Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diario DC: Nimbos de poesía

jueves, 06 de marzo de 2014
Diario DC: Nimbos de poesa O pasado venres día 28 de febreiro presentouse nas dependencias da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a remasterización do documental Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía, un acto ao que asistiron as autoridades culturais e educativas e mais o guionista e director do vídeo, o xornalista lucense Xulio Xiz Ramil.

A historia de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía remóntase a 1987 cando, pouco despois de nacer a produtora Ophiusa SL (que botara a andar no outono de 1986), Xiz Ramil decide realizar un traballo videográfico dedicado ao poeta guitiricense, o primeiro que se levou a cabo en Galicia sobre un poeta vivo e que contou coa colaboración do cámara e realizador Carlos Rodríguez e a montaxe de Francisco Nieto.

Con tal motivo, ao longo dese ano estivéronse a gravar localizacións para o documental en lugares decisivos na vida do escritor, como o seu Guitiriz natal, o Mondoñedo do Seminario de Santa Catarina onde estudou de mozo ou a cidade de Betanzos, na que foi distinguido cos Xogos Florais de 1946.

O traballo ten o valor de ser a máis ampla fonte de recursos videográficos sobre o escritor, pois nel aparece reiteradamente e mesmo recita algúns dos seus máis coñecidos versos, como o célebre “Penélope”.

A primeira proxección pública do vídeo estaba pensada para o nadal daquel 1987, data na que ía ter lugar unha gran xornada dedicada ao poeta, que incluía tamén a presentación do libro Homenaxe a X. M. Díaz Castro (1987) editado por Xermolos. Por tanto, para entón xa estaba rematado, aínda que o certificado de cualificación do Instituto de Cinematografía e das Artes Visuais do Ministerio de Cultura é do 11-7-1988 e a remisión das copias preceptivas ao DL do 3-10-1991 e aquel certificado especificaba que o seu remate fora o 30 de setembro.

O caso é que o vídeo se divulgou editado por Ophiusa coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con DL de 1991, aínda que, reitero, xa estaba listo a fins de 1987, como o propio Xiz Ramil se encargou de explicar nalgún artigo.

Tanto o vídeo coma o volume Homenaxe… foron ao final presentados por vez primeira en Lugo, no Salón Rexio do Círculo das Artes, o 29 de xaneiro de 1988. Desafortunadamente, a convalecencia á que o autor estaba sometido por mor do seu recente ataque cardíaco impediulle estar presente naquela ocasión. Mais non por iso o acto ficou desasistido, pois interveu nel na súa representación seu irmán Serafín, ao que acompañaron Manuel María e Blanco Torrado como oradores e Xiz Ramil como mestre de cerimonias, Benxamín Casal na presidencia e algúns outros representantes da administración cultural.

Diario DC: Nimbos de poesíaA segunda das presentacións, acompañada da correspondente proxección do vídeo, foi en Santiago, na Aula de Cultura do que daquela era Caixa Galicia, o 25 de febreiro de 1988. Para a ocasión, e visto que o poeta seguía convalecente, presidiron a mesa de oradores Ricardo Carballo Calero, encargado de glosar a vida e obra do poeta; Luís Cordeiro, Vicepresidente do Parlamento e fillo de Manuel Cordeiro, vello profesor de infancia de Díaz Castro; Xiz Ramil, quen novamente actuou como organizador ao tempo que presentaba o documental, e mais tamén Blanco Torrado. Entre o público asistente estaban outros amigos e admiradores da súa escrita, como Uxío Novoneyra e Ramón Piñeiro.

Estas dúas presentacións do libro e mais o vídeo suscitaron incondicionais adhesións entre a intelectualidade galega e non tardaron en aparecer diversos artigos saudando as publicacións escritos por Carballo Calero, Xosé Ramón Pena, Xesús Rábade Paredes ou Nicanor Rielo Carballo.

Porén, o poeta non acabou de ver aquela achega sobre a súa produción ata aquel verán e, no marco das actividades previstas para a celebración do IX Festival de Pardiñas, o 7 de agosto de 1988, estivo xa presente na que foi a primeira proxección e comunicación pública da saída tanto do libro Homenaxe… coma do vídeo en Guitiriz, nun acto na Casa das Artes que presidiu o entón Delegado de Cultura Xosé López Orozco e ao que tamén asistiu a súa dona e innumerables amigos: Fernán Vello (pregoeiro aquel ano do festival), Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez, Paco Martín, Felipe Senén ou organizador Blanco Torrado e mais Saleta e Manuel María.

Con posterioridade a esta data, Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía gozou aínda doutras proxeccións públicas importantes, como a que se organizou o 21 de abril de 1990 para homenaxear o poeta na súa vila ou, unha vez finado este, a que se realizou no Seminario de Mondoñedo o 22 de novembro dese ano coa asistencia de Félix Villares, Manuel María e o autor do documental como oradores para a ocasión.

Agora todo o mundo poderá achegarse a este Xosé María Díaz Catro. Nimbos de poesía mercé á remasterización que se levou adiante con axuda institucional, pois era xa de moi difícil acceso tanto polo arredado da data de publicación (hai case un cuarto de século) coma polo feito de permanecer nun formato (o vhs) hoxe en desuso.

Os que queirades ver e oír a Díaz Castro e coñecer mellor algúns dos espazos relevantes da súa vida e obra podedes facelo tanto a través da páxina da Consellería coma das plataformas Youtube e Vimeo, onde se atopa o documental íntegro. Os meus parabéns para Xulio Xiz por esta moi oportuna recuperación no Ano Díaz Castro.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES