Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

García Cendán, ferrolán de adopción

lunes, 13 de enero de 2014
Bernardo García Cendán, ferrolán de adopción

Agardo ter pronto o libro "Cartas a Antón", que acaba de presentarse publicamente e que recolle unha serie de testemuños do falecido excura e sociólogo vilalbés Bernardo García Cendán, obra prologada por outra personalidade do mundo das letras, tamén chairego e tamén moi apreciado en Ferrolterra, onde impartiu ensino moitos anos, Agustín Fernández Paz.

Ao fío da recuperación da vida e exemplar ronsel deixado entre quen lle coñecemos, quero engadir ao tributo dos seus, a condición de ferrolán de adopción, que lle demos a Bernardo sectores importantes da sociedade ferrolá. Cabe no arcón dos argumentos persoais ter gozado da súa amizade e coincidir con el no Seminario de Mondoñedo.

Do aprezo que lle deparaba a sociedade ferrolá foi unha viva mostra a homenaxe que, organizada polo cura Xaquín Campo Freire, rendéuselle en Ferrol no mes de abril do pasado ano. Xaquín quixo que se celebrase no templo do Socorro no que García Cendán desenvolveu o seu labor pastoral, aínda que o ben querido e estrañado vilalbés exercía na igrexa e na rúa, nos escenarios intelectuais, culturais, sociais, obreiros e de familias pobres. Por iso o discurso nesa ocasión non foi monocorde senón dunha rica e emotiva pluralidade. Houbo intervencións de fieis crentes, pero tamén de agnósticos e ateos.

O que subscribe, convidado a quenda de palabra, por ser condiscípulo mindoniense, fixo unha visión crítica. Eran os anos cincuenta, tempos de Concordato e Franco baixo palio. A formación que recibiamos era absolutamente integrista, aínda que aproveitable nalgúns valores como a disciplina como método para andar pola vida, o fomento do pensamento crítico coa inxustiza social, o sentimento solidario e o respecto á persoa como eixo de convivencia. Todos destacamos, por encima dos nosos particulares credos, o lado nobre e ético de García Cendán que, haberá que lembrar, formou parte dun grupo de curas dos anos 60-80 que afundían as súas conviccións nun humanismo cristián, bebendo en boa parte da doutrina do Concilio Vaticano II e que se integraron con todo a súa bagaxe na sociedade ferrolá.

Son de cita obrigada, xunto con Bernardo, o prestixioso teólogo coterráneo Xosé Chao Rego e outros tales como Ferreiro Currás, Gabriel Vázquez Seijas, Cuco Ruíz de Cortázar, Vicente Couce, Martínez Aneiros e o propio Xaquín Campo Freire. O cura Bernardo, como así se lle chamaba, foi cofundador do Ateneo Ferrolán, implicouse na sociedade Asfedro, de atención aos drogodependentes, prodigouse como columnista de prensa da época e conferenciante.

Era, fundamentalmente, un home bo e xeneroso. Súmome ao testemuño emocionante, dado naquela reunión-homenaxe da igrexa do Socorro pola doutora Carmen Solloso, que o tratou na súa enfermidade quen dixo: "Era imposible, con aquel carácter doce e apracible, non caer nas redes da súa amizade". Bernardo permanece na memoria colectiva ferrolá.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES