Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourensanía no Lhardy

lunes, 03 de febrero de 2014
Os que saben do meu compromiso persoal con este concepto, non precisan que lles explique qué é o que significa o mesmo, porque a forza de seren testemuñas, exemplo tras exemplo, teñen a súa definición interiorizada e saben que a miúdo non hai que explicalo con palabras, senón -como din os nosos irmaus porgugueses- con 'sucessos'.

E un 'sucesso', no sentido máis positivamente luso da palabra, foi o que me aconteceu a min e a tres amigos meus que reparten a súa patria primordial entre a aberta, atlántica e teldense Gran Canaria e o Orozco verde, recollido e vizcaíno de Blas de Otero e comparten os afectos recíprocos comigo mesmo, e cos que tiven a fortuna -digo ben, a fortuna- de ir cear nantronte pola noite ó elitista restaurante Lhardy madrileño, onde a raíña dona Isabel de Borbón perdeu, máis dunha noite de castiza 'jarana' decimonónica, o seu xustiño e onde aínda hoxe se dan cita semanal e exclusivista ilustres de todo tipo, dende políticos de oriente e de occidente ata escritores de espada de dobre fío e de academia, que, ademais de iren xantar a onde saben que a calidade é unha obriga, aproveitan para reviviren -da man dun ourensán- a historia intrínseca dos 175 anos que ó estilo da mesmísima Porta de Alcalá o restaurante ten visto pasar por diante súa pola Carreira de San Jerónimo, a moito menos da carreiriña dun can do Congreso dos Deputados.

E digo que aproveitan para reviviren a historia desta España invertebrada (nestes tempos de balbordo territorial centrípeto, case sería máis xusto cualificala de 'cosmopaleta'), porque alí está para contárllela, ó máis puro estilo da ourensanía, o ourensán da Veiga do Bolo, Pedro Sánchez, a quen -como non podía ser doutro xeito- empracei para vérmonos en Celanova nos meses de verán co fin de poder devolverlle un mínimo da hospitalidade e do afecto que el nos regalou, moito máis alá do que se poden profesar dous recén coñecidos, porque -probablemente por máis que el nunca escoitara falar do neoloxismo- leva interiorizado o xen da ourensanía.

Unha ourensanía que lle permite contar, con tanta dose de humildade como de dignidade sincera, cómo a súa vida está ligada ó Lhardy en dúas etapas ben diferentes -logo de probar unha aventura empresarial fallida-, como falar con documentada propiedade sobre a presencia de Azorín, Pérez Galdós ou Benlliure nos distintos comedores do edificio ou describir os impulsos fotográficos de Hiro Hito, e mesmo relatar -como quen non quere a cousa- as súas brincadeiras con Giscard D'Estaing, porque 'o home debía sentirse cómodo co meu francés' -engadín eu para os meus adentros- da ourensanía.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES