamentacións e interrogantes: como saír desta situación? Uns queren varrer a toda clase política e as súas comitivas, saltándose as actuais regras democráticas; outros buscan a forma de desbloquear os actuais partidos para renovar a clase política, pechada e reprodutora de si mesma, valéndose dalgúns cambios estratéxicos, como poden ser as listas abertas, a reforma das circunscricións electorais, a nítida separación de poderes, etcétera. Darán eses pasos os actuais detentores políticos? Velaí a cuestión, velaí o reto.

Por convicción ou por comenencia os dirixentes políticos actuais deberán dar eses pasos inmediatos e sucesivos, porque todos teñen, todos temos, moito que perder, mesmo os cidadáns que están na peor situación. O que está en cuestión, tanto a curto como a longo prazo, é unha ética da democracia, un estatuto moral das persoas que se dedican a política como servizo público, ese rol social que hoxe está diluído e baixo sospeita. Sen esquecer, ademais, unha rexeneración necesaria de todos os estratos sociais. Se da crise actual logramos un cambio de actitudes e comportamentos, daremos un gran salto na convivencia democrática e civilizada. Os dirixentes políticos teñen que empezar por ofrecernos o mellor de si mesmos, da súa racionalidade, do seu sentir e actuar, sen espectáculos estériles.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES