Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un mundo tripolar? (II)

miércoles, 29 de enero de 2014
2. Perspectivas 2014
2.1 Xapón e a confrontación en Asia-Pacífico
O avance e a paulatina consolidación política dunha tendencia nacionalista e “dereitista” en Xapón, concretada en particular na visión da política exterior e da seguridade do goberno de Shinzo Abe (Partido Liberal Democrático, PLD), leva a considerar diversos escenarios de tensión no delicado equilibrio estratéxico en Asia-Pacífico, articularmente con respecto a China e a península coreana.
Un caso esencialmente significativo foron as eleccións á Cámara Alta de Xapón celebradas a mediados de 2013, e gañadas comodamente polo PLD. Na súa proposta electoral, Abe defendeu a modificación do artigo 9 da Constitución, que preceptúa o carácter pacifista do Xapón da posguerra. Nesta proposta, o PLD contou co apoio parlamentario doutras formacións (Partido Restauración do Xapón e o Partido de Todos) aínda
que non coa maioría no Senado necesaria para cambiar a Constitución e propiciar unha política de rearme e de impulso á intervención exterior das Forzas de Autodefensa xaponesas.
Esta perspectiva política do goberno de Abe de propiciar o rearme xaponés ten un considerable impacto no delicado equilibrio existente en Asia, onde o aumento do gasto militar é notorio nos últimos anos. A preocupación intensifícase ante as tensións emanadas do goberno de Abe no relativo ás reclamacións de soberanía con China (illas Senkaku/
Diaoyu) e Corea do Sur (illas de Takeshima/ Dokdo), sen esquecer o potencial conflitivo cunha Corea do Norte con capacidade nuclear e cunha nova dirixencia, en mans de Kim Jong-un, que amosa un claro pretorianismo militar. Escenarios de conflito onde, inevitablemente, verase involucrado EUA, cunha estratexia rexional que semella basearse na configuración da Asociación Transpacífica (2011), condimentada co reforzamento da súa alianza estratéxica con Xapón e a pretensión xeopolítica de contención de China.
Os intereses militaristas do Xapón de Abe están dando pasos a nivel rexional, incrementando as preocupacións estratéxicas sobre o aumento do perigo de conflito en Asia. Filipinas manifestou a súa disposición por achegarse militarmente a Xapón e por invocar o Tratado de Defensa Recíproca que mantén con EUA, un aspecto particularmente preocupante tendo en conta as controversias no Mar de China meridional que enfron-
tan a Pequín con Vietnam, Filipinas, Malaisia e Brunei. Todo isto sen descartar a histórica confrontación entre China e India, na que se inclúe a Paquistán, todos eles con capacidade nuclear estratéxica, e o potencial caudal de inestabilidade en Afganistán e Asia Central.
A proposta de Abe por desenvolver unha política exterior “independente” e “normalizada”, claramente orientada á revisión do Tratado de Defensa subscrito por Xapón con EUA en 1960, implica claramente dar acubillo a unha posición autónoma de Tokio en materia de defensa, superando así a preponderancia da “Doutrina Yoshida” imperante no Xapón da posguerra, e que apostaba porque a seguridade xaponesa quedara en mans de Washington, concentrándose o país nipón no desenvolvemento económico.
A pesar da oposición por parte dos partidos pacifistas e de esquerda, esta perspectiva “independente” en materia de defensa comeza a gañar apoio na sociedade xaponesa, así como en diversos círculos políticos en Tokio,
ansiosos de propiciar un papel mais preponderante de Xapón nos asuntos internacionais que paulatinamente acabe coa súa condición estritamente “pacifista”.
Neste sentido, o punto chave radica no fortalecemento tecnolóxico das Forzas de Autodefensa e na modificación constitucional do artigo 9. Xapón, aínda apegándose á súa condición de potencia “pacifista”, posúe
un dos maiores orzamentos militares a nivel mundial, só por detrás de potencias como EUA, China, Gran Bretaña ou Francia, razón pola que o goberno de Abe defende a pretensión de converter a Xapón nun líder militar rexional. Esta ambición derívase claramente da estratexia de contención e disuasión cara China, perspectiva diametralmente apoiada
por Washington, que comeza a observar con maior atención as demandas “militaristas” do Xapón de Abe.

2.2 A evolución de Irán e o litixio nuclear
A vitoria do reformista moderado Hassan Rouhani nas eleccións presidenciais iranianas de xuño de 2013 salientou dúas variables de relevante peso estratéxico. A primeiracabe relacionala co remate da etapa presidencial do seu antecesor Mahmud Ahmadíneyad (2005-2013), prolífica na radicalización do enfrontamento con Occidente e Israel polo alcance do programa nuclear iraniano. En segundo lugar, con Rouhani no goberno, Teherán deu paso a unha histórica distensión con EUA, consolidada a finais de novembro en Xenebra (Suíza), cun acordo co G5+1 sobre o uso civil do programa nuclear iraniano.
Existen enormes expectativas sobre a posibilidade dunha viraxe política en Irán que, consecuentemente, implicará unha evolución nas súas relacións con Occidente e na configuración dun novo equilibrio xeopolítico
e militar rexional. O reinicio de Rouhani do diálogo coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e co G5+1 (EUA, Gran Bretaña, Rusia, Francia e China mais Alemaña) permitiu ao presidente estadounidense Barack Obama admitir o dereito de Teherán para proverse do enriquecemento de uranio para fins civís, ao nivel do 5%.
Esta conxuntura activou unha inédita distensión entre Irán e EUA. En setembro de 2013, Obama realizou unha histórica conversa telefónica con Rouhani, toda vez o seu Secretario de Estado, John Kerry, reuniuse en Nova York co ministro iraniano de Exteriores, Mohamed Javad Zarif, durante unha reunión do G5+1. Neste clima de distensión e “desxeo”, Washington incluso pediu perdón a Irán polo apoio da CIA no golpe de Estado contra Mohamed Mossadeq (1953) mentres recoñecía a este país como a única vítima dos ataques con armamento químico cometidos
polo réxime de Saddam Hussein durante a guerra Irán-Iraq (1980-1988)
Pero a evolución de Irán baixo Rouhani non se limitará exclusivamente ás súas relacións exteriores ou ao contexto xeopolítico rexional. A estrutura de poder en Teherán impón igualmente delicados equilibrios a Rouhani, basicamente no relativo ás súas relacións coa teocracia conservadora e cunha poboación que sofre os embates da crise económica e os desexos de apertura política.
Pero o reto principal serán as súas relacións coa poderosa Garda Revolucionaria Islámica e as súas milicias bassij, unha especie de corpo pretoriano cun importante poder de decisión sobre o programa nuclear e cun estratéxico peso político e económico. De feito, o seu líder máximo Mohammed Ali Jafari amosou unha forte contrariedade cos xestos conciliadores e a aposta diplomática de Rouhaní cara Occidente, unha posición ata agora apoiada polo Gran Aitolá Alí Jamenei.
Paralelamente, e se ben o pacto nuclear de Xenebra suavizará as sancións internacionais vixentes desde 2003, a sociedade iraniana intensifica as súas demandas de apertura política (relevantes trala polémica reelección de Ahmadíneyad en 2009) e que levan a Rouhani a ponderar a eventual reactivación dunha especie de Primavera persa.
Outro aspecto a ter en conta é a capacidade de influencia iraniana no contexto de Oriente Próximo. Desde 2010, Teherán avanza moderadamente na conformación dunha inédita cooperación con Turquía, paralela ao distanciamento turco dos seus aliados tradicionais (EUA e Israel). Así mesmo, a iniciativa diplomática rusa en Siria supón unha
ganancia xeopolítica para Teherán, toda vez o seu aliado Bashar al Asad segue no poder.
Todo isto sen descartar a influencia de Teherán en movementos islamitas como o libanés Hizbulá e o palestino Hamás. Pola contra, a presión de Arabia Saudita e Qatar contra Irán, especialmente no control xeopolítico do Golfo Pérsico e nas rivalidades históricas entre xiítas e sunnitas, son factores que se intensificaron tralo golpe militar exipcio de xullo de 2013, claramente dirixido contra a pretensión iraniana de abrir canles de cooperación co deposto goberno islamita exipcio. Pero o pulso estratéxico segue centrado en Israel e Irán, visiblemente as únicas dúas potencias nucleares existentes en Oriente Próximo, toda vez Teherán reforza as
súas expectativas estratéxicas implicando a aliados como China e Rusia na eventual configuración dunha nova xeopolítica rexional, en claro detrimento da perda de iniciativa estadounidense.

2.3 Europa: crise da política e nacionalismos periféricos
Dous acontecementos electorais marcarán os tempos políticos en Europa a partir de 2014. Entre o 22 e 25 de maio celebraranse eleccións ao Parlamento europeo para un novo quinquenio 2014-2019, con perspectivas de ascenso das opcións mais extremistas, principalmente de partidos e movementos antieuropeístas, xenófobos e euroescépticos.
Pola súa banda, o 18 de setembro, Escocia realizará un histórico referendo independentista con respecto a Gran Bretaña, cunha pegada a nivel europeo que se anuncia relevante para as reivindicacións soberanistas das “nacións sen Estado”.
Ambos eventos son sintomáticos e salientables á hora de explicar o momento político que está a vivir Europa, sacudida por unha crise económica onde o fracaso da política convencional implica considerar a (re) aparición doutras tendencias e alternativas.
A persistencia da recesión, da desocupación e precariedade laboral (principalmente nos países da ribeira sur e mediterránea) e o fomento de políticas de austeridade fiscal, especialmente deseñadas desde Berlín, son factores que condicionan un panorama político e social no que o ascenso dunha diversidade de tendencias (algunhas de carácter progresista e cidadán, outras delas de signo populista), determina retos importantes para o establishment político, cunha persistencia nunha
clase tecnocrática que está procreando novas elites de poder.
Este clima discorre paralelo ao marcado descrédito cidadá coa súa “clase política”, evidenciada na abrupta caída de popularidade dalgúns liderados (como o presidente francés François Hollande) e no eventual final político doutros por causas xudiciais (Silvio Berlusconi). Paralelamente, a crise do establishment político á hora de ofrecer solucións viables aos cidadáns permite florecer unha diversidade de tendencias, algunhas delas con perspectivas de fusión electoral de cara aos comicios parlamentarios europeos, en particular nos casos dunha variedade de movementos euroescépticos e de extrema dereita.
Un caso sintomático ten que ver coa recen creada Alianza Europea pola Liberdade formada por partidos xenófobos e antiinmigración como a Fronte Nacional francesa de Marine Le Pen e o Partido da Liberdade holandés de Geert Wilders, cunha prolongación que podería eventualmente ampliarse cara outros partidos extremistas e populistas afíns en Italia, Dinamarca, Bélxica, Eslovaquia ou Gran Bretaña. De signo diferente, outro caso ten que ver co avance doutras alternativas de carácter progresista e de esquerdas, con especial atención no ascenso da grega Coalición de Esquerda Radical (SYRIZA) de Alexis Tsipras, e que está ampliando o seu radio de influencia cara outras formacións “frontistas” en Italia, España, Francia e Portugal. Por tanto, as eleccións parlamentarias de maio de 2014 moi seguramente determinarán un novo mapa político, condicionado polo desembarco en Estrasburgo de máis partidos de carácter extremista, euroescéptico, antieuropeísta e igualmente progresistas, críticos co actual sistema de poder imperante na Unión Europea.
O clima político e electoral estará igualmente determinado pola preservación das demandas (e non menos tensións) derivadas dos nacionalismos periféricos. Independentemente do seu resultado, o referendo soberanista escocés será unha referencia electoral chave de cara a outros escenarios de “nacións sen Estado”, incluíndo Catalunya ou Euskadi, onde as demandas de autodeterminación pulan por centrar a axenda política, con diverso grao de intensidade, premendo por alternativas que, a priori, só unha profunda reforma constitucional podería atemperar.
Ao igual que a preponderancia de novas alternativas políticas, sexan de carácter extremista ou progresista, o eventual avance destas demandas dos nacionalismos periféricos poderá afectar ao proxecto europeísta de integración. Neste sentido, as eleccións ao Parlamento europeo e a súa evolución no próximo quinquenio sinalará un novo mapa político para unha Europa atribulada pola crise económica e política e os seus dilemas de identidade.


2.4 A hora da verdade para o cambio en Cuba.
Tras asumir en febreiro de 2013 o seu segundo e derradeiro mandato presidencial, Raúl Castro (82 anos) afrontará en 2014 un momento decisivo no proceso de reformas e actualización do modelo socialista en Cuba.
Principalmente centrado nas reformas económicas, en particular na “actualización” do modelo de planificación estatal (legalización dos “contapropistas”, liberalización das terras cultivables, flexibilización dos investimentos exteriores...), o momento cubano asume a necesidade de propiciar un relevo político, notablemente condicionado polo inevitable relevo xeracional.
Cobra neste sentido notoria relevancia a designación como vicepresidente de Miguel Díaz-Canel (52 anos), tendo en conta que as reformas adoptadas por Raúl estipulan, entre outras disposicións, a limitación temporal dos cargos públicos a dous períodos consecutivos de cinco anos cada un. Esta perspectiva intensifica as hipóteses sobre unha eventual (pero moderada) aceleración do proceso de transición política dentro do sistema socialista, colocando hipoteticamente a Díaz-Canel na vangarda da sucesión presidencial.
Precisamente, o aspecto do relevo xeracional semella ir consolidando novas figuras políticas dentro das estruturas de poder do Estado cubano. Consecuente co nomeamento de Díaz-Canel como vicepresidente en febreiro de 2013, Raúl amparou este relevo dentro do Consello de Estado, desbancando incluso a figuras históricas como Ricardo Alarcón, quen fora presidente da Asemblea Nacional durante as dúas últimas décadas. No contexto actual, Raúl consolida un proceso de relevo xeracional marcado polo feito de que a idade media desta especie de “dirección colexiada” dentro do Estado cífrase agora en 57 anos.
Apostando polo pragmatismo e o realismo sen propiciar cambios drásticos nas estruturas de poder, as reformas de Raúl afrontarán retos decisivos que ilustran a orientación da Cuba post-Fidel. A apertura económica é un bastión chave das reformas pero moitas delas deberán igualmente calibrarse en función da evolución das relacións exteriores de Cuba, particularmente con respecto a EUA.
O pasamento do presidente Hugo Chávez e as incertezas da Venezuela actual intensifican as perspectivas cubanas dunha maior amplitude das alianzas exteriores.
China e Brasil cobran unha importancia cada vez mais capital toda vez é moderadamente visible a posibilidade dunha inédita apertura das relacións diplomáticas entre La Habana e Washington. Son cada vez maiores as voces de diversos lobbies no Congreso estadounidense e, incluso, do exilio cubano, premendo polo final do embargo económico, pola normalización das relacións diplomáticas e pola reinserción hemisférica cubana, reactivada grazas á diplomacia venezolana e brasileira e pola viraxe política rexional cara a esquerda.
Un exemplo recente disto é que, por primeira vez desde 1962, Cuba volverá a disputar a próxima Serie do Caribe de béisbol, a celebrarse en febreiro de 2014 na illa de Margarita (Venezuela). Igualmente, en 2013, Cuba eliminou as restricións para as viaxes ao exterior, axilizando igualmente as visitas dos emigrantes cubanos.
Non obstante, as reformas de Raúl avanzan con prudencia, observando un fino equilibrio entre as expectativas internas e externas, entre as demandas daqueles sectores que as consideran como insuficientes e interesadas e doutros que recoñecen a súa fortaleza para asumir riscos inevitables. Nese sentido, o momento cubano asenta igualmente no papel da Igrexa católica local para propiciar marcos de diálogo coa disidencia interna e, incluso, cun exilio menos radicalizado pero igualmente con menor capacidade de influencia, principalmente nos círculos políticos de Washington.
A necesidade de propiciar marcos de apertura dende o exterior que permitan a reinserción cubana nos organismos hemisféricos así como o alcance dunha flexibilización do modelo económico que alivie a crise interna, serán os bastións nos que se sustentarán as reformas de Raúl, cun novo espello na recen creada zona económica especial de Mariel. Neste sentido, aprécianse avances notorios: estímase que coa propulsión das reformas en 2008, os “contapropistas” medraron en aproximadamente medio millón de cubanos mentres proliferan diversos signos que apuntan ao remate da dualidade monetaria.
A cuestión de fondo é a capacidade para consolidar unha nova xeración de dirixentes con dispoñibilidade e vontade para reformar o modelo socialista cubano, toda vez esta transición estará inevitablemente ligada á evolución do contexto exterior, especificamente ao papel de EUA na nova orde que se está a debuxar. Trala inédita (e non menos incerta) apertura de Obama cara Irán, cómpre observar se Washington facilitará con igual atrevemento a normalización diplomática con Cuba. Polo momento, Obama falou de “actualizar” a relación estadounidense con Cuba.


2.5 Os puntos quentes da axenda electoral global
O exercicio 2014 será un ano electoral prolífico, principalmente en América Latina.
Cobran así relevancia os eventos electorais en países como Costa Rica (lexislativas e presidenciais en febreiro); Ecuador (municipais en febreiro); O Salvador (presidenciais en febreiro); Colombia (eleccións lexislativas e presidenciais en maio); Uruguai (internas en xullo e presidenciais en outubro); Brasil (presidenciais en outubro); e Bolivia (presidenciais en decembro).
Pero existen outros escenarios electorais estratexicamente importantes, principalmente nun mundo árabe e islámico convulsionado polas rebelións populares, as intervencións exteriores e a radical reacción do establishment contra os cambios políticos.
As eleccións parlamentarias en Exipto (febreiro) estarán revestidas de forte polémica tralo golpe militar de xullo pasado e a crise política posterior. Pola súa banda, Alxeria e Afganistán celebrarán eleccións presidenciais (abril) e Iraq realizará eleccións parlamentarias (abril), condicionadas dende o exterior pola necesidade de preservar o status quo, moito mais proclive no caso alxerino pero con maior nivel de polarización e incerteza nos casos iraquí e afgán.
En América Latina, este novo ciclo electoral definirá moi probablemente o curso político a medio prazo en determinados países, nos que se librará un pulso entre a eventual consolidación da viraxe progresista e á esquerda establecida durante o período electoral 1999-2013, neste caso a través das hipotéticas reeleccións presidenciais en países estratéxicos como Brasil, Colombia e Bolivia ou ben a hipotética conformación e ascenso electoral doutras alternativas políticas.
Así, Brasil ocupará o lugar preponderante, ampliando a súa dimensión coa celebración do Mundial de Fútbol FIFA. Tralas protestas sociais de mediados de 2013, os escándalos de corrupción e a caída dos índices de popularidade, as expectativas de reelección da actual mandataria Dilma Rousseff veranse contextualizadas por severos dilemas políticos e electorais para o gobernante Partido dos Traballadores (PT), toda vez xorden alternativas de coalición electoral dende a esquerda (o recente pacto entre o socialista Eduardo Campos e a ecoloxista Marina Silva) e a presión política de cara ás demandas de sectores populares e dunha “nova clase media”, beneficiados polos programas sociais do “lulismo”, tal e como se constatou nas inesperadas protestas sociais de mediados de 2013.
Outro escenario relevante será Colombia, en particular trala recente oficialización da candidatura de reelección do presidente Juan Manuel Santos. Todo isto contextualizado polo impacto electoral dos avances nas negociacións de paz coa guerrilla das FARC, das masivas protestas sociais (desigualdade rural/urbana, aumento da pobreza) e dunha forte reacción dos sectores “uribistas” contra as pretensións de reelección de Santos.
Pola súa banda, Bolivia deberá encarar as posibilidades dunha nova reelección do presidente Evo Morales (no poder desde 2005) e un Movemento ao Socialismo (MAS) recentemente atomizado por certas fracturas internas por parte dalgúns movementos sociais e indixenistas. Noutro apartado, Uruguai moi probablemente confirmará a súa andaina progresista de esquerdas, cunha nova reelección para a Fronte Ampla (no poder desde 2004), desta vez co retorno do ex presidente Tabaré Vázquez.
Se ben o contexto centroamericano aduce inevitables polarizacións electorais (O Salvador, Costa Rica), o test electoral de maior impacto hemisférico moi probablemente estará definido nas eleccións lexislativas de EUA previstas para novembro próximo, en pleno mid term do segundo mandato de Obama, e onde se renovará a totalidade da Cámara de Representantes e un terzo do Senado.
Trala crise de 2013 (default fiscal, shutdown do Congreso), a polarización entre demócratas e republicanos pode alterar un mapa político que moi probablemente definirá as candidaturas das próximas eleccións presidenciais de 2016. A abrupta caída de popularidade de Obama e as ameazas constantes de bloqueo de proxectos estratéxicos da súa axenda (Obamacare sobre cobertura sanitaria universal) pode implicar que estas lexislativas constitúan unha especia de referendo electoral sobre a xestión de Obama.

(Seguirá...)
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES