Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondoñedo: Os poetas cantores do Nadal

jueves, 02 de enero de 2014
Os poetas cantores do Nadal son os que, a finais do século XVIII e comezos do XIX, deron comezo á chamada Escola poética do Seminario de Mondoñedo. Todos eles compuxeron panxoliñas en galego, en castelán e en latín, panxoliñas que foron musicadas polos Mestres de Capela da Catedral de Mondoñedo: Pacheco, Santabaya, Pascual Saavedra... e que se conservan no Arquivo catedralicio. Estes vilancicos eran cantados na propia Catedral.

Estes poemas teñen unha grande importancia polo momento en que foron feitos: en plenos séculos escuros nos que a produción escrita en galego era mínima ou inexistente.

Catro son os autores mindonienses dos que chegaron a nós ás súas panxoliñas en galego: Antón María de Castro e Neira, Luis Corral Rodríguez, Xacinto Romualdo López e Pascual Saavedra. Dun irmán de Luis Corral Rodríguez, Xosé María, só se conserva un longo poema en castelán.

Antón Mª de Castro e Neira naceu en Mondoñedo o 6 de outubro de 1771. Estudiou no Seminario mindoniense de Santa Catarina onde tamén foi profesor de Filosofía entre 1798 e 1810. En 1797 aproba o “Digesto” e en xuño obtén o Bacharelato en Leis na Universidade de Santiago. Foi ordenado sacerdote na igrexa parroquial de San Xiao de Mugardos polo Bispo de Santander don Rafael Tomás Menéndez de Luarca, que estaba acollido no mosteiro de Vilanova de Lourenzá por causa da persecución napoleónica. En 1810 foi nomeado cura de San Pedro de Argomoso e do seu anexo Santiago de Lindín. Castro e Neira vai vivir á reitoral de Argomoso e alí ten lugar o seu pasamento o 10 de outubro de 1826, cando tiña cincuenta e cinco anos. Escribiu poesías en galego, en castelán e en latín. Da súa poesía escribe Xosé María Álvarez Blázquez: “A musa de Castro e Neira é sinxela, labrega e pastoril; gosta de lembrar topónimos e traguer á escea pegoreiros polos seus nomes (...) No tocante ás formas, as preferidas do autor son a cada popular e o romance, penta e oitosílabo. O léxico é moito máis puro, máis escolleito que os dos autores devanceiros (1) .

Luís Corral Rodríguez naceu en Mondoñedo o 7 de outubro de 1784. Estudiou no Seminario Filosofía e primeiro de Teoloxía entre 1801 e 1805. Cando deixa o Seminario, vai facer farmacia na que acada a Licenciatura en 1910, establecéndose en Mondoñedo. O seu pasamento tivo lugar en Mondoñedo o 18 de outubro de 1830. Escribiu poesías en galego, en castelán e en latín, pero a maior parte da súa obra non chegou a nós. Da poesía de Luís Corral escribiu Álvarez Blázquez: “O estilo de Corral, os recursos temáticos, moldes estróficos, etc., gardan gran semellanza cos de Castro y Neira, como que ambos responden a módulos da época, dentro da común intenzón popularizante (2) .

Xacinto Romualdo López naceu en Ribadeo o 7 de febreiro de 1808. Cursou no Seminario mindoniense os cinco cursos de Teoloxía, entre 1828 e 1833. Unha vez que deixa o Seminario fíxose mestre de primeiro ensino, traballando moitos anos na escola de primaria do propio Seminario. En 1843 foi alcalde de Mondoñedo. Finou en Mondoñedo o 30 de xuño de 1895. Compuxo versos en galego, castelán e latín, pero só chegaron a nós dous vilancicos. Colaborou no Diccionario de Madoz e escribiu algúns libros docentes.

Pascual Gregorio Saavedra Iglesias viu a luz na cidade de Mondoñedo o cinco de xullo de 1829. Estudiou no Seminario e foi ordenado sacerdote. Impartiu durante varios anos clases de Filosofía no Seminario. O 27 de marzo de 1867 tomou posesión como Mestre de Capela da Catedral de Mondoñedo. Finou na súa cidade natal o catro de novembro de 1908. Carlos Villanueva, no seu libro Los Villancicos Gallegos, atribúe a Pascual Saavedra a autoría de dous cantos de Nadal.



ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé Mª, Escolma da poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830), Vigo 1959, páxina 164.
Ibidem, páxina 180
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES