Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Veiga do Chao e os Cacharreiros de Bonxe

miércoles, 12 de febrero de 2014
A Veiga do Chao e os Cacharreiros de Bonxe

A Veiga do Chao, exténdense entre a agra de Fontemaior, o Picato, as rozas de Vilar e a vila do Granxo polo sur. As rozas de Sobrada, a Fonteíña e Bonxe polo norte, no concello de Outeiro de Rei.

Na Súa parte máis alta, fórmanse dúas vertentes de moi pouca pendente que constitúen o nacemento de dous regatos pequenos. O rego de Bullas arroia as augas ata o río Lea polo noreste e o rego do Granxo arroia cara o suroeste, desembocando no rego de Pías en Silvarrei.

A cunca que lles aporta a auga aos regatos é moi pequeña, polo que os escorregadoiros apórtanlles escaso caudal, mesmo quedando seco ao final do estío o rego do Granxo. A vertente do noreste conta na súa parte máis alta cun importante manancial que lle aporta auga aínda no estío cando a Veiga xa queda seca.

A morfoloxía do terreo é moi chá na Veiga, polo norte unha suave e alongada elevación do terreo en pendente. Polo sur, terreos case chans: agra de Fontemaior, Rozas de Vilar e o Granxo; os outeiros do Picato, o Castelo e a Pena do Raposo.

A xeoloxía está dividida en dúas partes ben diferenciadas: polo norte, rochas metamórficas de xisto, coios de cuarzo e barro, soterrados embaixo de terreos fértiles ou formando a gándara das rozas. Polo sur, penas de rocha intrusiva de granito griseiro, alguhas pardas nos outeiros e tamén esparexidas polas peadas.

O solo ácedo de xabre procedente da erosión do granito en superficie, forma as terras de monte e de cultivo. Entre ambas, a Veiga do Chao, solo de barro de cor pardo griseiro, formando unha capa superficial de entre un e tres metros. Sedimento moi compactado, sensibel a expandirse polo efecto da humidade -este solo case impermeable impide que as augas se filtren ás capas inferiores, formando as táboas na superficie chá-

Ata fai unhos corenta anos, a Veiga alagábase no inverno e desde os outeiros do sur podiamos ver as táboas de auga que formaban a lagoa enriba dun solo moi chá e de escasa profundidade -en ninguha parte alcanzaba o metro- de forma alongada e estreita, unhos cincocentos metros de longo por unhos cento cincuenta na súa parte máis ancha.

Na charca, cando deixaba de chover con certa intensidade, a auga deixaba a veiga e só quedaba nos regatos. Coa humidade que gardaba o solo, moi ácedo, frío e sen nutrientes de nitróxeno, aínda que ben solealdo e abrigado pola pequena encosta do norte; ao chegar a primavera medraba a árnica en abundancia -herba moi aprezada da que recolleitabamos a súa flor de cor amárela cun cheiro moi singular, para macerar con aceite e ampregala para curar as mazaduras por golpes ou escordaduras, ou ben para secala ao Sol e vendela-

A flora na Veiga, era diversa, ademais da árnica medraba a herba brañenta que aproveitaba o gando -en maior parte as bestas que andaban ceibes cunha pexa nun dos pés ou ben con soltas de ferro para que non se escaparan. Nas leiras de cultivo abundaban as papoulas, fabas lobas, samargos, serradelas, gramas, margaritas...

Ao redor da Veiga, aínda na lameira chá, medraban as carpazas coa súa flor rubela e branca, e os toxos co seu amarelo intenso da chorima. Nas partes do terreo máis elevadas medran, salgueiros, bidueiros, ameneiros, carballos, castiñeiros e piñeiros. No sotobosque, acivros, sanguviños, esterpes albares e mouros, abruñeiros, sabugos, uces albariñas con flores brancas e mouras con flores rubelas, xestas, bruscos, fientos, abrótigas, balocas, hedras e madreselvas rubideiras, moitas silvas ...

O arboredo produce cantidade de froitos que ao maduraren can ao chan e quedan entre as follas conservándose un tempo na frescura, permitíndolles aos animais alimentarse durante parte do inverno. Máis importante se cadra, son os froitos do sotobosque, gran cantidade de bagas que maduran no inverno, aportándolles importantes nutrientes sobre todo ás aves. Na follada das árbores caducas, fórmase un hábitat moi propicio para o desenvolvemento de gran cantidade de microorganismos que cuntribúen dunha maneira decisiva a descomposición da materia orgánica nitroxenada.
Diversidade de fauna terrestre vive na Veiga e arredores: ras, sapos, lagartixas, lagartos, pinchorras; teipas, ratos, leiróns; grilos, vagalumes; víboras, culebras, donicelas, esquíos, orizos, coellos, lebres, xinetas, porcoteixos, raposos e lobos -agora tamén xabarís e corzos-

Son tamén moi diversas as aves que viven ou veñen doutras latitudes pasar a tempada a Veiga: perdices, paspallais, pegas, rebordás, corvos, merlos, gorrións, paporrubios, lavercas, carrizos, petos, tordos; bubelas, rulas, pombos, estorniños, andoriñas, avefrías, garzas, parrulos, galiñolas; aguias, falcóns lagarteiros, curuxas … -agora tamén cegoñas-

A Veiga do Chao, e os seus arredores, son un importantísimo espazo medioambiental, donde, como fun describindo hai unha gran diversidade de flora e fauna. Mágoa que anos atrás drenaran a saída das ugas e hoxe xa non se pode ver a táboa de auga na superficie. Esta actuación dos campesiños, para aproveitar as barreiras e facer prados, fixo case desaparecer a flora autóctona na parte que se alagaba.

Cando eu era pequeno, meu avó aos aterdeceres, levabame ao alto do campo, para amosarme a fermosura da cor de prata da auga que cubria a Veiga, escoitar o intenso croar das rás e de volta para a casa, -caendo xa a noitiña- escoitabamos cantar as curuxas e mesmo de cando en vez podiamolas ver saír voando dos seus agochos; enseguida eran os raposos os que daban os primeiros ladros, ao mesmo saíren das covas subianse enriba dunha pena para defecar despois de aguantaren todo o día agochados.

No meu maxín ainda está presente a xistra das treboadas, sempre as viamos vir desde a Serpe, e en poucos minutos xa andaban enriba de nós.

Ao escampar, quedaba unha fermosa combinación de cores, formada polo reflectir da luz. Acendía no Ceo o Arco da Vella; sempre por riba da Veiga do Chao, perdéndose máis aló do Picato. Máis dunha vez, tiñanse formado dous e ata tres Arcos da Vella ao mesmo tempo, debuxando no Ceo unas imaxes inesquecibles pola súa beleza.

Perdéronse tamén os pasos -chantos de xisto, coios de cuarzo ou perpiaños de granito que estaban colocados deitados enrriba do chan, separados entre si, formando ringleiras que servían para pasar a pé cando a Veiga estaba asolagada- os únicos sitios por onde atravesar a Veiga sen encher os zocos de auga, xa que nela non había pontellas. Abeirando os pasos, estaban as rodeiras dos carros e os carreiros das cabalarías que cruzaban pola auga, pero diso, xa non queda nin rastro.

Seguro que vos teño ben despistados, o dos Cacharreiros de Bonxe, vén á conta, xa que tiñan unha estreita relación coa Veiga do Chao. Pois ben, embaixo mesmo do terrón e abeirando a Veiga polo Sur, eles -os Cacharreiros- tiñan o seo tesouro -gran cantidade de barro para facer cacharros-

Durante séculos, da Veiga extraeran todo o barro preciso para moldear no torno os cacharros, logo secalos ao ar e cocelos. A leña para os fornos tamén procedía dos terreos das propias barreiras -básicamente carpaza e toxo- o que facía que o monte estivera pelado polo aproveitamento masivo do seu recurso vexetal.

O procedemento empregado para arrancar o barro era manual, moi sinxelo, pero requería gran esforzo físico. Tiñan que cavalo con picos -o barro sedimentado estaba moi compactado e duro- e cargalo con pas nos carros desde o fondo da barreira.

A barreira facíana cavando primeiro o terrón, quedaba amontoado nunha beira esquecido sen aproveitamento. Por iso, a Veiga tamén se coñece co nome das barreiras de San Lourenzo, porque o terreo é propiedade dos veciños desa parroquia.

Había tal cantidade de barreiras que o monte estaba todo cheo de buracos e moreas de terróns. No inverno as barreiras asolagábanse, polo que os Cacharreiros arrancaban o barro na época do estío.

As barreiras transformaran de tal maneira a paisaxe, que aquilo parecía máis ben un campo de pequenos cráteres doutras latitudes. O camiño que atravesaba as barreiras desde Sanfiz a San Lourenzo mesmo ía serpeando os buracos para apartarse deles. Hoxe non hai nin unha soa barreira aberta, todas foron achaiadas para transformar o terreo e prados.

Non só os Cacharreiros utilizaban o barro. En todas as construcións dos arredores, os Canteiros e Pedreiros usaban o barro das barreiras, amasado para rechear as paredes nos ocos que ían deixando no seu interior as diferentes mamposterías da contorna ao paredaren os muros -A masa mesturábana no chan coa roda, botábana enriba dunha lousa, na cabeza poñían unha rodela de tea de saco, para subila á parede gabeaban por unha escada de madeira-

Os Cacharreiros de Bonxe, elaboraron os cacharros de barro desde o século XVII. Foran tan coñecidos que os seus cacharros fixeron historia, dándolles na comarca Chairega un alto recoñecemento pola calidade e as características de elaboración dos cacharros feitos por eles. Barreños, botixos, cazolas, cacheleiros, fontes, tarteiras, chocolateiras, nateiras, queixeiras, pucheiros, cuncas, pratos, xarras, olas, sellas… Estaban en todas as espeteiras e lacenas das lareiras da ampla Chaira e arredores.
Arreaban as bestas á media noite, saían con elas cargadas, cabalgando noutras nas que poñían menos cacharros. Camiñaban horas de noite polas corredoiras atravesando os regueiros ata chegaren ás feiras para veder os cacharros. Non sempre tiñan a sorte de chegaren con eles enteiros, máis dunha vez víranse sorprendidos polos ladróns que os agardaran a espreita nas saídas dos lameiros das fondas corredoiras. Tampouco non lles faltaban ás bestas as espantadas do lobo de cando en vez, escacharrando a mercadoría ao escaperen do perigo.

Agora que estou escribindo este artigo, quero dicir que en Bonxe xamais houbo “ceramistas” o mesmo que tampouco houbo “cerámicas”. Aos de Bonxe sempre se lles chamou polo seu nome “Cacharreiros” e aos seus productos “Cacharros” É unha mágoa ver que desde diferentes organismos públicos patrocínanse folletos falando de “Cerámica de Bonxe” ou “Oleria de Bonxe” mesmo poñendo nos sinais da estrada nomes incorrectos.

Contabame meu avó que cando cadraban a feiras en Meira, a Fonsagrada ou Castroverde, aló pola media noite espertaban ao sentiren ladrar os cans; eran os cacharreiros que subían aguilloando as bestas pola Corredoira da Ferraña, pasaban polo curral da casa e pillaban no Espenizás o Camiño Real cara aos montes da Serra de Montecubeiro.

Unha daquelas veces -contan as malas linguas- a noite era escura e a xistra varría as carpazas facendo que soaran con música de inferno. Cando os cacharreiros atravesaban pola Pena de Hedra, ao pé da Capela dos Remedios un tal Alfonso, que estaba agoirando detrás do Peto das Ánimas, espantoulles as bestas. As bestas fuxiron, escapando do espantallo e esnaquizaron os cacharros polo chan.

O imbécil do Alfonso armou unha boa, un dos cacharreiros fixo conta como puido das bestas, os outros foron tras do Alfonso. Saltaron valos e fragas ata a Cañota -a unha legua de distancia- Alí no Lamón, atraparon ao bo do Alfonso, sen folgo, agochado na gabia do valo embaixo da silveira.

Fixéronlle un bo traxe á medida, que o deixou mallado e meteuno na cama máis dun mes para curar as mazaduras.

Xa era de mañanciña cando os Cacharreiros lle fixeran xustiza ao espantallo, e voltaran á capela. Aquela feira xa se lles arruinara e tacáballes retornar para Bonxe. Aínda así antes de dar a volta, pillaron do chan un anaco dos cacharros esnaquizados e escribiron nunha lastra de rocha: “o sangue do espantallo cambioulle a cor ao seu pantalón”.

Fora o de Cacharreiro un oficio ben escravo, non exento de desgrazas, pero moi querido por eles; aínda máis pola boa sona que polo rendemento económico que lles aportaba, pois non ía máis aló de darlles para comer, criar as bestas e ferralas para percorrer os camiños cheos de cantos. Isto queda de manifesto, só con ver que non quedan nin vestixios da súa actividade, máis aló dunhos poucos cacharros gardados como recordo ou esquecidos nos pendellos.

Nas últimas cinco décadas desapareceron todos os cacharreiros, quedando soa a Pepa, a gran Mestra que mantendo viva a última cacharraría de Bonxe fai que non se esqueza un dos más antiguos oficios da comarca.
Puente Rico, Amador
Puente Rico, Amador


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES