Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rumbo ao mar…

martes, 28 de enero de 2014
Ás veces o destino lévanos lonxe da xente que coñecemos, obrigándonos a vivir afastados do que desexabamos, tal como a cidade. Aprendemos a desfrutar dos pequenos lugares, da vida do rural, da paisaxe máis ruda, dunha natureza case virxe para os sentidos. Experimentamos ansias de fuxir cando chegamos de novo a un lugar no que non pensabamos que o destino nos obrigaría a vivir. Pouco a pouco acostumámonos a ese silencio sepulcral que o invade todo, facendo case unha rutina do día a día, algo que pretendemos evitar participando nas actividades de lecer que nos oferta a vila ou pobo en cuestión. Así me veñen á memoria estes anos na montaña de Ourense.

Non me gustan as despedidas. Por que dicir adeus chorando cando quen marcha desexa ese novo cambio na súa vida? Non saen bágoas. Deixando a montaña polo mar debúxase un sorriso nos meus beizos. Sempre quedarán boas imaxes na lembranza, como fotografías na memoria da xente coñecida nese paso por cada lugar, pequenas e grandes amizades que farán que teña sentido ese dito que reza que a distancia non é nada cando alguén o é todo. Tan certo ás veces, cando o paso do tempo e as vivencias nun determinado lugar quedan como instantes para a eternidade. Ás veces ficamos cun pequeno grupo ou cunha soa persoa… ese ser especial que fará que teña sentido o paso por esa xeografía.

Hoxe vexo o futuro con raiolas de sol queimándome a pel, arrecendo a peixe fresco acabado de coller e sons das sereas que quixeron distraer a Ulises no seu regreso a Ítaca, cando se dispoñía a reencontrarse coa súa amada Penélope. O mar invádeo todo, asolágame o pensamento. Desfruto da auga salgada que me arroupa nestes baños nocturnos, gozando do tempo estival que anceiaba mentres a neve me arrefriaba o corpo e a alma. Hoxe sinto a ledicia correr polas veas. É xullo, o meu mes. O meu momento do ano preferido. Desfruto do sabor salgado que chega ata os meus beizos lembrando días pasados. Saín do coche que me levou ata o novo destino e sentín que me asolagaba toda o arrecendo a mar, perfume marabilloso para quen gosta das Rías Baixas... Desfrutemos, amigos lectores, de cada novo amencer, cando Lourenzo nos trae co seu brillo arelas de esperanza para o futuro, cando nos esperta chiscándonos un ollo e desexándonos un novo día cheo de amor, facéndonos lembrar a dozura dunha aperta ben dada entre dúas persoas que se queren, respirando profundamente a quen nos agarima, confesándonos dese xeito unha paixón inefable…

Na copa teño un saboroso viño branco, tan frío que parece sandar a dor de gorxa que deixan as altas temperaturas cando resecan as lembranzas na boca. Baixa suavemente dende os meus labios, permitíndome desfrutar dos seus matices afroitados… mentres vexo o mar, lembrando o que Rosalía tanto cantou nos seus versos de Cantares gallegos e que aínda lin, días atrás, pintados no chan nas rúas do Carballiño: ‘Deixo amigos por estraños/ deixo a veiga polo mar’. Moi feliz de fuxir do monte para coller rumbo ao mar salgado que sempre me trae lembranzas da felicidade da infancia, dos días sen fin nas xornadas estivais de praia. Sabor a mar. Olor a mar. Música das ondas… Sumamos todo e como resultado temos un tremendo sorriso nos beizos…
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES