Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fiadeira

martes, 25 de febrero de 2014
Ao chegar a corisca encapotábase o ceo, xa metidos no inverno, o escurecer caía á media tardiña. Os labregos entre luscofusco, arrancaban uns brazados de palla do palleiro, estraban con ela as cortes, enchían os pesebres con herba seca, nabos, herba verde…, para a cea do gando -as rubias, cos seus cornos retorcidos, metían as cabezas polas cambeleiras para comeren- que viñera de pacer do monte ou das devesas, mollado, agardando a cea, mentres quecían as cortes.

Metían a leña da aira para cocer o caldeiro dos cochos, para a lareira, estelas de carballo e raíces de uz para que aguantaran da brasa naquelas longas noites.

A dona, abríalles o cortello aos cuxos para que saíran mamar, tiráballes unhas verzas aos coellos e uns grans ás pitas para que subiran ao poleiro, e pecháballes a trapela. -as pitas subían pola escada de pau, e metíanse dentro polo fachineiro da parede-, muxía, facía o queixo e atendíalle á cea na lareira.

No arrimado, gobernado polo amo, estábanse cocendo no caldeiro -pendurado pola armela e a gramalleira do guidastre de madeira- para os cochos da ceba, landras, castañas, patacas, navos, verzas, remolachas…, farelo… -De cando en vez, ao empezar a ferver, ía remexendo o caldeiro cunha vara de caxigo, para mesturar ben e impedir que se queimara no fondo-. Xa cocido, deixábao arrefriar; co cazo botábao no balde para baldeirárllelo aos cochos no maseiro onde o comían.

O amo, picaba os toxos, mazábaos co mazico enrriba do cepo de tres pés, para a besta e a burra, no pesebre botáballes tamén palla e herba seca. Adoitaban durmiren no pendello do forno -alí no pendello, gardábase o carro, os aveños, a artesa… pendurados das paredes en espeteiras de madeira, xugos, estrobos, adivales, angazos, gallitas, colmeiras, gateños, machetas; o cimbrón, a pa do forno, o rascadoiro para retirar as brasas, a vasoira de xesta para varrer a cinsa para a fornela…, os ferros e os aparellos da besta ou da burra- nun cortello dividido con chantos de xisto ou con táboas.

Xa posto, o amo, botáballes ás cabras e ás ovellas, revisaba que todas as portas quedaran ben trancadas -non foran entraren o raposo ou o lobo faceren das súas- e ía para a lareira, penduraba os apetrechos e botaba un pitillo.

O traballo do día, dábase por rematado, xa todos xuntos ao redor da lareira, ía sendo hora de rezar o rosario e poñer a cea na mesa.

Agardaba enrriba das brasas, un bo pote de caldo de grelos, cocido paseniño, con unto e touciño no pote de ferro fundido; soltaba un cheiro polo testo que abría as ganas de meterlle o dente, -na mesa non faltaba o touciño, o queixo feito na casa, manteiga, mel; unha xarra de viño, unha cazola de leite, auga do pozo, un bolo de centeo ou de trigo, castañas asadas, mazás, noces… -a dona, primeiro servíalles aos avós, logo aos cativos e ao amo que xa agardaban sentados, quedando ela para o final, sentando preto do pote e da lacena, por se faltaba comida.

Ao remateren a cea, a dona recollía a mesa -adoitábase deixar froita e viño para os que viñeran facer a fiada- e fregaba os cacharros. Mentres tanto o amo, dábase un borde por xunto dos animais, para ver que todo estivera en orde.

Os avós facían conta dos cativos, amosábanlles a ler ou montábanlles unha boa leria cos seus contos. Cando a ama remataba a frega, subía os cativos ao cuarto, arrolabaos un pouco para que durmiran, tapábaos ben e baixaba.
Naqueles intres, xa ían sendo cerca das dez; non tardaban en chamaren coa argola do postigo os primeiros veciños que viñan apetrechados coas rocas e os fusos para a fiada. Penduraban as zamarras e os puchos nos espetos tras da porta, e íanse arrimando para a calor da lareira. -a brasa de raíz de queiruga estaba rubescente, dela case non saía fume, unha que outra charamuza que se esfumaban pola cheminea- alumeada coa luz dos candís de gas.

As mulleres vestían os delantais, ían traendo as cestas de la e de liño, poñíanas arredor dos bancos, sentaban, botaban man das rocas e dos fusos, enrocaban a estriga, comezaban a fiar da roca e debandar o fío co fuso facendo o nobelo.

Ao carón xa estaba disposta e debandoira, -case sempre era a avoa da casa a que aturaba dela- agardando polos nobelos que ían saíndo dos fusos. Ataba a punta do fío a debandoira, facía xirar e ía enrolando as meas.
A troula xa estaba montada, as mulleres entre nobelo e nobelo pillaban das castañas asadas nas brasas ou da froita que andaba pola mesa. Eles, tiraban dos pitillos, bebían das cuncas de viño, meténdolle polo medio tamén castañas ou froita.

As mulleres, tiñan conta de taparen ben cos delantais os xeonllos. Eles, miraban de esguello axexando calquera descoido delas, para verlles as coxas. Aínda que elas, sentían pudendo dos homes, de cando en vez, alguha estricada de pernas non lles faltaba. Polo medio, entre conto e conto, unha que outra chiscada de ollo ben disimulada, procurando agocharse da espreita dos outros.

O conto, ía subindo de ton, encadeábanse as conversas, comezaban falando das cousas cotiás, logo contos de lobos e de homes medorentos que viñan de ver as mozas, espantados polo ouveo dos lobos, mesmo durmiran embaixo dos montóns de folla nas devesas agardando que se albiscara o amencer.

Xa que logo, saíra a conto o das mozas, nunca faltaba quen se gabara de ser o mellor cortesán, conseguindo das rapazas, non sei cantas fazañas. O Xaquín, -aínda que nin el o cría- contaba, que coa María -a do Reboreda- durmira unha noite no cuarto das gatas, gabeando pola ventá do alcouve; coa Anxélica -a costureira- víase a miúdo na súa alcoba mentres os da casa saían ás leiras, coa Rosa…

Non faltaba a crítica, a filla do Cancela, quedara en cinta do cura, tivera unha cativa que tiña as fazulas cravadíñas ao seu pai…, e apurara a casarse co noivo antes de que lle medrara a barriga. A viúva de Xan, andaba deitándose co fillo da Fornela, el saltaba de noite polo arrimado do forno, para quedar con ela na alcoba…

A la e o liño, o viño, as castañas e a froita, íanse esgotando; remataban as últimas estrigas, as meas contábanse a pares. Ía sendo hora de retirarse, vestír as zamarras e os puchos e tirar cada quen para a súa casa.
Xa de madrugada, cos fachicos acesos, aguantando a viruxe polas corredoiras, apuraban os últimos contos. Íanse despedindo uns dos outros diante de cada casa, aproveitando para botaren a última parrafada.
Puente Rico, Amador
Puente Rico, Amador


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES