Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un mundo tripolar? (I)

martes, 28 de enero de 2014
Os xiros inesperados vividos en 2013 en crises como Siria ou Irán, inicialmente abocadas a conflitos de grandes proporcións, son o espello das fondas transformacións que vive a xeopolítica global. Cabe sinalar que, en parello, asistimos a negativas como a de Ucraína a achegarse á UE –aínda que isto non supoña necesariamente que opte de maneira definitiva por Rusia- sumindo a Bruxelas nun novo fracaso no cumio de Vilna, mentres Turquía deixa entrever o seu interese por dar as costas ao vello continente e achegarse á Organización de Cooperación de Xangai, ansiando salvar as reticencias de Moscova.

A perda de peso global de Europa, a reordenación das prioridades estadounidenses nun contexto marcado polo definitivo extravío dos vellos eixes, e as dúbidas dunha China que combina unha maior ambición universal coa fuxida de responsabilidades que superen ás súas condicionantes internas, moitas aínda por resolver, amosan os contornos dun novo balance no que afloran, con capacidades asimétricas aínda, tres países (EUA, China e Rusia) como actores mais determinantes da nova orde mundial. Washington, definitivamente, xa non está só.

Da capacidade destes tres actores para arbitrar políticas e compromisos que satisfagan ás tres partes asumindo que ningunha delas pode desempeñar unha posición dominante van depender as posibilidades de que mingúen as rivalidades en aras de establecer relacións mais equitativas e equilibradas.

Moitas das últimas evidencias que experimenta a sociedade internacional sinalan o rexurdir da diplomacia rusa, especialmente por mor dos cambios de percepción experimentados pola Casa Branca arredor da identificación das súas prioridades globais. Consecuentemente, fincando nos seus principios, incluíndo a soberanía e a condena das inxerencias internas, Rusia ten a oportunidade de ocupar un certo baleiro sempre e cando sexa quen de definir e xestionar adecuadamente os seus intereses. Rusia non amosa intención de desafiar a EUA pero si reclama un diálogo en pe de igualdade e un reaxuste da orde mundial. O Kremlin promove con vehemencia a unión euroasiática para contrarrestar os esforzos occidentais, comezando pola Unión Aduaneira con Belarús e Kazajstán, con Armenia ás portas. Reclamándose como centro “natural” de gravitación do espazo euroasiático, intenta recuperar o seu prestixio e influencia globais, a pesar de taras coñecidas como a diminución da súa poboación ou a debilidade estrutural da súa economía. Pero segue sendo un xigante enerxético cunha vasta extensión territorial e armas nucleares. Esas debilidades non permiten disipar as dúbidas que oscilan entre a convicción do rexurdir e a percepción dun país que non logrou aínda poñer coto á súa decadencia.

Moscova, en calquera caso, compartirá con Berlín a éxida europea cunha UE implosionada e á baixa. A autoridade de Rusia e Alemaña, por distintas vías, medra ante a precipitada reorientación de Washington que na súa estratexia de “Pivot to Asia” pasa a centrar toda a súa atención nunha China que afirma progresivamente o seu poder. Mentres Rusia ensaia un retorno a áreas como Oriente Medio onde minguara a súa influencia, Francia vagamente se resiste sen éxito para preservar as vellas proxeccións mentres mobiliza o seu exército en África para facer valer os seus intereses, cada día mais minguados.

EUA é aínda a potencia dominante a nivel global, mais o seu peso especifico está ben lonxe de representar aquel 50% do PIB planetario ao remate da II Guerra Mundial.

A suma das súas crises internas (económica, financeira, social e política) xunto a un liderado a cada paso mais cuestionado por unhas economías emerxentes (BRICS), á cabeza do crecemento mundial, que premen por facer valer o seu peso (máis do 20% do PIB global) nas estruturas de gobernanza global, impoñen restricións ao seu poder e lanzan claras mensaxes e propostas que abanean o interesado inmobilismo do mundo desenvolvido.

Dato significativo desas mudanzas non só é a creación do Banco de Desenvolvemento dos BRICS senón a perda progresiva de peso do dólar en moitas das transaccións entre determinados países. O renminbi xa se converteu na segunda moeda máis usada no mundo no sector das cartas de creto, instrumentos clave no financiamento do comercio mundial, cun
8,66%, por diante do euro e do ien. A porcentaxe está moi lonxe do dólar (81,08%), pero en xaneiro de 2012 a súa cota era do 1,89%. A
internacionalización do renminbi é unha das claves principais do novo impulso reformista chinés.

Asia emerxe cunha China chamada a liderala pero coa característica, a diferenza de Washington ou Moscova, de que Pequín recea de asumir as responsabilidades internacionais derivadas do feito de converterse nunha
superpotencia en números absolutos se ben con numerosas taras internas (posición 101 no IDH). No seu día, rexeitou a proposta de un G2, o que levou a algúns a falar do G1,5 como expresión matemática desa ambigüidade que debera resolverse nos próximos anos cun modelo de participación global coherente coas posicións tradicionais chinesas e as
novas circunstancias que abundan na súa interdependencia con respecto ao exterior, un fenómeno inédito nos cinco mil anos de historia da súa civilización.

Todo isto está a provocar unha recomposición paulatina das alianzas de diferentes países onde todo parece posible, ata mesmo que Arabia Saudita, piar de EUA en Oriente Medio, vire cara China ante o novo clima xurdido entre Washington e Teherán e á vista da intensificación dos seus proxectos coa potencia oriental, con quen realiza grandes negocios enerxéticos. O mando central, de referencia inescusable, fundiuse e as diferentes capitais ponderan e reflexionan sobre a pervivencia e defensa dos seus intereses, con alianzas incluídas, no novo contexto.

O redeseño global pasa, inescusablemente, por Asia, onde EUA, a salvo de superar unha desconfianza estratéxica que a día de hoxe mantén plena vixencia, tentará novamente o cerco a China apoiándose esencialmente no reforzamento das súas alianzas militares con Xapón, Corea do Sur, Filipinas e Australia, reposicionando os seus efectivos nesta zona, ao tempo que promove alianzas económicas (TPP), inicialmente con exclusión de China, que lle reporten posibilidades de beneficiarse do crecemento da rexión. Tokio, a voltas cun novo pulo á militarización con sustento na modificación da Constitución pacifista, secundará vivamente esta política pero dificilmente poderá facer sombra ao xigante continental.

Os efectos globais desta recomposición son de gran alcance, incluso en continentes afastados aínda como América Latina ou África, onde cabe esperar un salto cuantitativo e cualitativo na presenza chinesa nos
próximos anos. O caso mais sobresaínte, sen dúbida, é o do continente africano que vive un despegue económico sen precedentes remontando lenta pero sostidamente o valado que a separaba dende hai séculos dos países do Norte. Os artífices deste cambio non foron os europeos (que colonizaron e espoliaron as súas riquezas naturais) nin os estadounidenses ou rusos (desinteresados trala guerra fría) ata que China, coas súas luces e sombras, viu situar aquí unha nova fronteira.

En resumidas contas, a pronunciada viraxe que marcou 2013 será nos vindeiros anos o crisol que reflicte a crise dos poderes dominantes tradicionais que deberán optar entre o arbitrio de políticas de compromiso
que teñan en conta a pluralidade non só de intereses senón tamén de culturas ou primar unha rivalidade á defensiva que non exclúe o agravamento dunha tensión desprazada dos escenarios habituais a esa Asia emerxente onde se disputa o liderado do século XXI.

Xulio Ríos, director do IGADI


As claves de 2013
O soño de Xi Jinping
Trala celebración do XVIII Congreso do PCCh (novembro de 2012) e a asunción como xefe do Estado e presidente da Comisión Militar Central (marzo de 2013), Xi Jin ping alentou un novo impulso ao proceso de
reforma formulando tanto un catálogo de medidas concretas (as aprobadas na Terceira Sesión Plenaria do Comité Central do PCCh, novembro de 2013) como promovendo unha expresión, o soño chinés, chamado a plasmar as ansias de revitalización de China, poñendo fin aos séculos de decadencia que lastraron o seu pasado mais recente.

As transformacións internas que vive a sociedade chinesa apuntan á plasmación dun novo modelo de desenvolvemento centrado no fomento do consumo e nas alteracións da estrutura do sistema produtivo con vistas a mellorar a súa eficiencia e capacidade innovadora. As últimas decisións do PCCh sinalan grandes retos para os anos vindeiros que inclúen o redimensionamento dos espazos público e privado no eido industrial, a redefinición das funcións do goberno, a desministerialización de importantes actividades económicas e o impulso á reforma financeira,
entre outros.

Na orde exterior, Xi Jinping abandeira outra China ben afastada daquela de Deng Xiaoping cando resumía todas as virtudes nunha discreción destinada a preservar as capacidades do país e a acumular forzas.

Eran outros tempos. A fin da modestia, ben visible nos tempos finais do mandato de Hu Jintao, acompáñase agora dunha estratexia de gran alcance capaz de garantir unha transformación substantiva das relacións de China co mundo exterior. Rusia e Asia Central, o Sueste asiático, os BRICS, pero tamén África e América Latina, mais alá do polo do mundo desenvolvido e aínda cerne da súa diplomacia, supoñen referentes dese impulso sustentado en ambiciosos proxectos económicos que contan co potencial de financiamento preciso e do que hoxe carecen en boa medida as economías aínda máis ricas pero en crise.

Esta China que ambiciona converterse nunha sociedade acomodada en 2020 debe, non obstante, superar as hipotecas que ensombrecen o seu horizonte de grandeza. No eido interno, as decisións da III Sesión Plenaria do Comité Central do PCCh secundan o significado do seu primeiro paso nada mais ser elixido secretario xeral, cunha viaxe a Shenzhen, en Guangdong, para honrar a figura de Deng Xiaoping e evidenciar o seu compromiso coa profundamento da reforma.

Non obstante, debe significarse que as desigualdades axexan aínda a estabilidade así como as numerosas tensións tanto na orde social como en materia de nacionalidades minoritarias, notoriamente nos casos uigur e tibetano.

A loita contra a corrupción, máis intensa do habitual se ben un xesto común nos primeiros pasos dos líderes chineses, viuse acompañada dunha forte mobilización interna baixo a consigna da “liña de masas” maoísta para eliminar privilexios, mudar os estilos de traballo caducos e aproximarse á sociedade. Neste marco, o debate sobre o signo da reforma política, arredor das limitacións do poder e a viabilidade dun constitucionalismo adaptado á realidade chinesa, semella evolucionar con lentitude, ante o temor de propiciar fendas sen retorno nun sistema que aspira a renovarse impulsando unha democracia consultiva e incremental pero non emulando o sistema vixente en Occidente.

O cultivo do nacionalismo acompañado de coqueteos co exército evidencian unha disposición política e sicolóxica para afirmar de vez o seu poderío se ben mantendo a estratexia de outorgar a primacía á economía. Con todo, a modernización das súas forzas armadas e o impulso a programas tecnolóxicos xenuínos (o sistema de navegación Baidou ou o espacial, por exemplo) suxiren un especial empeño na defensa dunha soberanía innegociable que pode derivar na intensificación dos conflitos con algúns dos seus veciños mais próximos ao abeiro do pulo á estratexia estadounidense de “Pivot to Asia”.

Sexa como for, a formulación do soño chinés plasma o inicio da derradeira etapa da reforma iniciada en 1978 co obxectivo de dar conta dunha modernización longamente acariñada polo pobo chinés dende o século XVIII cando a multiplicación dos contactos e confrontacións con Occidente permitiulle constatar, de forma dramática, o seu atraso. Máis de dous séculos despois, China quer renacer da man da súa primeira dinastía colectiva, o PCCh, dando pulo a unha modernidade de signo non occidental, asentada na fortaleza dunha civilización xenuína e de longo percorrido que aínda aspira a achegar algo novo á humanidade, como no pasado tamén fixeron.

O regreso de Rusia: transitoriedade ou permanencia?
O “caso Snowden”, as friccións que o mesmo xerou nas relacións entre Moscova e Washington e, principalmente, a audaz solución diplomática rusa en Siria, concretando un acordo orientado a conter a eventualidade
dun ataque unilateral por parte de Washington contra posicións militares do réxime de Bashar al Asad, recolocou momentaneamente ao Kremlin nunha posición de potencialidade no escenario internacional, cun impacto e consecuencias que obrigan a moderar e considerar diversos aspectos de carácter xeopolítico.

Desde o seu retorno ao poder presidencial en 2012, Vladímir Putin avogou por un reforzamento das prioridades e posicións do Kremlin no escenario internacional. Entre outros aspectos, as relacións ruso-occidentais achegáronse a momentos de reacomodo e incluso friccións, toda vez Moscova pretende outorgarlle unha maior prioridade a Asia Central e Asia-Pacífico sen descoidar os seus imperativos xeopolíticos noutras latitudes, especialmente Oriente Próximo e o espazo euroasiático.

A inesperada pax rusa en Siria descifra diversos compoñentes que, a grandes trazos, non explican de forma rotunda se estamos a presenciar un revival ruso no escenario internacional, nin moito menos un retorno á
bipolaridade da “guerra fría” con Occidente, hoxe aparcada polo inevitable ascenso global de China. A errática visión de Obama na crise siria, evidenciada polo fracaso na súa pretensión inicial dun ataque militar unilateral contra posicións militares leais ao réxime de Bashar al Asad, revelou a confusión e a notoria perda de iniciativa por parte de Washington nun Oriente Próximo convulsionado, amosando ao mesmo tempo o signo das variables que irán definindo esa perda de supremacía ata agora incontestable.

Neste contexto de ambivalencia occidental, Putin fixo valer os intereses estratéxicos de Rusia na rexión, principalmente referidos á preservación da base militar na localidade siria de Tartus e ao feito de que o réxime de Bashar al Asad é un dos seus principais clientes militares. Paralelamente, a intención de Putin céntrase en reforzar ao Kremlin no taboleiro estratéxico de Oriente Próximo, escenario onde a diplomacia rusa (salvo tanxencialmente no contencioso nuclear de Irán) apenas logra manter unha posición de peso e forza.

O asilo ruso a Edward Snowden, exasesor da National Security Agency (NSA), igualmente revelou a intención de Moscova de mitigar as cada vez mais desequilibradas pretensións hexemónicas estadounidenses.

Ao mesmo tempo, a nova estratexia de defensa impulsada por Putin outorga prioridade a Asia-Pacífico e Asia Central como puntos estratéxicos, con especial incidencia nas relacións con China, por riba do tradicional enfoque estratéxico ruso cara Europa e EUA. Neste sentido, Putin espera concretar en 2015 unha Asociación Euroasiática coas repúblicas ex soviéticas (nas que non están incluídas as repúblicas bálticas) que implique un novo marco de cooperación moi probablemente orientado a afastar calquera influencia estadounidense, europea e incluso chinesa no seu hinterland euroasiático.

Non obstante, Rusia encara problemas internos que igualmente definen ata qué punto é real o alcance deste “retorno” á política de poder global.
Mentres a nova nomenklatura liderada por Putin acelera a preservación dos seus resortes de poder no Kremlin, intensifícase a necesidade dunha modernización audaz das súas Forzas Armadas. A caída das expectativas demográficas, a excesiva dependencia das materias primas (petróleo e
gas natural), a escasa diversificación económica rusa e o inestable problema que supón a proliferación do crime organizado, son factores que lle restan a Rusia marxes de competitividade e incluso atractivo, afirmando a percepción de que a súa (re) potencialidade internacional pode quedar reducida á transitoriedade se non é quen de tirar proveito do seu estatus no novo contexto global que está a definirse.

Os labirintos de Obama
Entrando no seu segundo mandato presidencial, o ano 2013 significou para Barack Obama un duro e complexo test en canto á medición da fortaleza da súa presidencia, en particular na política interna (crise económica, pulso cos republicanos no Congreso, shutdown e default fiscal) así como no exterior (“caso Snowden”, Siria, Irán), escenarios que definen situacións incluso límites para a imaxe da súa presidencia (con fortes caídas de popularidade para Obama) e para EUA no concerto global.

As dificultades internas e unha notoria perda de iniciativa e influencia exterior determinan un complicado panorama para Obama e para o gobernante Partido Demócrata de cara ao remate da súa presidencia en
2016. Neste sentido, un test político e electoral chave serán as eleccións para o Congreso (novembro 2014) en pleno mid-term do seu mandato, onde as expectativas dun eventual impulso da ultradereita do Tea Party, con claras repercusións dentro do opositor Partido Republicano, complicarán estratexicamente o panorama electoral presidencial de 2016, xa sen Obama como candidato.

Como referencias que exemplifican os labirintos nos que se inseriu a presidencia de Obama e a política estadounidense, así como o seu notorio descrédito a nivel internacional, están a polémica política polo
shutdown ou peche das actividades do Congreso entre setembro e outubro, motivado polas presións derivadas dun eventual default fiscal, e cun impacto que foi finalmente saldado nun acordo político in extremis
entre Obama e os republicanos.

A crise política motivada polo default fiscal e o repentino shutdown
no Congreso explicou as complicacións por alcanzar un consenso xeral sobre a consistencia política da presidencia de Obama. A política de fricción constante impulsada polo Tea Party, premendo por acabar cos programas sociais e sanitarios (Obamacare) á vista do déficit orzamentario (1,1 billóns de dólares en 2012), foi interpretada por Obama (e indirectamente polos republicanos) como unha chantaxe política que ameazaba con rachar o consenso democrático, afectando así seriamente á imaxe exterior do país. Así e todo, Obama saíu levemente fortalecido tralo pacto lexislativo cos republicanos, tendo en conta que unha enquisa de opinión pública sinalou que un 53% dos estadounidenses responsabilizou da crise aos republicanos.

O outro aspecto que danou enormemente a imaxe da presidencia de Obama e, por conseguinte, a credibilidade internacional de EUA, foron os escándalos derivados da espionaxe impulsada por Washington, a través
da CIA e da NSA, cara líderes internacionais (con maior incidencia no caso europeo), así como as revelacións establecidas polo “caso Snowden”, e que afectaron de forma inédita ás relacións transatlánticas e con Rusia. Este aspecto foi sensiblemente relevante no caso do empeoramento das relacións entre EUA e a Unión Europea, a raíz da revelación de que os servizos de intelixencia estadounidenses utilizaban o programa PRISM para acceder a una ampla base de datos a través de provedores de Google, Apple, Facebook ou Amazon.

Bruxelas reaccionou anunciando a reactivación dun programa de protección de datos.
Con todo, Obama asume o seu segundo mid-term en condicións políticas complexas, coa mira posta nas lexislativas de 2014 e as presidenciais de 2016, nun contexto marcado por unha realidade política establecida pola
bipolaridade dunha maioría demócrata no Senado e dunha maioría republicana no Congreso. As lexislativas 2014 serán o seu test electoral e político mais importante a medio prazo, en particular para tentar frear a arremetida radical e ultraconservadora do Tea Party e dun sector duro republicano alentado pola crise económica. Pero este test electoral
lexislativo pode igualmente levar a Obama e ao Partido Demócrata a clarexar a candidatura para os comicios presidenciais de 2016, cando Obama finalizará a súa era con marcados contrastes en materia de liderado e credibilidade.

Siria e a crise do intervencionismo
O notorio fracaso de Barack Obama en impulsar en Siria unha vía de intervención militar de carácter unilateral (fracaso incrementado ante a negativa a intervir por parte de aliados como Gran Bretaña a instancias do seu parlamento), obriga mais unha vez a ponderar os límites e as capacidades de activación tanto das opcións de intervencionismo como
da legalidade internacional, alterada con anterioridade en escenarios similares como Cosova (1999), Iraq (2003) e Libia (2011).

Evitando levar a crise siria ao Consello de Seguridade da ONU, onde os vetos ruso e chinés obstaculizarían calquera opción militar, a paralización dun ataque unilateral contra posicións militares do réxime sirio revelou a incapacidade de Washington para acadar alianzas internacionais (coa excepción sorprendente da Francia do socialista Hollande), así como a súa imposibilidade de lexitimar esta eventual intervención militar a través dos respectivos canais parlamentarios.

Deste xeito, a súbita intervención diplomática rusa de setembro de 2013 orientada a alcanzar un compromiso por parte do réxime sirio de Bashar al Asad de permitir a inspección e destrución do seu armamento químico a mediados de 2014, desacreditou estas pretensións unilaterais estadounidenses así como o papel de Washington á hora de influír decisivamente no futuro do conflito sirio.

Este descrédito ven repercutindo severamente na imaxe e credibilidade de EUA, danada pola aplicación dunha dobre vara de medir en contextos anteriores como os ataques contra a Libia de Gadafi en 2011. Aquí, Washington alcanzou o compromiso dunha intervención lexitimada pola OTAN e a ONU unicamente para abrir un espazo aéreo que evitara o seu
uso por parte de Gadafi para masacrar aos rebeldes libios, mais non de apoiar unha intervención militar terrestre, como finalmente ocorreu.

Neste sentido, a iniciativa rusa de negociación do arsenal químico en Siria baixo a supervisión da ONU (neste caso da Organización para a Prohibición das Armas Químicas, OPAQ) reivindicou o papel da diplomacia, paralizando momentaneamente os alcances dun conflito interno que desde 2011 deixa unha crise humanitaria cifrada en máis de medio millón de mortes e aproximadamente nove millóns de refuxiados internos e externos, principalmente na veciña Turquía.

Do mesmo xeito, a crise siria cuestionou a capacidade de activación do controvertido concepto da “responsabilidade de protexer”, aducido con anterioridade (e con non menos polémica) por Washington, a OTAN e os seus aliados a fin de xustificar as súas intervencións en Cosova e Libia.
Este concepto, non contemplado na Carta da ONU, implica intervir no caso de cometerse crimes de lesa humanidade, xenocidio contra a poboación civil ou limpeza étnica, con casos anteriormente relevantes (Ruanda, ex Iugoslavia, Sudán).

No caso sirio esta perspectiva dilúese ante a certificación dunha guerra interna entre diversas comunidades (alauítas, sunnitas, xiítas) e entre bandos armados apoiados por diversos actores externos, principalmente Irán, Arabia Saudita, Hizbulá, Qatar, Turquía, EUA, Gran Bretaña, Al Qaeda e o yihadismo salafista.

O paulatino retraso na celebración dunha segunda Conferencia de Xenebra sobre o conflito sirio certifica igualmente as dificultades políticas para atopar consensos. Tras a pax rusa, o réxime de Bashar al Asad ven recuperando aceleradamente bastións ata agora controlados polos rebeldes, mentres a OPAQ tenta verificar as complexidades e controversias sobre o estado e control real do arsenal químico sirio.

Paralelamente, diversas ONGs veñen denunciando o bloqueo de alimentos
por parte do réxime de Damasco naquelas zonas baixo control rebelde, un exemplo mais das complexidades e dificultades para atopar unha solución clara ao conflito sirio.

O Outono exipcio e a inviabilidade democrática no mundo árabe.
A crise política exipcia durante o breve goberno islamita de Mohammed Morsi (2012-2013), intensificada tralo golpe militar de xullo de 2013, certifica os desequilibrios e dificultades de concreción de espazos
de transición democrática nun mundo árabe convulsionado pola aparición da Primavera política a comezos de 2011, cun impacto actual que leva a intuír a chegada dunha etapa regresiva e de represión acentuada.

Se ben anunciado desde diversos ángulos como a válvula de presión impulsada principalmente polas Forzas Armadas contra o goberno de Morsi e da Irmandade Musulmá (IM), o golpe militar dirixido polo xeneral
Abdul Fatah al Sissi explica a reacción radical das elites exipcias en clara oposición aos cambios acaecidos no Exipto post-Mubarak así como, igualmente, ante as ansias de democratización e modernización das sociedades árabes. Paralelamente, este golpe militar implicou a preservación dos intereses xeopolíticos de EUA, Israel e doutros aliados como Arabia Saudita e Qatar, toda vez o Exipto de Morsi tentou impulsar unha iniciativa “revisionista” das súas alianzas, especialmente a favor de actores inquietantes para os intereses occidentais e israelís, como son os casos de Turquía e Irán.

Así, o Exipto tutelado por un réxime militar que aplicou unha atroz represión contra os islamitas, promove unha transición “domesticada” cunha repercusión que ironicamente intúe o afrouxamento e a perda do histórico peso e iniciativa xeopolítica exipcia dende o Magreb ata Oriente Medio.

Pero, en clave rexional, este golpe militar revela as inquietudes das elites árabes ante os recentes cambios políticos impulsados na rexión, cambios que inicialmente supuxeron o revival dun islamismo político “democratizado” como referencia ideolóxica e política rexional. Así mesmo, este golpe militar, que evidentemente altera o necesario equilibrio cívico-militar a favor do sector castrense, xustificouse por un “efecto colateral” cifrado na intensificación de grupos yihadistas e da criminalidade entre o Magreb e o Sahel, utilizando a península do Sinaí como eixe de transmisión.

A pesar das súas críticas e reticencias iniciais, o goberno de Obama finalmente avalou e lexitimou o golpe a través dunha visita ao Cairo do Secretario de Estado, John Kerry.

Pero esta lexitimidade estadounidense do réxime militar de al Sissi (quen, aparentemente, afírmase agora como eventual candidato presidencial), implica considerar outros factores, esencialmente de carácter xeopolítico.

As recentes friccións nas relacións entre EUA e Arabia Saudita (país con intereses estratéxicos en Exipto e Siria) activaron unha inesperada reconsideración por parte do réxime militar exipcio á hora de buscar novos socios como Rusia, especialmente no eido militar.

Na actualidade, Moscova é o segundo subministrador de armamento a Exipto, por detrás de EUA e por diante de China.

Pero a lección principal do golpe militar exipcio vai claramente dirixida aos desequilibrios causados por unha fase regresiva que se pode identificar como a post-Primavera árabe, onde os cambios políticos e as ansias de democratización semellan ser agora tutelados e moderados polas elites no poder co beneplácito occidental. Unha perspectiva de “reformas cosméticas” que xa foron inicialmente ensaiadas en Marrocos, Alxeria e (cun exacerbado nivel de represión) en Bahrein, cunha activación que implica amortecer calquera potencialidade a favor do islamismo político e de movementos contestatarios (laicos, progresistas) contra o establishment existente.

O escenario rexional igualmente leva ás elites árabes a impulsar unha reacción decidida contra os “perigos” desestabilizadores impulsados polos cambios políticos e a irresolución dos conflitos, en gran medida causados
pola intervención occidental: a inestabilidade da Libia post-Gadafi, a falta de solucións para a guerra interna en Siria e a posguerra iraquí, a perda de iniciativa estadounidense na rexión, a parálise das negociacións de paz en Palestina, o temor a un Irán con capacidade nuclear, a eventualidade dun Curdistán independente, a intensificación do secular conflito entre xiítas e sunnitas... Todos eles factores que gravitan na percepción de que o Outono exipcio supón unha peza estratéxica no cometido último de esmagar a Primavera Árabe.

(Seguirá...)
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES