Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Cineclubismo en Santiago (1961-1979)

martes, 19 de marzo de 2002
Unha visión xeral
O fenómeno cineclubístico aparece en Francia de man de Louis Delluc, quen no ano 1920 escribe: "Il y a le Touring-Club, il faut aussí le Ciné-Club". Delluc publica tamén un xornal, que leva o nome de Ciné-Club (1).
No estado español, os primeiros cine clubes (en adiante, c.c.) datan de finais dos anos vinte co c.c. da "Residencia de Estudiantes", ao cal pertence Luis Buñuel, e o "Cine Club Español". En Santiago haberá que esperar ata o ano 1956, en que se crea o c.c. "Universitario del S.E.U.", que comenza as súas sesións o 26 de febreiro deste ano coa proxección do filme húngaro En un lugar de Europa (Valahol Europaban, 1947), de Bela Balasz. Este c.c. tivo unha vida moi curta, duns poucos meses (2).
Segundo isto, o fenómeno cineclubístico chegou tarde á cidade compostelana, comparado con outros sitios do estado español. Os comenzos non foron moi afortunados, xa que non se conseguiron unhas actividades duradeiras; así, dende 1956 ata comenzos dos anos sesenta, só recollemos algunhas proxeccións con colexios maiores, destacando as do colexio "La Estila" pola súa regularidade. Haberá que esperar ata o ano 1961 para que cambien radicalmente as cousas.

1961-1968
Iníciase esta etapa coa aparición dun novo c.c. "Universitario del S.E.U.", fundado en 1961 polos estudiantes universitarios Ezequiel Méndez e Federico Pomar, que celebra a súa primeira sesión no cine " Yago" coa proxección o 5 de novembro de El alcalde, el escribano y su abrigo (Il capoto, 1959), de Alberto Lattuada. Está ligado xurídica e formalmente ó S.E.U., funcionando na práctica coma un organismo independente do Sindicato. Para a súa organización tómase coma modelo o c.c. "Universitario de Salamanca", tamén do S.E.U.
Ata a súa desaparición en marzo de 1966, ten un papel de primeiro orde na vida cultural da cidade, sendo un dos poucos medios no que se pode falar cunha certa libertade. A maioría dos socios son estudiantes (constante en tódolos c.c. da cidade ó longo destas dúas décadas), atopándose tamén un numeroso grupo de profesores e catedráticos (Gonzalo Anaya, C. Alonso del Real, José Cepeda Adán, etc.), que son os que dan en certa medida o nivel que posúe o c.c.
O c.c. utilízase como medio das inquedanzas cinematográficas dos estudiantes, pero tamén políticas, anque estas últimas máis solapadas, xa que a situación política do país non permite expresarse libremente.
Serve tamén –a semellanza doutros c.c. españois- coma lugar de apredizaxe dalgúns xóvenes que queren ir máis alá da teoría cinematográfica para pasar ó campo da realización. Así, en 1964, Gonzalo Anaya, Ezequiel Méndez, Enrique Banet e Federico Pomar crean o "Equipo 64", que realiza algunhas curtametraxes: El camino de Santiago, Pórtico de Compostela e Malpica.
O c.c. "Universitario" é a base do cineclubismo compostelano, formándose nel os directivos que durante máis dunha década levarán as rendas dos distintos c.c. que aparecerán na cidade.
En 1965, cando se produce a caída política do S.E.U., existe unha vontade unánime por parte dos membros do c.c. "Universitario" ata a súa desaparición. Esta unanimidade rómpese á hora de decidi-lo camiño a seguir, reflexándose dúas posturas encontradas, que son as dúas liñas polas que seguirá o cineclubismo santiagués.
Os defensores da primeira liña, partidarios de seguir no marco legal existente, continúan o traballo dentro do c.c. "Universitario" ata a súa desaparición. Neste grupo inclúense maiormente sectores de ideoloxía conservadora, moi relacionados cos colexios maiores. Destes sectores xurdirá primeiro o c.c. "Universitario de los Colegios Mayores" -que funcionará irregularmente ata 1968- e xa na década seguinte os c.c. "Universitario Intercolegial" e "Gelmirez". Incluímos dentro desta liña as exhibicións daqueles colexios maiores que non posúen c.c.
Conseguida a caída do S.E.U., os defensores da segunda liña ven innecesaria a permanencia nas estructuras do Sindicato, e buscan un marco legal novo no que poder actuar. Este marco atoparano fóra das estructuras universitarias, na "Agrupación Fotográfica Compostelana" (A.F.C.), asociación de fotógrafos. Os seus estatutos permiten a creación a finais de 1965 do c.c. "A.F.C.". Nesta mesma liña teremos na década seguinte os c.c. "Santiago" e "A.N.U.E."
No grupo que crea o c.c. "A.F.C."-están as persoas máis significativas do c.c. "Universitario", como Gonzalo Anaya, Ezequiel Méndez, Luis Mariño, J. Luis Santos Salgado, Antonio Meizoro, etc., progresistas, máis cercanos á esquerda, algúns deles militantes do Partido Comunista. O abandono do c.c. "Universitario" para constitui-lo da "A.F.C." foi esencialmente un "acto político", pero tamén cultural, xa que se desexa continuar coas proxeccións. Preténdese tamén abri-lo c.c. ó resto da cidade, que non estivera restrinxido unicamente ó ámbito universitario. Coa colaboración do Ateneo de Santiago consiguen unha certa participación de estamentos burgueses liberais (médicos, avogados, arquitectos, etc.), pero non populares.
A entrada deste grupo burgués liberal dálle ó c.c. un maior peso específico dentro da cidade, e permítelle unha maior capacidade de maniobra frente ás presións das autoridades.
Dende 1965 ata os sucesos universitarios de 1968 o c.c. "A.F.C." xoga un papel político de primeira magnitude dentro do ámbito universitario, servindo de caixa de resonancia das inquedanzas estudiantís. Dende comenzos da década, pero sobre todo nestes anos, o c.c. suple a falla dun movemento estudiantil organizado. O universitario accede á política a través do c.c. e do que nel se fala, que non é somente cine. As sesións utilízanse para debatir e dar a coñecer –indirectamente, ou directamente cando se pode- a realidade social, política e cultural do país; presentacións e coloquios son utilizados neste sentido. Cineclubisticamemte é tamén unha época moi rica en acontecementos; salientamos a presencia no c.c. de prestixiosos coma Bardem, Martín Patiño e Gonzalo Suárez, na presentación e coloquios dalgunhas sesións. Este último presentou Ditirambo o 19 de xaneiro de 1968, que, según as nosas fontes, foi a primeira ou unha das primeiras proxeccións públicas do filme en España.
O ano 1968 significa un ponto de inflexión na loita estudiantil compostelana e tamén no c.c. "A.F.C.". Apartir de xaneiro comenzan as movilizacións estudiantís na cidade, que terán o seu cume nos meses de marzo e abril, onde a Universidade está practicamente pechada. Nestes intres, o c.c. é un grande centro de actividades políticas, servindo de caixa de resonancia do movemento estudiantil, que por primeira vez se deixa ver claramente saíndo ás rúas da cidade.

1968-1970
Co despunte claro do movemento estudiantil, o c.c. perde importancia e influencia, pasando ás rúas o protagonismo de resistencia antifranquista.
As loitas estudiantís da primeira metade de 1968 poñen ó descuberto o verdadeiro papel do c.c. "A.F.C.", único en funcionamento neste período na cidade. En consecuencia, as autoridades locais, universitarias (Rector) ou non universitarias (delegación local de "Información y Turismo" sobre todo) desencadean unha forte represión sobre o c.c. Son represaliados algúns membros da directiva coma Luis Mariño e Alfonso Rey, e as trabas para a organización das sesións van dende a negación do permiso da exhibición ó aumento do aluguer da sá de proxección, debidos ambos casos á negra laboura de "Información y Turismo".
A radicalización da loita estudiantil fai que ese grupo bugués liberal que asiste ás sesións abandoe o c.c., quedando só o estamento universitario e uns poucos profesores.
Consecuencia de todo isto é un período de decadencia, que remata co peche do c.c. en marzo de 1970.

1971-1975
Neste período chegan a funcionar catro c.c.: o c.c. "A.F.C." reabre as súas portas a finais de 1971 da man de algúns antigos directivos (Lorenzo Velayor, Gonzalo Anaya, C.Alonso del Real, etc.) que pronto son sustituídos por unha nova xeneración (César Antonio Molina, Manuel González, Jesús Lodeiro, etc.). Non vai xogar un papel tan importante como na década anterior, anque nas súas masivas sesións se reparten panfletos, anúncianse convocatorias de manifestacións e incluso se chega a apoiar economicamente cos fondos do c.c. as folgas abreiras de Ferrol destes anos. Na temporada 1973-1974 aparece un acompañante nacionalista dentro do c.c., que se traduce na realización dos carteis anunciadores e programas en galego. Das súas sesións salientamos algúns estreos cinematográficos á nivel de Galicia, caso de Muerte en Venecia, así como unha sesión celebrada o 15 de febreiro de 1973 á cal asiste Claudio Guerín, que ó día seguinte morre en Noia na rodaxe de La campana del infierno, e ó cal se lle adica unha homaxe póstuma coa proxección dalgunhas curtametraxes españolas, entre elas Luciano, do propio Guerín.
En marzo de 1973 aparece o c.c. "Universitario Intercolegial", que retoma plantexamentos do c.c. "Universitario de los Colegios Mayores". Nel participan os colexios San Agustín, Gelmírez, e El Pilar; posteriormente ampliarase a participación ó resto dos colexios maiores. Ten un funcionamento moi irregular e dasaparece a mediados de 1975.
Dentro da asociación "Antiguos Alumnos del Colegio La Salle", en xaneiro de 1974 comenza as actividades o c.c. "Santiago", dirixido por José Mª Folgar. Distínguese dos outros c.c. da cidade en exercer exclusivamente unha programación por ciclos.
Por último, no colexio "Gelmírez" -que estaba ligado ó c.c. "Universitario Intercolegial"- créase un c.c. propio a comenzos de 1975 e que desenvolverá as súas actividades sobre todo na segunda metade desta década.
Se algunha característica define á maioría dos c.c. da primeira metade dos anos setenta é o funcionar case coma sás de "Arte y Ensayo". Dende a desaparición da sá de "Arte y Ensayo" do "Teatro Principal" en xuño de 1976, existe un vacío na cidade que é suplido polos c.c. Isto vese tanto nas películas proxectadas (moitas delas consideradas coma de "Arte y Ensayo", que só se poden proxectar neste tipo de sás ou ben nalgúns c.c.) como no funcionamento interno dos propios c.c. Neste último caso, cabe salienta-la figura do "abonado", que sustitúe ó "socio" tradicional. O único requisito para asistir ás sesións é mercar un bono para unha ou varias sesións, segundo o caso, co cal os c.c. actúan case coma sás comerciais.
Neste período pérdese en grande medida a tradición de presentacións e coloquios da década anterior, e ás sesións apenas asisten algúns profesores e catedráticos.
O excesivo número de c.c. – co que ten de competencia- sumado a unha serie de problemas coxunturais que afectaron sempre ós c.c. compostelanos (dificultades coas distribuidoras, carestía dos alugueres das sás de proxección, etc.) fixeron que a maioría deles rematen a temporada 1974-75 con déficits.
En 1975 a crise do cineclubismo compostelano é aberta e maniféstase de forma clara. No verán deste mesmo ano búscase unha saída á crise, que resultará na actuación mancomunada dos c.c. "A.F.C." e "Santiago", facendo unha programación conxunta para reducir costes e amplia-la oferta cinematográfica. A estes dous súmase a delegación local da "Asociación Nacional de Universitarios Españoles" (A.N.U.E.) apoiando economicamente coa merca de parte dos bonos dos dous c.c. anteriores, e ó mesmo tempo xestiona a legalización dun c.c. propio.
O caos na distribución de películas (agravado nas datas da morte de Franco), a aparición da "Sala Especial" citada antes da separación de A.N.U.E., xa cun c.c. propio, leva ós c.c. "Santiago" e "A.F.C." a suspende-las sesións en febreiro de 1976, desaparecendo definitivamente ámbolos dous a finais deste mesmo ano, despois dun novo intento de resurxir.

1976-1979
Estes son os primeiros anos da transición política no estado español. Neste período funcionan regularmente os c.c."A.N.U.E." e "Gelmírez", sendo o primeiro o máis representativo.
A censura, que ten uns efectos desastrosos para toda a industria cinematográfica e, en particular, para os c.c., flexibilízase nos últimos anos da dictadura franquista. Dende o comenzo da transición ata a desaparición da censura en 1978 coa promulgación da Constitución Española, vaise permitindo gradualmente a entrada dunha serie de filmes anteriormente prohibidos; son sobre todo filmes de contidos socio-políticos e tamén eróticos, anque estes últimos apenas teñan cabida nos c.c.
Precisamente, a programación de filmes de forte contido socio-político (ciclos de cine revolucionario, político, antifeixista, etc.) é a principal característica do c.c. "A.N.U.E.", se ben non se descarta outro tipo de cine; isto é lóxico, se pensamos na atmósfera política que vivía o país nestas datas. Dos filmes proxectados salientamo-las primeiras proxeccións públicas nun c.c. compostelano das míticas películas de Eisenstein Octubre e El acorazado Potemkin, o 17 e o 23 de maio respectivamente, anque foron proxectadas clandestinamente por pisos da cidade en vida de Franco.
Coa desaparición en marzo de 1979 do c.c. "A.N.U.E." péchanse dúas décadas de cineclubismo, cos seus altos e baixos, pero en conxunto moi positivas. Non só acercaron a moitas xeneracións o feito fílmico, senón que abriron os ollos de moitos estudiantes a outras cuestións, sociais, políticas e culturais (3).

NOTAS
(1) VV.AA., Regards neuf sur le cinèma, editorial Seuil (París), Bourges, 1963, p. 245
(2) La noche, 23-2-1956, p. 2;25-2-1956, p. 2; 27-2-1956, p.2.
(3) A tese de licenciatura O cineclubismo en Santiago de Compostela (1961-1979), presentada polo autor deste artigo o 16 de nadal de 1986 na Facultade de Xeografía e Historia, é a base deste texto.
Eijo Barro, Mario
Eijo Barro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES