Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na poesía de Díaz Castro: O nimbo de tódolos seres

lunes, 24 de febrero de 2014
O NIMBO DE TÓDOLOS SERES NA POESÍA DE DÍAZ CASTRO

O poeta guitiricense, Xosé Mª Díaz Castro, foi en vida autor dun só libro publicado en 1961 e titulado NIMBOS; mais bastantes outros dos seus poemas quedaron espallados en diferentes revistas literarias que están sendo recuperados e comentados por diferentes persoas. Esperemos que neste ano 2014, en que foi nomeado facho iluminador das letras galegas, esa tarefa de reconstruír a súa biografía e a súa obra literaria completa acade unha meta satisfactoria.

Ó comezo do seu libro o poeta dinos:

“SI é que o poema é un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles as cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro seguen sendo en non se van xa máis,
das sombras que xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo equí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño”.

Como vemos, o poeta danos nestes versos unha sinxela e lírica aproximación ó que entende por NIMBOS, que son coma unha luz que teñen todos os seres da creación, os que foron reais ou soñados, os que son materiais ou espirituais, grandes ou pequeniños, os que serán na realidade, na imaxinación, no sentir e no pensar dos seres humanos. E dicir, a idea de NIMBO ten un alcance metafísico que acompaña a todo ser, a todo “Ente” como dicía a metafísica tradicional; e de aí nace a súa transcendencia e a admiración humana ante todo o existente.

Podemos dicir algo máis sobre OS NIMBOS? Se consultamos o Dicionario da Real Academia Galega (RAG), dinos que NIMBO é unha coroa ou aureola luminosa arredor da cabeza de Deus, dos anxos, dos santos e dos obxectos sagrados. Aquí temos unha primeira resonancia de tipo relixioso. Tamén nos din os académicos galegos que o nimbo é un círculo luminoso que se observa arredor de certos corpos celestes, como o nimbo da lúa; e así temos unha referencia a natureza e o cosmos. Os expertos académicos rematan informándonos de que a palabra NIMBO ten como sinónimos aureola, coroa, circo, halo e limbo. A RAE (Real Academia Española) engade que a verba ven do latín “nimbus”, nube ou tormenta de chuvia; e dinos ademais que nalgunhas moedas, con cabezas de emperadores romanos, había un círculo ou nimbo. Aquí atopamos unha referencia ó poder imperial deificado.

A referencias ó mundo relixioso, á natureza cósmica e ó poder establecido na sociedade supón unha sacralización selectiva de determinados seres; mentres que os NIMBOS pregoados polo poeta Díaz Castro universalizan esa cualidade de transcendencia a todos os seres presentes, pasados ou futuros, inmensos ou pequeniños. Todo é un destello de luz de todo o existente.

Todas estas referencias, nunha sociedade secularizada e en transo de mundializarse, puideran soar a experiencias e ideas arcaicas e obsoletas. Mais se ollamos atentamente algúns movementos da cultura chamada posmoderna, afloran, baixo diversas formas seculares ou de sucedáneos relixiosos, algunhas novas experiencias, sentimentos e conceptos ligados á natureza e á psique humana, tal como un fluxo de enerxías especiais ligadas a determinados lugares, obxectos, árbores, animais, persoas e personaxes. Algúns grupos exóticos, algunhas seitas supostamente relixiosas e incluso algunhas organizacións con pretensión de ser científicas, cultivan esa corrente de enerxías misteriosas. Trátase de novos panteísmos raianos na superstición? Son pescudas dun submundo de forzas inexploradas? É unha transposición ecolóxica e secular da visión dos NIMBOS? Sen dúbida que estamos ante unha difícil tarefa de discernimento.

Mais esta concepción dos NIMBOS de Díaz Castro nada ten que ver con elementos parapsicolóxicos nin supersticiosos, senón que nace dunha visión relixiosa ben formada que dá a cada ser, material ou inmaterial, un lugar dentro do cosmos. Esta visión nace certamente dunha raíz relixiosa, pero está fundada nunha relixiosidade racionalizada que se universaliza, sublímase, faise transcendente e ata certo punto secularízase, para converterse nun atributo universal e nunha tarefa de responsabilidade para cada persoa e para toda a humanidade. Nada é irrelevante nin desprezable, todo ten un sentido de algo e para algo. O poema “Esmeralda”, situado no apartado de poemas titulado LUS, é un bo exemplo para sinala-la transcendencia do máis aparentemente insignificante:

“Herba pequerrechina
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
por que de ser pequena
te me avergonzas de ti?
O universo sería
máis pequeno sen ti!”.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES